A empresa
galega Imatia está a achegar novamente formación especializada para
os nosos universitarios de Telecomunicacións. E faino apoiando
boa parte desta actividade educativa no emprego de tecnoloxía de seu
para o desenvolvemento de software, a tecnoloxía Ontimize.
Esta achega formativa intégrase no compromiso de Imatia co mundo
universitario e co talento local, un compromiso que se materializa
cada ano e que volve abrollar estes días coa estadía na sede de
Imatia de estudantes en prácticas do Grao de Enxeñaría de
Tecnoloxías de Telecomunicacións (Universidade de Vigo). A idea é
permitir a estes futuros enxeñeiros un amplo achegamento ao que será
o seu vindeiro traballo, ademais de achegar unha continuidade para a
súa formación.
No curso deste ano participan 16 alumnos, dos cales
12 están na oficina de Imatia en Vigo e 4 na da Coruña. Todos eles
reciben formación impartida por persoal da empresa, tanto acerca de
Ontimize como doutras aplicacións relacionadas, co fin de aplicar
logo os devanditos coñecementos adquiridos en diferentes tarefas a
realizar durante as 240 horas que dura o seu período de prácticas.
Segundo informan os responsábeis de Imatia, “cremos
que se trata dunha magnífica oportunidade para estes alumnos de
Telecomunicacións, xa que é a súa toma de contacto co mundo
empresarial ao que accederán en moi pouco tempo”. Ademais, a firma
valora moi positivamente o feito de poderen traballar os alumnos con
Ontimize, que é unha infraestrutura-marco corporativa que facilita o
emprego das principais tecnoloxías usadas na actualidade para o
desenvolvemento de aplicacións de negocio. Por exemplo, Angular,
Java, CSS3, HTML5, Spring, Android, iOS. En palabras de Imatia,
Ontimize “fornece un coñecemento que con toda seguridade será
reaproveitado por estes estudantes durante a súa carreira
profesional”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario