Este
luns arrincou
en Filoloxía e Tradución (Universidade de Vigo) a segunda edición
das Xornadas de Doutorandos en Comunicacións, cita formativa
para estudantes en proceso de obteren o doutoramento na dita
especialidade. Nos encontros participan unha decena de investigadores novos, achegando as súas achegas en diversos eidos
temáticos, moitos deles ligados directamente ás novas tecnoloxías
da información: Twitter e a política, xestión de marcas a nivel
persoal e non empresarial, pontes entre o subtitulado e a lingua de
signos, etc. As xornadas, que se desenvolven tamén hoxe, son un
palestra para amosar o miolo dos traballos dos futuros integrantes do
noso tecido investigador.
Coordinada
polos profesores Mª José Corvo Sánchez e Benigno Fernández
Salgado, a inauguración desta cita contou tamén coa participación
de Luis Alonso Bacigalupe, decano da Facultade de Filoloxía e
Tradución, que fixo especial fincapé na importancia da comunicación
como “unha actividade transversal e esencial” que xera un gran
valor engadido para as empresas. “Vivimos un tempo complexo no que
parece que todas as actividades que non sexan enxeñaría e
tecnoloxías non son importantes, pero tamén no que as cousas
empezan a mudar e hai xa síntomas de que as habilidades
comunicativas comezan a valorarse e a facerse necesario un perfil de
expertos en comunicación coma o que vós representades”, salientou
o decano.
A
primeira en amosar os seus traballos foi a investigadora Ana María
da Silva Vieira, que presentou os principais puntos dunha
investigación coa que pretende afondar nos vínculos que unen os
ámbitos das relacións públicas e do secretariado. No caso de
Julinda Molares, outra das investigadoras participantes, a súa
intervención xirou en torno a xestión da denominada marca persoal,
personal branding en inglés, un concepto de desenvolvemento
persoal que consiste en considerar a determinadas persoas como unha
marca que, ao igual cas marcas comerciais, debe ser elaborada,
transmitida e protexida, con ánimo de diferenciarse.
No caso
de Xavier Martínez Rolán, vicedecano da Facultade de Ciencias
Sociais e da Comunicación, fixo nos encontros unha aproximación aos
diferentes estudos que se realizaron sobre Twitter desde a comunidade
académica, con especial interese no relativo aos medios de
comunicación e á política, tanto internacional como nacional e
rexional/local.
A influencia do teatro na creación
cinematográfica do realizador nipón Hayao Miyazaki, os formatos de
debate no prime-time das cadeas autonómicas de Galicia, unha
análise crítica da biografía feita por Ángel de la Calle sobre a
fotógrafa italiana Tina Modotti, a relación entre subtitulado e
lingua de signos española e estratexias de contidos para as redes
sociais das institucións de educación superior en Europa, son
outros temas nos que están a traballar esta nova xeración de
comunicadores e que se presentaron nas xornadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario