luns, 30 de novembro de 2015

“A pseudociencia ocupa máis espazo nos medios que a ciencia”

Marilar Aleixandre, escritora e profesora de didáctica das ciencias na USC, reclama unha divulgación científica rigorosa e en galego.

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) leva tantos anos en Galicia –chegou na década dos 70– como tempo loitando pola presenza do idioma nos ámbitos científicos e no ensino das ciencias. Bióloga de formación, profesora de didáctica das ciencias na Universidade de Santiago, escritora e unha das coordinadoras de Setestrelo, a canle científica do Consello da Cultura Galega, reivindica o galego entre as fórmulas químicas e os algoritmos matemáticos, e chama a atención das facultades de ciencias, afastadas da docencia no idioma propio. A divulgación científica é unha obriga da comunidade investigadora pero cómpre rigor ao facela: lamenta Aleixandre que as pseudociencias seguen a ocupar máis minutos e espazo nos medios que a investigación seria.
Que significaba ensinar e divulgar a ciencia en galego nos anos 70?
Comecei a dar clases en galego nun momento no que non había ningún manual e no que ademais, a mediados dos 70, non había nin sequera dicionarios.  Eu o único que tiña era o de Don Eladio, aquel dicionario en tres tomos. Unha das primeiras cousas que fixen foi elaborar en Vigo materiais en galego e lembro tamén que no ano 1976 se fixeran unhas xornadas do ensino en Maceda nas que un grupo de xente presentamos uns folletos sobre as árbores de Galicia. Esas xornadas acabaron coa Garda Civil entrando porque foran prohibidas polo Goberno Civil. No 1981 tiñamos case acabado o primeiro libro de ciencias en Galego e a editorial parouno porque non lle pareceu adecuado nese momento. Levaba o nome de Xilbardeira e editámolo finalmente como edición de autor na imprenta de Vigo onde todos os partidos clandestinos facían os seus panfletos. Distribuíse directamente nos institutos e tivemos un montón de leas. Foi no ano 1989 cando xa saíu Setestrelo 1 e 3, para 1º e 3º de BUP. Estes son os primeiros libros de ciencias en galego. Ao mellor  hai xente que non sabe que o primeiro libro que editou Xerais foi o do colectivo Vacaloura, un libro de matemáticas en galego. O galego nas ciencias é unha reivindicación presente dende o comezo.
‘Moita xente non sabe que o primeiro libro que editou Xerais foi de matemáticas en galego’
Que hoxe exista un Día da Ciencia en Galego –o 7 de novembro– fala de que malia os avances aínda quedan cousas por facer.
O famoso decreto do trilingüísmo déixalle ao galego un terzo das horas lectivas como se fose unha lingua estranxeira. Xustamente hai materias como Física ou Matemáticas que se colocan impartidas obrigatorias en castelán. Penso que isto reflicte unha idea por parte do goberno galego que dá moito que pensar, materias que teñen que ser en castelán e outras en galego. Dende principios dos 80, hai mais de trinta anos, estamos no mesmo que hoxe… temos que seguir dicindo que as ciencias poden ser, e deben ser, abordadas en galego. Durante todo este tempo o certo é que a divulgación en galego foi cousa de total voluntarismo individual, dende clases e materiais en galego a todo o traballo de divulgación científica. Non había practicamente nada até hai uns cinco anos, ou algo así, que aparecen algún libros, GCiencia máis tarde, varias liñas editoriais de divulgación científica e mesmo programas na radio e televisión, como o espazo de Jorge Mira ou Efervesciencia, os dous na Radio Galega. Tamén actividades nos bares, combinadas con teatro, como fai Xurxo Mariño. Todo isto é moi recente.

Marilar Aleixandre. Foto: Anxo Iglesias.
E un dos ámbitos máis tardíos a normalizar?
Eu fun profesora de instituto durante doce anos antes de selo na Universidade.  Lembro que daquela moito alumnado coñecía o nome das árbores en castelán.  Co actual decreto resulta que, non sei por que, unha das materias que se está dando en inglés en moitos centros é precisamente a de Ciencias da Natureza. Os nenos aprenderon que  o sauce é o salgueiro e agora diranlle willow! Eu conto unha anécdota de Dieste e da súa muller, que era inspectora e visitaba escolas. El preguntáballe a uns nenos se sabían o nome dunhas flores que había por alí, o mexacán, esta floriña amarela, e a nena dixo que non o sabía. Pero logo á mestra díxolle que si, que se chamaba mexacán, pero que non se atrevera a chamarlle así.  Estamos perdendo todo ese patrimonio lingüístico. Onte tiven unha actividade de laboratorio cos alumnos e leveilles mexacáns; para eles era unha margarida. Antes había moito máis contacto coa natureza, porque os rapaces vían o campo. Hai unha perda total do que é o coñecemento de árbores e plantas; non é doado atopar unha persoa que distinga o que é unha xesta dun codeso… E logo hai outra cousa: a cultura enténdese por cultura humanística e a cultura científica non se considera parte. Se non sabes que Follas Novas o escribiu Rosalía considérante un analfabeto, pero cando ven o granito do Porriño chámanlle mármore e quedan tan tranquilos. Mesmo xente culta non distingue máis alá de media ducia de árbores. Tenme pasado, con escritores mesmo. Esta conversa, por exemplo: - Mira que sabugueiro en flor! — Anda, non me digas que é un sabugueiro! –Pero se o tes nun poema!  –Pero non sabía que era isto!
‘Ata hai cinco anos, case non había divulgación científica en galego, agás voluntarismo individual’
Segue a haber prexuízos cara o idioma?
Eu creo que non nese aspecto. Antes do 1982 si que había xente, profesorado, que aínda non tendo mala actitude cara o galego, se sentía inseguro á hora de dar as ciencias en galego. Hoxe en día en teoría ese problema non existe porque a xente que fixo os seus estudos a partir do 82 estudou en galego. Hai libros de ciencias en galego e gran cantidade de materiais, afortunadamente, guías, materiais didácticos, na rede. Porén, hai que dicir que as facultades de ciencias son as que menos usan o galego.
Iso non revela prexuízos?
A porcentaxe de uso do galego é pequena en todas as carreiras. A USC é a única que leva moitos anos estudándoo sistematicamente e non chega nin ó 30% de media. Cando se deron as primeiras clases en galego na Universidade? Aconteceu simultaneamente en Químicas, con Manolo Bermejo, e en Letras, en Gramática, con Antón Santamarina. Antes deunas Carballo Calero pero eran xa clases de lingua galega. Nesa facultade de Química nos anos 70  na que se deron as primeiras clases en galego unha persoa que fixo a tese comigo acabou a carreira de Química sen recibir unha soa clase en galego, na USC. Creo que a comunidade científica ten que facer un esforzo para incorporarse. Espero que coa xente nova cambie, estamos nun momento no que conservar o galego debería ser esforzo de toda a sociedade, cada sector debería poñer o seu. Hai moito máis galego nas aulas de Infantil e Primaria que na universidade. Nas carreiras de ciencias e nas enxeñarías o galego é anecdótico.
‘Hai moito máis galego nas aulas de Infantil e Primaria que na universidade’
Hai que crear aínda un público para os contidos científicos nos medios?
Xa teñen un público e unha audiencia, eu cre que o publico existe e tamén se crea. É mentira que a xente non lea, le moito máis ca antes porque, entre outras cousas, sabe ler todo o mundo. O que teñen é que ser comunicadas dun xeito accesible. Non esperta o aspecto afectivo como os animais ou mesmo as árbores, pero hai un público. Creo que a persoa que máis charlas dá nos institutos é Anxo Carracedo.
O reto é facer contidos culturais dende a ciencia.
Creo que hai certo prexuízo e descoñecemento. Hoxe a xente ten que saber o que é o buraco de ozono ou por que dicimos que o cambio climático é algo xerado pola actividade humana para saber que todos temos unha responsabilidade niso. É importante ter unha opinión pública que obrigue aos gobernos a tomar medidas.
Toleraríamos menos con máis información científica?
É importante que a xente coñeza para que poida tomar decisións e para iso é necesario que a ciencia se recoñeza como parte da cultura. Existe o tópico de que o único que ensina a pensar son a Filosofía e as Humanidades. É un bulo que se botou a rodar por aí interesadamente por xente que sabe ademais que non é certo. As miñas investigacións son sobre iso, o razoamento científico, baseado en probas científicas. As ciencias axudan a ese pensamento crítico, a formar unha opinión crítica.
Di que a pseudociencia abunda nos medios.
Si, a pseudociencia ten moitas máis páxinas nos xornais e horas nas televisión e radio que a ciencia. Decatémonos da cantidade de suplementos e xornais, por non dicir todos, que levan páxina de horóscopo. E logo en cousas máis serias,  a homeopatía neste momento está aprenderse nalgún sitios das universidades, empezando pola USC, e eu non o podo entender. Cando se usaban o mercurio ou o arsénico como medicamento, si, nese momento era mellor beber auga, pero neste momento non hai ningunha proba científica a favor da homeopatía. Acontécelle como á astroloxía, non mudou nunca, e esa é unha das características das pseudociencias, porque as ciencias cambian. A xenética que fai Carracedo non ten nada que ver coa xenética na época de Mendel, e Mendel foi un gran científico. As hipóteses cambian cando aparecen novos datos. A homeopatía vai contra todo o que sabemos da química e da física. É un escándalo que se lle faga propaganda. Eu vou pechando as farmacias de Santiago que venden homeopatía, quedei con moi poucos lugares onde poder mercar.
‘Eu poño como exemplo en divulgación a Carracedo, a Jorge Mira e a Xurxo Mariño’
Que debe ter a boa divulgación?
En primeiro lugar ten que ser rigorosa e para iso ten que facerse con coñecementos científicos. É importante que se escriba nun rexistro accesible. O discurso ten que transformarse. Hai grandes científicos aos que lles custa moito comunicar nunha linguaxe accesible. Pero non hai unha preocupación por ensinarlle á xente a comunicarse nun rexistro que sexa accesible ao público e creo que falta na educación. Ponse moito o acento na escrita, e na Universidade sería importante tamén que as persoas que se forman nas especialidades de ciencias fosen capaces de comunicarse en diferentes rexistros. Neste sentido o papel de proxectos como Gciencia é moi importante e obriga aos científicos  a contar o que fan de maneira que poda chegar ao público. É tamén o que queremos en Setestrelo.
Facerse entender sen renunciar ao rigor.
Creo que no mundo anglosaxón hai máis grandes científicos que son grandes divulgadores, como Richard Dawking, que fala de cousas como xenética dun xeito accesible. Iso comeza aquí. Poño o exemplo de Carracedo porque é unha persoa que o fai moi ben, ou Jorge Mira, eu escoito o seu espazo na Radio Galega e cóntao dun xeito moi claro, como Xurxo Mariño. Nestes momentos estase poñendo en marcha unha normativa da UE para comer insectos. Sobre iso hai prexuízos pero calquera dos que comemos chapulíns en México sabemos que é moi semellante a comer camaróns. Pódese facer que isto se entenda, mesmo para nenos e nenas de Primaria e ademais pódese facer en galego, que vale para cantar unha muiñeira pero tamén para dar unha clase de Física.
En que medida axuda tamén a recoñecer o labor dos científicos nun momento no que ademais os orzamentos de investigación se reducen e obrigan a moitos investigadores a emigrar?
A sangría que sufriu a investigación científica en España coa crise dende hai catro anos é algo que vai tardar en recuperarse décadas. Podemos pensar no problema persoal, que é enorme, pero o problema é o que sufre o país. Estamos enviando fóra á xente mellor formada e é algo que pagamos toda a sociedade.  A ciencia en Estados Unidos é a primeira do mundo pero moitos dos científicos non foron formados alí. Eu xa escoitei falar de oportunidades. Eu falo cinco idiomas e son perfectamente consciente disto, fixen estadías en distintos países e iso é unha cousa distinta. A xente ten que poder traballar aquí porque é necesario para os equipos científicos. Eu colaboro bastante con dous equipos de Estados Unidos que están facendo un estudo sobre as clases de ciencias. Estase facendo con máis de 50 profesores e cun orzamento de tres millóns de dólares. Non ten nada que ver cos proxectos que temos aquí de educación, que andan polos 70 mil euros para tres anos. E ademais parte do profesorado, tamén nas universidades, é interino, profesorado que está en precario, pouco máis que mileuristas.

O informe da OCDE como nova excusa para bater no profesorado

Nestas últimas datas están a aparecer nos medios novas acerca do informe da OCDE que se publicou recentemente, e que analizan o estado do ensino e os seus axentes no estado español.

No STEG non imos entrar a valorar ese informe, posto que a OCDE é un organismo de carácter económico, que basea os seus estudos en comparativas entre os estados membros, e non entra a valorar as características particulares de cada un dos territorios, co que se deixa de lado a labor social da educación, imposible de medir nos termos que esta organización manexa.

Pero o que non se pode consentir é que se utilice este mesmo informe para seguir perpetrando esta campaña de desprestixio da profesión docente, reavivada nesta precampaña electoral, que semellaba estancada dende que o señor Wert pasou ao seu retiro dourado en París. Seica o máis salientable deste informe é que ao profesorado non se lle somete a unha avaliación externa, ou o número de xente nova que non estudia nin traballa, coma se buscasen unha xustificación para as últimas declaracións do señor Marina.

Quizais non se considera importante que España sexa un dos países nos que máis se recorta en educación. Ao mellor non é relevante que, mentres se afirma que canto menor é o número de alumnado por aula máis tempo se lle pode adicar a un ensino individualizado, se recoñeza que a media de alumno por aula é maior en España que na media da OCDE. Seica non interesa saber que España é, despois de Grecia, o país onde hai máis titulados superiores en paro. E, por suposto que ninguén quere saber que a profesión docente é unha das peor pagadas entre os traballadores con niveis de estudos similares.

Certo, a campaña debe centrarse en que aos docentes non se lles avalía. Nunha cousa teñen razón, alomenos en parte: os docentes do ensino privado e concertado non teñen que pasar polas durísimas probas de acceso á función pública docente. Segundo a OCDE, esta avaliación inicial, lonxe de ser abondo para seleccionar as persoas mellor preparadas para o ensino público, debe ser tan mala que incluso fai inútil o traballo da inspección educativa, que é o servizo que debe velar pola boa calidade do sistema.
Dende o STEG queremos recomendarlles ás señoras e señores da OCDE que, se queren saber cales son os problemas do ensino público, non os vaian buscar nos docentes, que son os que están salvando a educación mantendo o nivel do ensino público, a pesar do aumento da carga horaria, o aumento do número de alumnos por aula e a perda de dereitos laborais que levan sufrindo dende hai anos.

Permanente do Secretariado Nacional do STEG

'Opção Português' promovida nas novas tecnologias por taça de futebol 'virtual' em Vila de Cruzes

Projeto FIFA: a nossa lingua é internacional é umha atividade impulsada polo Clube da Língua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruzes.

Com esta iniciativa pretendem promover o uso do português nas novas tecnologias e ademais combater os prejuíços  e comportamentos sexistas  nos video-jogos  e nas atividades desportivas.
Este projeto conta com a colaboração da Associaçom Galega da Língua, AGAL, e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pintor Colmeiro, de Silheda. Ademais, vai ter o apoio de deportistas de base e do fútebol profesional, com especial atenção ao fútebol feminino. O Projeto FIFA botou a andar com uma conferência do programador informático José Ramóm Pichel, da empresa “Imaxin,  Factoria de Software e Multimedia”.
O galego, a língua das nossas avoas e avós, a língua das nossas filhas e filhos, a língua habitual no nosso centro de ensino e no nosso concelho, tamém tem projeção internacional, mais alá das nossas fronteiras administrativas.
A Lei Paz Andrade, impulsada por iniciativa legislativa popular e aprobada por unanimidade no Parlamento galego por todos os partidos políticos, coneta-nos com mais de 200 milhons de falantes de português.
O objetivo deste projeto  é que, sabendo que todos os video-jogos, aparatos eletrónicos, aplicações informáticas, filmes, telemóveis, etc, tenhem a OPÇÃO PORTUGUÊS,  aproveitemos esta vantagem. Desde este ponto de vista, entendendo que o galego tem projeção internacional, temos a sorte de que a nossa língua se fala em diferentes lugares do mundo por mais de 200 millões de falantes.
Graças ao português o computador do nosso citröen pode falar a nossa língua: "Porta esquerda aberta!"
Graças ao português, o nosso telemóvel pode falar como falamos nós: "ferramentas, chamadas, conversas..."
Graças ao português podemos acceder a todos os filmes online dumha comunidade de mais de 200 milhons de falantes.
Graças ao português, podemos acceder a um dos mundos musicais mais variados do planeta, a música lusófona!
Porque o português nasceu aqui, na Galiza e hoje a língua continua a unir-nos com muita gente arredor do mundo!
Porque queremos aproveitar os benefícios de falarmos umha língua que nos une com um mundo de mais de 200 milhons de persoas e multitudes de recursos....
Nós, nos menus de configuraçom, escolhemos OPÇÃO PORTUGUÊS.
O projeto vai-se desenvolver através de conferências, atividades de dinamização e um campeonato de FIFA 15 em XBox em portugués. Este campeonato terá lugar no IES Marco do Camballón o 16 de janeiro de 2016.
No campeonato haverá três categorías, feminina, masculina e mixta e será por parelhas. Haverá 1 prémio por categoria, e as parelhas ganhadoras de cada categoria disputarão o primeiro prémio.
A gente que queira participar deverá anotar-se enviando um correio eletrónico a fifaemgalego@gmail.com ou falando com Andrea (4º ESO) do IES Marco do Cambalhón. A inscrição é de 5€ cada parelha.

A Rede galega rende tributo a Neira Vilas

Sen dúbida hoxe é unha data triste para a nosa terra. Faleceu na súa casa de Vila de Cruces o gran escritor Xosé Neira Vilas e dende Código Cero querémonos sumar á homenaxe que lle está a render a nosa comunidade internauta por enteiro ao autor de obras tan inmortais como Cartas a Lelo, Memorias dun neno labrego ou Días de Cuba. Entre as canles que máis esforzos está a despregar en despedir a Neira Vilas como se merece atópase Praza.gal, que comezou informando do seu falecemento (este venres aos 87 anos de idade na casa que o escritor tiña en Gres, Vila de Cruces) e proseguiu engadindo achegamentos á vida e á obra dun novelista que (cómpre lembralo) tamén foi reporteiro, dirixente sindical, activista cultural e político, pedagogo e, sobre todo, “unha das maiores figuras da literatura galega e do país”, segundo apuntan en Praza.
O medio dixital, por certo, tamén recupera para o seu tributo a Neira Vilas dúas entrevistas recentes, unha feita este mesmo ano (en xaneiro de 2015), na que lembraba aos seus lectores como comezou a sentirse galego de verdade cando estivo lonxe da súa terra, aos poucos meses de chegar a Bos Aires.
Outra canle envorcada nas homenaxes ao autor é sen dúbida a web do Consello da Cultura Galega, na que se achega un máis que completo percorrido multimedia (audios, fotos, vídeos, textos) pola vida e obra do escritor de Vila de Cruces, “activista incansábel da cultura e da lingua galega, tanto en América como en Galicia”. Segundo nos lembra o Consello da Cultura, Neira Vilas “foi un escritor que gozou de gran recoñecemento tanto no exterior como no interior, onde dende o seu retorno a Galicia participou intensamente da vida cultural do país e contribuíu a ela dende a súa Fundación na aldea natal de Gres”. O Consello, para homenaxear ao autor de Xente no rodicio, fornece dende hoxe unha completa escolma de textos, vídeos e audios dispoñíbeis a través das súas dúas canles (culturagalega.gal e consellodacultura.gal) e noutros sitios de Internet “para ler e gozar da palabra deste escritor emblemático do noso país”.
Amais das devanditas canles, tamén están a informar do pasamento de Neira Vilas (homenaxeándoo, rendéndolle sentido tributo) dende Galicia Confidencial, dende Sermos Galiza, dende La Voz de Galicia, dende El Progreso, e mesmo dende medios de alcance estatal como Eldiario.es ou Elpais.es. A nivel literario, cómpre salientar os tributos que se lle están a facer dende as editoriais Xerais e Galaxia, onde Neira Vilas publicou gran parte da súa obra.

Quen terá dereito á axuda de 100 euros por fillo da Xunta?

O presidente da Xunta desvela hoxe as claves da súa medida estrela contra o envellecemento. Con todo, o texto definitivo non se coñecerá até o xoves, xusto cando comeza a carreira electoral cara Moncloa. Alberto Nuñez Feijóo admite que “xa sabemos que con isto non se vai ter máis fillos”. 

Alberto Núñez Feijóo anunciou este domingo que o Consello da Xunta aprobará o xoves os límites de renda que dan dereito a esta chamada "tarxeta familiar". Polo tanto, os galegos coñecerán quen terá dereito a medida estrela do Goberno Galego para 2016 só unhas horas antes do inicio da campaña electoral das xerais.
 
Segundo informou o presidente da Xunta este domingo na Radio Galega, as familias galegas van recibir a axuda de 100 euros mensuais por cada fillo nacido a partir do 1 de xaneiro. Agora ben, hai límites de renda para deixar fóra da axuda aos máis ricos. 
 
Así, Feijóo dixo hoxe que non cobrarán aquelas familias con rendas de ata 45.000 euros/ano (3.750 euros/mes) en conxunto. Antes estimara que non terán dereito á subvención as familias con rendas superiores aos 10.000 ou 12.000 euros por persoa; pero hoxe fixou o límite per cápita en 13.500 euros. Así, unha familia de tres membros non podería superar os 40.500 euros/ano entre todos. 
 
Segundo cálculos do goberno, o 85% dos nenos que nazan en Galicia a partir do 1 de xaneiro terán dereito á tarxeta familiar para cobrar cen euros ao mes. 
 
A Xunta promete que vai aprobar a medida no Consello do xoves e de seguido o regulamento das solicitudes para poder presentalas xa dende aninovo.
 
Con todo, algúns detalles dese regulamento xa se coñecen. Os 100 euros cobraranse a través dunha tarxeta bancaria. O obxectivo é forzar aos pais a gastalos en produtos para bebés (cueiros, roupa, etc.).
 
A Xunta quere evitar que se usen os 100 euros para outros obxectivos. O Goberno poderá revisar os gastos feitos coa tarxeta e comprobar se están vinculados a crianza do neno. 
 
A duración da axuda será exactamente dun ano e o recargo do monedeiro electrónico faranse en doce prazos. O Goberno Galego está a negociar coas entidades bancarias a emisión destas tarxetas.
 
O propio presidente da Xunta admitiu hoxe que a cantidade subvencionada non é dabondo para solucionar a “gravísima” crise demográfica do país. Alberto Nuñez Feijóo non se fai responsábel dela, pois argumentou que sucede dende os anos 80 e que é un problema “estrutural”.
 
“Xa sabemos que con iso non se vai ter máis fillos, pero si queremos mandar unha mensaxe á sociedade, que Galicia sexa un bo lugar para ter fillos e que os fillos que temos en Galicia témolos que coidar”, concluíu.
 

O PP non quere que se investigue a actual situación do galego

Rexeita crear unha comisión para investigar o estado da lingua e critica á oposición por non aceptar o consenso que lle ofrece a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os recentes estudos e informes sobre a situación do galego non son nada favorables para o futuro da lingua. A pesar diso, o PP non quere investigar, en profundidade, a situación do idioma en Galicia. Os seus votos impediron este venres a constitución dunha comisión parlamentaria de estudo para levar a cabo un diagnóstico sobre a actual situación en que se atopa a lingua, e poder así avanzar no que establece o Plan de Normalización Lingüística.
 
A proposición non de lei foi debatida na Comisión de Educación e Cultura da Cámara galega por iniciativa do grupo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Neste sentido, o deputado Xabier Ron referiuse durante a súa intervención ao perigo que representa o feito de que a lingua galega "se converta en obxecto etnográfico dentro mesmo da propia Galicia".
 
Con todo, os populates non aprecian que o galego este en perigo. Para o popular Agustín Baamonde, a creación dunha comisión parlamentaria arrincaría "de posicionamentos claramente definidos", e acusou á oposición de rexeitar a posibilidade de consenso ao redor da lingua que lles ofreceu a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
 
E, aínda que recoñeceu que o problema da lingua galega "non está no ensino", senón "na non utilización do galego polas persoas novas, fóra das aulas", destacou que as sentenzas do TSXG e do Tribunal Supremo "constatan claramente como o decreto do plurilingüismo está a cumprir a súa función de equilibrio no coñecemento de ambas as linguas".
 
O futuro do galego depende de moitísimos factores pero tamén da imaxe da lingua que proxectamos de cara á sociedade; o galego será o que a sociedade galega queira que sexa", engadiu. Por iso, indicou que "o discurso catastrofista, victimista, de morte do galego, é perigoso porque vén dar a razón a quen queren enterrar a lingua".
 
A deputada socialista Concepción Burgo manifestou que o "desprestixio" da lingua galega comezou "cando o PP enfrontou a toda a sociedade en procura tan só duns votos", en alusión á promulgación do decreto do plurilingüismo. "Todas as estatísticas sobre o uso do galego son preocupantes para todos excepto para o Partido Popular", afirmou
 
Pola súa banda, o deputado Cosme Pombo, do BNG, puxo a voz de alarma ao sinalar que o galego é o único idioma que perde falantes en todo o Estado, e considerou que "o punto de partida" é a derrogación do decreto do plurilingüismo.
 
Carmen Iglesias, do grupo Mixto, sinalou que a metade dos mozos galegos nunca utilizan a lingua galega para expresarse, "sinal -dixo- de que o bilingüismo armónico de Feijóo non está a triunfar".
 

Tan só o 5% das escolas infantís das cidades usa o galego maioritariamente

O galego tan só se utiliza maioritariamente no 5% dos centros de Educación Infantil das cidades galegas. Ademais, no 40% destas escolas nin tan sequera se emprega a lingua propia e en máis do 75% ou non se usa ou a súa presenza é testemuñal. Estas son algunhas das conclusións que se tiran dos resultados do terceiro estudo sobre a situación do galego nas aulas de Infantil de 3 a 6 anos nas áreas urbanas que vén de presentar A Mesa pola Normalización Lingüística. Trátase dunha estimación "dentro das posibilidades" desta entidade e froito das entrevistas que a asociación leva a cabo neses centros e ante a ausencia dunha avaliación "que corresponde á Xunta facer".
O informe d'A Mesa alerta dun "notábel incremento da exclusión absoluta do galego" na Educación Infantil
Tal e como se observa no estudo, e como lembra A Mesa, estase a producir un "incremento notábel da exclusión absoluta do galego" neste ensino en Infantil. Ademais, "e por primeira vez", hai centros que xa declaran "abertamente" non utilizaren nunca a lingua propia, supoñendo estes un 40% do total. Esta porcentaxe aumenta a máis do 75% de incluír tamén aqueles que recoñecen empregar "moi maioritariamente" o español e tan só "algunha vez" e de xeito testemuñal o galego, xa que logo, aqueles que o utilizan só nalgún momento dentro da súa distribución horaria (o 36,43%).
En detalle, e no conxunto das sete cidades, o 39,4% dos centros aseguran empregar o castelán no 100% dos seus contidos, mentres que o 36,4% declara usar tamén o castelán maioritariamente. Ademais, o 19% manifesta empregar equitativamente os dous idiomas -o 50% cada un-, mentres que só o 5,2% declara que o galego é o idioma maioritario nos seus centros.
O 40% dos centros di empregar o castelán no 100% dos contidos e máis do 36% úsao maioritariamente; só o 5,2% usa fundamentalmente o galego
"Se o coñecemento do galego depender do Ensino Infantil, grande parte do alumando que comeza a Educación Primaria, chegaría a esta etapa alleo á mesma existencia da lingua galega", destaca o estudo, que sitúa cidades como Ferrol, Vigo e Pontevedra entre as que teñen situacións máis "preocoupantes", dentro do mínimo uso que hai en todas elas.
Porque en resumo, tan só o 5,20% dos centros de Infantil das cidades emprega o galego como lingua maioritaria, un lixeiro ascenso de tres puntos con respecto ao último informe de 2014 e unhas cifras similares ás de 2012. Todo malia "a lexislación e política da Xunta contraria a esta posibilidade". "A mobilización social e as sentenzas que limitaron a aplicación do decretazo, conseguiron que se perdese o medo á utilización maioritaria do galego, aínda así moi residual e anecdótica", destaca A Mesa no estudo.
A elocuencia das cifras é aínda maior botando man dos dous anteriores estudos elaborados pol'A Mesa. No curso 2008-2009, aínda co decreto 124/2007 en vigor -establecía un "mínimo" do 50% das clases en galego- a presenza do galego no ensino infantil urbano era do 35%. No seguinte curso,  2010-2011, esa porcentaxe ficaba xa no 10%.

Datos por cidades

A enquisa realizouse a comezo deste curso 2015/16 en 269 centros galegos, públicos e privados de Educación Infantil de 3 a 6 anos. Por cidades, a situación máis preocupante para o galego é a de Ferrol, onde continúa sen haber ningún centro onde o idioma propio sexa maioritario, mentres máis do 82% deles empregan o castelán na súa maioría. Na Coruña, un 2,3% ten o galego como lingua principal, fronte ao 25,6% cun reparto igualitario, mentres que en Lugo, o uso maioritario do galego abrangue o 3,7%% das escolas e a repartición igualitaria de ambas linguas ao 22,2%.
En Ferrol, non hai ningún centro de Infantil onde o galego sexa maioritario e máis do 82% empregan o castelán maioritariamente
En Ourense obsérvase un "alarmente aumento da exclusión do galego, que no 67% non chega nin a unha utilización mínima", mentres que só no 6% é maioritario (sen variacións respecto ao ano anterior) e o 21% din utilizar as dúas. Pontevedra, pola súa banda, é unha das cidades "con índices máis altos de exclusión do galego, xa que só o 25% dos centros utilizan algo de galego, aínda que cómpre destacar o aumento dos centros onde o galego é maioritario que pasou do 0 ao 16,9%, ou onde se utilizan as dúas linguas que pasou do 0 ao 4,2%.
Compostela é unha das cidades con maior oferta de galego nas escolas infantís
Compostela é unha das cidades con maior oferta de galego, aínda que escasa (o 13,9% con uso maioritario e o 8,3% cunha repartición equitativa), mentres que en Vigo, o nível de exclusión do galego "é altísimo e por riba da media galega", sendo maioritario só no 1,2% e repartido no 22,9% das escolas.
A Mesa destaca tamén no seu informe o "proceso de estranxeirización da lingua galega", que é "perfectamente visíbel no feito de que hai máis centros de ensino con materiais didácticos en inglés que en galego". Segundo a información recollida, “para esta exclusión e para a negación dun achegamento mínimo ao galego, serve como escusa o resultado da enquisa á que facía mención o Decreto 79/2010 contra o galego que, ilegalmente, se segue a realizar no conxunto do ensino.
A Mesa repara no "proceso de estranxeirización do galego" ao haber máis escolas con materiais en inglés que en lingua propia
"Esta enquisa, declarada ilegal polo TSXG, pretendía por unha banda segregar o alumnado en función da lingua, e por outra negar a posibilidade de que aínda utilizando o castelán na casa, nais e pais contasen coa escola como ferramenta para a transmisión do galego", conclúe A Mesa.

Crean unha plataforma para profesionalizar o sector do patrimonio cultural

INSTAN A XUNTA A DISTINGUIR ENTRE TURISMO E PATRIMONIO
 
Representantes de colectivos, entidades, empresas e profesionais de todo o país vinculados ao patrimonio  reuníronse en Compostela e acordaron constituírse nunha plataforma co fin de profesionalizar o sector.

A raíz do malestar xerado pola aplicación do Decreto 73/2015 polo que se regula a profesión de guía de turismo de Galiza, do que se fixo eco Sermos Galiza, profesionais e industrias culturais do ámbito do patrimonio reuníronse o sábado, 28 de novembro, no auditorio do Museo do Pobo Galego, en Compostela, e acordaron poñer en marcha unha plataforma a prol da profesionalización e proxección social do sector. Así, acordaron afortalarse como sector para “achegarlle mellor á sociedade as ferramentas para o coñecemento, preservación e divulgación dos bens materiais e inmateriais que conforman o patrimonio común das galegas e galegos”.
Desta maneira, profesionais do ámbito da arqueoloxía, historia, historia da arte, restauración e medio ambiente, xunto con representantes de institucións como as universidades, colexios profesionais ou da igrexa, compartiron “o convencemento do potencial do patrimonio cultural e natural como ben social capaz de xerar cultura, cidadanía e futuro”. Entre os acordos aos que chegaron, atópase a necesidade de poñer en valor “a alta capacitación das persoas profesionais e o potencial dos seus innovadores servizos, a relevancia económica e social dos emprendementos e o seu compromiso persoal e profesional coa sociedade e os bens culturais herdados”.
Fontes do sector sinalan en declaracións a Sermos Galiza que van seguir traballando por que a Xunta de Galiza distinga entre turismo e patrimonio cultural e que a problemática que sofren as persoas profesionais se teña en conta á hora de redactar a nova Lei do Patrimonio Cultural que prepara o Goberno galego.

"Dá forza saberse recoñecido e agasallado por un Premio tan importante"

XAVIER QUEIPO, GAÑADOR DO BLANCO AMOR
 
O escritor Xavier Queipo (Compostela, 1957) vén de recibir o Premio Blanco Amor de novela por Os Kowa. Nesta entrevista, o colaborador de Sermos Galiza -ten unha columna quincenal no semanario baixo o título Prosa do Observatorio- explícanos que supón sumar un recoñecemento máis á súa traxectoria.

Como valora o premio Blanco Amor recibido?
O Premio Blanco Amor é un dos premios de narrativa máis importantes do sistema literario galego. Daquela a valoración non pode ser senón positiva.
Que aspectos cre que tivo en conta o xurado á hora de lle conceder este premio?
O xurado destacou o ritmo trepidante cun transfondo de diálogo entre identitades culturais, de respecto pola diversidade e pola natureza. Iso e outras gabanzas pódense ler na acta do xurado e consultar no caderno dixital Novenoites de Francisco Martínez Bouzas, que deu cumprida noticia da opinión do xurado, ou na crónica que fixo Armando Requeixo para o diario El Progreso. Eu non vou engadir mais nada, eles dixeron...
Como recibe un escritor tan premiado o anuncio dun novo recoñecemento?
Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. É natural pois fun unxido co bálsamo do recoñecemento que amolece as quebras da saúde e do ánimo, co elixir do éxito, coa forza que dá saberse recoñecido e agasallado por un Premio tan importante como este é. Ende máis se un revisa o xurado, cunha mestura de escritores de renome, críticos literarios e profesores, o recoñecemento magnifícase.
A novela xurdiu do soño de ver a Amazonia estendéndose diante miña coma se fose un brécol xigante sucado aquí e alá por unha serpe sen ollos
Como xurdiu a novela?
Como a meirande parte das miñas novelas e dos meus textos narrativos en xeral, xurdiu dun soño, é dicir do inconsciente: o soño de ver a Amazonia estendéndose diante miña coma se fose un brécol xigante sucado aquí e alá por unha serpe sen ollos. Perfílanse a partir de aí outras imaxes de impacto como a música de Wagner soando no medio do mato ou o primeiro encontro cun indio, cun xaguar, cunha anta... Experiencia vivída, coñecemento acumulado, e xaora traballar coas verbas, coas imaxes, e sobre todo co ritmo da historia.
Se tivese que resumir en seis liñas Os Kowa...
Folleando un libro de “Papillons tropicaux”, Francis descobre unha lámina que chama a súa atención. Trátase de Callitaera aurora, orixinaria da conca superior do Amazonas. Fuxindo dunha relación sentimental errada aproveita unha oferta de traballo dun equipo multidisciplinar que vai explorar o curso superior do Amazonas, recolle varios libros e sae en dirección a Copenhague, onde o esperan os outros membros do grupo. A partir dese comezo, plantéxase a viaxe dupla –física e interior- que constitúen unha acción en paralelo. Nos lles vou contar mais nada, pois comprometería a lectura, que espero reflexiva.
En Os Kowa conto como un home, fuxe cara adiante, confronta as súas contradicións, remexe nos seus sentimentos e é quen de identificar o seu lugar no mundo
Que quixo transmitir na obra?
Non hai unha intención didáctica na novela, non é o meu gusto dar consellos ou pretender coñecer a solución aos conflitos existenciais das personaxes. Simplmente conto como un home, fuxe cara adiante, confronta as súas contradicións, remexe nos seus sentimentos e é quen de identificar o seu lugar no mundo. Todo iso co pano de fondo da Europa occidental e da conca do Amazonas, nunha aventura que mestura momentos álxidos de soedade lacerante con momentos expansivos de encontros con outras culturas e outras xentes.
Por que Europa e a Amazonia como telón de fondo?
A novela recolle como personaxe ao carater central de “Malaria Sentimantal”, que é galego e viaxa polo mundo como parte  de expedicións científicas que estudan a coevolución das especies animais e vexetais. Europa é o seu lugar de residencia, a Universidade de Compostela, en particular, e xaora sae polo mundo, antes foi en Camboxa e agora na Amazonia, dous lugares onde a biodiversidade debe ser protexida pois constitúe a nosa riqueza e o patrimonio que debemos deixar nas mellores condicións para os que nos sucedan. Na Amazonia tamén para chamar a atención dun xeito lúdico e non panfeltario sobre a situación das tribos do mato.

Pepe Neira Vilas, palabras da cerna da Terra

A miña xeración foi a primeira en termos aulas reguladas en lingua galega no ensino primario. Lembro perfectamente como nos anos do derradeiro ciclo da EXB liamos as Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas. Teño ben fondo o recordo de Balbino, o rapaz da aldea veciña, de Pachín, dos rebusques da festa polos que a miña avoa me preguntaba ao día seguinte do Santiago. Gardo con saudade as historias daquel neno que me resultaba próximo , que eu reivindicaba na miña asociación coa propia aldea visitada no Trasdeza nas fins de semana. Aquel libro permaneceu con gravado intenso na miña memoria. Aínda hoxe o estimo altamente da miña preferencia.
Anos despois tiven a sorte de coñecer persoalmente ao seu autor. Foi en Silleda, en novembro de 2005 na homenaxe a Alonso Ríos e Valenzuela. Para min supuxo unha grande emoción porque significaba pode conversar ao vivo con Neira Vilas, empoleirado desde a miña infancia, escritor dunhas letras idolatradas por seren e sentilas coma propias da Terra na que naceron e se criaron. O alto-escribente que pregoara as palabras rurais, o léxico dezao da cerna da Terra, á luz da universalidade.
Semellaba un rapazoulo incansábel,  e mesmo despois de superar unha recente doenza proseguiu gratamente enleado coa escrita en pegadas indelébeis, con presentacións, homenaxes, palestras, recoñecementos...
Houbo posteriormente varias coincidencias con el e a súa muller/namorada, Anisia Miranda. En actos de recuperación da memoria histórica das vítimas da represión franquista, do exilio, da emigración, dos que eles eran testemuñas  fidedignas para autenticar: San Simón, o Consello pola Memoria, a inauguración da rúa Ramón de Valenzuela na Bandeira, a rodaxe do documental Afranio, o Centenario de Valenzuela…Mais o que me resultou totalmente revelador e irresistíbel foi gozar da compaña de Pepe e Anisia na Feira do Libro da Habana en febreiro de 2008. A miña misión alí era coordenar as citas e o transporte d@s literat@s galeg@s convidad@s ao magno evento, e sobretodo, estar pendente destes dous mozos que revivían na Habana a súa segunda mocidade arroupados polas letras do País e representando a Galiza en Cuba, a súa outra nación. Foron quince días moi intensos, onde aformigou nos tres unha amizade infinita. Naquela altura sentinme por unha xornadas un home afortunado por poder partillar xenerosos momentos acesos que convertín en familiares e perdurábeis.
En outubro de 2009 Anisia finou e lamentei tristeiro a perda dunha das persoas máis xoviais que teño coñecido. Pepe continuou enteiro cos seus actos, tentando compensar o agarimo que tant@s galeg@s lle profesabamos. Semellaba un rapazoulo incansábel,  e mesmo despois de superar unha recente doenza proseguiu gratamente enleado coa escrita en pegadas indelébeis, con presentacións, homenaxes, palestras, recoñecementos... Era noticia permanente na prensa, nos xornais dixitais, nas redes sociais... Onte [nota de Sermos: o autor reférese á sexta feira 28 de novembro], por volta das 12, logo de rematar as aulas no IES Pedra da Auga, accedín aos medios na rede e atopeime co seu pasamento. Sentín un calafrío, notei como o meu cello se engruñaba, o meu rostro ficaba serio, adusto, aflito. Emocioneime desencaixado  ao rememorar tod@s @s nosos vell@s c@s que finan as palabras vivas da lingua propia, a Pepe e a Anisia, A Habana, as Memorias dun neno labrego, a Balbino, e acordeime tamén de Pachín, o meu can que mora na aldea, coma quen di, alguén.
 Matías Rodríguez da Torre
Profesor de lingua e literatura galegas

venres, 27 de novembro de 2015

Chega unha aplicación antibullying da man de Always On

O acoso a menores na Rede é algo real e moi perigoso, un tema que debe ser vixiado moi de preto. Pensando neste aspecto e na seguridade dos máis novos, Always On, empresa especializada en seguridade dixital, crea o seu servizo antibullying (anti-acoso). E como se fai posíbel este control? Pois mediante a instalación dunha ferramenta software nos dispositivos do menor (computador, móbil ou tableta), a través da cal se detectarán, previrán ou controlarán posíbeis agresións ou ameazas na Rede.
No caso de sospeita, Always On actúa con accións preventivas de identidade dixital. Por unha banda, un seguimento da pegada en liña do menor, onde un equipo de informáticos rastrexan toda a información publicada sobre el (levada a cabo por el ou no seu nome). Poderanse detectar perfís falsos, mensaxes despectivas publicadas (no seu nome ou cara a el), comentarios ferintes cara á súa persoa ou difusión de información comprometida, etc.
En canto a ferramentas preventivas, a empresa conta co servizo de localización e monitorización de dispositivos. O equipo informático de Always On instalará un software no móbil ou tableta do adolescente para: localizalo no caso de roubo ou para coñecer a súa localización. A través desta ferramenta o titor terá un rexistro coas mensaxes, chamadas, audios, que envíe e reciba o menor.
De ter o titor a certeza de que existen ameazas a través da Rede, o procedemento será diferente. Un perito informático xudicial accederá aos dispositivos que poden ter as evidencias das agresións. Unha vez recompiladas, levaraas perante un notario que extraerá as evidencias dixitais para emitir unha certificación que as validará como proba legal para presentar nun xuízo.
Para aqueles interesados en adquirir o servizo antibullying, dicir que deben contactar coa empresa a través da súa páxina web ou o seu teléfono de contacto, onde un técnico exporalle os procedementos a seguir para comezar co rastrexo. Asemade, a compañía de seguros Mapfre tamén inclúe este servizo nas súas pólizas para garantir a seguridade dixital.

A Universidade de Santiago formalizou 45 patentes propias no último ano

A USC constitúe un ecosistema emprendedor e cada vez son máis as iniciativas empresariais saídas ou xurdidas nas aulas universitarias, segundo manifestou a decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro, na xornada ‘A USC, unha experiencia emprendedora. Iniciativas empresariais saídas das aulas’, unha sesión informativa e de divulgación que busca espertar as inquedanzas e o espírito emprendedor do estudantado.
Ramón Mazoy, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC no campus de Lugo referiuse ao último informe da AVTE relativo a 2014 como termómetro acaído para medir o grao de emprendemento rexistrado na USC. Daquela, Mazoy lembrou na súa exposición que durante o pasado exercicio naceron ao abrigo da USC cinco spin-offs. Neste mesmo periodo, a USC tamén formalizou 45 solicitudes de patentes e tramitou 37 procesos e acordos para a transferencia de tecnoloxía.
Ademais da visión do emprendemento universitario no eido da USC achegada por Ramón Mazoy, os estudantes que participaron na xornada ‘A USC, unha experiencia emprendedora. Iniciativas empresariais saídas das aulas’, tamén tiveron a oportunidade de coñecer as experiencias doutros emprendedores universitarios que crearon empresas logo do seu paso polas aulas, sí como do responsable do viveiro de empresas da Fundación CEL, Rodolfo Ojea, quen disertou sobre o funcionamento, dos servizos e da actividade cotiá que se desenvolve nas súas instalacións.
Os testemuños de José Sánchez del Valle, xerente e socio fundador de Champion Chip Norte, e de Marta Pérez, co fundadora de Bico de Grao, unha nova empresa que vén de abrir na capital luguesa, completaron a relación de relatores que tomaron parte neste foro sobre emprendemento universitario celebrado na Facultade de ADE.

O novo RD sobre a avaliación externa en 6º de Primaria o "sostenella y no emendalla" do Goberno

Este goberno do PP, ao xeito dos auténticos fidalgos do Século de Ouro, parece obstinado no seu erro, do xeito en que cantaba Santiago Auserón.

Así que, non satisfeito coa reválida do pasado curso (¿alguén é quen de explicar para que serviu, máis do que para consumir recursos, distraer esforzos e sinalar o alumnado?), agora achega unha nova versión a través deste Real Decreto, para a súa realización no sexto curso de primaria (no caso de Galiza xa poden aproveitar e traela feita de Málaga xunto co xantar).

E como dicía André Gide, autor d' Os Moedeiros falsos, hai que estar a dicir sempre o mesmo, porque senón algunha xente non se entera, especialmente o goberno (ao que lamentabelmente non lle podemos atribuír a excusa da ignorancia), polo que o STEG opina sobre este tema que:

• É unha proba innecesaria para tomar as medidas de atención á diversidade, en contra do que se anuncia. Diagnosticar ao alumnado nestas idades, e anteriores, xa o fai o profesorado na avaliación continua que a lei establece. As medidas de atención á diversidade xa se teñen que ter establecido dende os cursos anteriores e non é
este instrumento un medio eficaz para establecelas; en ningún sistema educativo se toman as medidas de atención á diversidade a partir dos resultados dunha proba externa estandarizada.

• Producirá un efecto de estigmatización do alumnado que acade malos resultados, pola formalidade e publicidade que implican estas probas.

• Supón unha desconfianza no profesorado, responsable lóxico e indicado da aprendizaxe do alumnado. É moito máis preciso e rico o diagnóstico que fai un profesional que coñece a/o alumna/o, as súas circunstancias e a súa evolución, do que unha proba puntual e igual para todos.

• Significa tamén unha redución da autonomía dos centros (aspecto no que este Decreto reincide, ao igual cá LOMCE), pois externaliza a confección da proba e descontextualízaa.

• Supón un control do currículo, dado que toda proba mediatiza o desenvolvemento curricular por parte do profesorado, que se verá forzado a lles dar prioridade aos aspectos a avaliar e a lles restar importancia aos que non se avalían, en contradición coa idea da formación integral que debe presidir o ensino obrigatorio de toda a cidadanía.

• Apuntala unha cultura da avaliación puntual e externa, contradicindo a avaliación continua, que a propia lei marca como a que debe rexer nestas etapas educativas obrigatorias. Dará a impresión que son este tipo de controis os que lle dan fiabilidade ao traballo educativo nos centros e á aprendizaxe do alumnado.

Só nos queda pedir dende o STEG que, no canto de gobernar a base de textos e medidas que atentan contra o ensino público, dende o Goberno se adiquen máis recursos económicos e persoas para fortalecer o Ensino Público, deixando de agredilo con este tipo de medidas.

Permanente do Secretariado Nacional do STEG

Aulas e púlpitos

A formación relixiosa non é unha materia. Podería selo se tivese como obxectivo unha historia das mitoloxías ou algo así, nese caso os profesores serían elixidos como o resto: por razóns académicas, non designados polo bispado.

O outro día vin un faladoiro televisivo na que remachei a miña convicción de que os nosos políticos en exercicio actuais son frecuentemente mediocres, pero que peor será cando deica pouco gobernen os tertulianos. O tema era o litixioso asunto da materia de Relixión na escola. Oíronse as cantinfladas de sempre. “Nós somos partidarios da laicidad, non do laicismo, que non é o mesmo”, dicía, pedagóxica, a representante socialista. En efecto, non é o mesmo: a palabra castelá é “laicismo”, mentres que “laicidad” é un galicismo non aceptado pola RAE ata data moi recente (que, por certo, define laicismo de forma coidadosamente errónea). De modo que ou laicismo ou laicité: o de laicidad “” podemos deixarllo aos clérigos, que se trabucan en canto hai que nomear algo referido á liberdade de conciencia.
Outro interlocutor, máis de dereitas pero non máis destro, lembraba que España é un Estado aconfesional, non laico, de modo que o laicismo parecíalle anticonstitucional. Supoñamos que “aconfesional” non sexa un eufemismo por laico “”, que é como o adoita entender a xente bienintencionada, senón que significa “sen unha confesión relixiosa privilexiada, aínda que recoñecendo o feito relixioso e favorecéndoas a todas”. Bo, sen dúbida entón recollerá tanto as actitudes relixiosas positivas como negativas. Santo Tomás de Aquino, o cardeal Newman e Xoán Paulo II foron pensadores relixiosos (de moi distinto calibre, claro) como tamén o son Nietzsche, Freud e Richard Dawkins (ídem).
Non é arriscado asegurar que a postura relixiosa maioritaria nas democracias occidentais entre científicos, humanistas, etcétera, é a incredulidade, cando non hostilidade, sobre os dogmas eclesiais: os máis favorables considéranos unha linguaxe poética que pode inspirar condutas solidarias e compasivas… pero tamén todo o contrario. De modo que unha aconfesionalidade consecuente obrigaría a incluír xunto ao ensino relixioso outra materia que explicase escepticismo, críticas ás crenzas eclesiásticas, etcétera... Demasiado para o xa sobrecargado programa escolar dos tenros infantes.
Publicidad
Hai que suprimir canto antes os acordos de España coa Santa Sé

Invocáronse na discusión, como non podía ser menos, os acordos coa Santa Sé. Urxe suprimilos xa, posto que agora a ninguén sorprendería tal decisión e con todo escandaliza a moitos o empeño en mantelos. O seu contido contradi evidentemente a aconfesionalidade constitucional e encerra un paradoxo non respecto da relixión senón respecto ao Vaticano. ¿Estamos a falar dun Estado propiamente devandito ou dunha especie de parroquia de proporcións e pretensións imperiais? Se nolo tomamos en serio como Estado, resulta que é a única teocracia vixente en chan europeo, antidemocrática posto que non respecta nas súas eleccións a cargos públicos, dereitos humanos fundamentais como a igualdade dos sexos ou a liberdade de conciencia, que se negou a asinar algúns dos tratados máis importantes sobre estas cuestións subscritos polas democracias de todo o mundo. ¿Por que ten España que manter acordos privilexiados con semellante entidade, que representa o contrario do que desexamos para as institucións do noso país e de Europa? Pero quizá a súa aparencia estatal é só un disfrace histórico para esa gran parroquia antes mencionada. Entón non hai nada que obxectar ás peregrinacións e recoñecementos piadosos que recibe, pero resulta inaceptable que dite, por medio de acordos privilexiados, normas que afectan á organización da nosa educación e outras institucións militares, penais, etcétera… en contra da aconfesionalidade proclamada. Tómese como se tome, son lazos comprometedores que convén canto antes disolver discreta e amistosamente.
A nosa Constitución recoñece o dereito dos pais para optar pola educación dos seus fillos máis acorde coas súas conviccións, pero este é un punto que se se renova a Carta Magna convirá aclarar. Porque sería inaceptable que ese dereito incluíse o ensino de nocións anticientíficas como o creacionismo en lugar da teoría da evolución ou a diferenza de dereitos cívicos entre homes e mulleres, como queren algunhas doutrinas piadosas. As familias teñen dereito a educar aos seus fillos segundo as súas preferencias… dentro da oferta escolar establecida. O punto importante aquí é que, nin optativa nin obrigatoria: a formación relixiosa non é unha materia. Podería selo se tivese como obxectivo unha historia das mitoloxías ou algo así, nese caso os profesores serían elixidos como o resto: por razóns académicas, non designados polo bispado. Para que os nenos reciban formación relixiosa non fai falta que a estuden no colexio, véxase o que ocorre en países laicos como Francia (modélica en tantas cousas). A este respecto foméntanse erros interesados. Unha entrevista publicada por Abc (23 de outubro) con Tibor Navracsics, comisario europeo de Educación, levaba o seguinte titular: “Hai que garantir o dereito para elixir a materia de Relixión”. Pero o que o entrevistado dicía, liñas máis abaixo, era: “Un sistema educativo ten que ofrecer o dereito para elixir e garantir aos pais a elección do mellor modo de educar aos seus fillos”. C'est pas a même chose.
Os partidos laicos deben detallar de novo a oferta de Educación para a Cidadanía
Este asunto non é cousa menor, un encordio electoral para facerse o progre. Na situación actual de Europa e do mundo, é un tema vital saber como imos educar aos cidadáns para que nunha sociedade mercantilizada non teñan que buscar o “suplemento de alma” exclusivamente en dogmas relixiosos. Con desenvoltura ofensiva, o portavoz da Conferencia Episcopal sinala que nos ameazan dous perigos, o laicismo e o fundamentalismo. O segundo provoca matanzas, está dabondo visto, e o primeiro, segundo el, quere extirpar a relixión da vida pública (outra mentira: o laicismo recoñece o dereito dos crentes para manifestarse en público pero a título privado, non institucionalmente).
É o momento de que os partidos laicos detallen de novo a oferta de Educación para a Cidadanía, en lugar desa materia de Intelixencia “emocional” que coinciden en reivindicar C'S e Podemos (o cal demostra que Chesterton tiña outra vez razón: é máis difícil loitar contra as novas supersticiones que contra as antigas, o mesmo que é máis difícil vencer a un mozo que á súa avoa). Non esquezamos que no torticero argumentario contra a Educación para a Cidadanía do ministro Wert xogou un papel importante o manual escrito polos logo promotores de Podemos Luís Alegre e Carlos Fernández Liria, cuxo radicalismo intemperante e bastante bobo converteuse, como noutras ocasións, no mellor aliado dos reaccionarios. Polo noso ben e o noso futuro esperemos que, a partir do 20-D, as cousas expóñanse mellor.
Fernando Savater é escritor.

Informe Educación Infantil 2015: O galego é tratado como lingua estranxeira na maior parte dos centros de educación infantil das cidades galegas

Só se utiliza maioritariamente no 5% dos centros. No 40% dos centros de Infantil nin sequeran o utilizan e chega ao 75% os centros onde non se utiliza ou a súa presenza é testemuñal
Marcos Maceira: “O nivel de estranxeirización do galego é tal, que hai máis centros con materiais en inglés que en galego”
“O decreto contra galego de Feixó é o causante de que a maior parte do alumnado non teña a máis mínima noción de galego cando comeza en Primaria”

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou hoxe os resultados do seu terceiro estudo sobre a situación do galego nas aulas de Educación Infantil de 3 a 6 anos das sete cidades galegas. Trátase dunha estimación dentro das posibilidades dunha entidade social como A Mesa pola Normalización Lingüística, tras entrevistar escolas infantís públicas e privadas das 7 cidades galegas. Porén, sinalan, “corresponde á Xunta realizar unha avaliación da situación, a través da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que ten as ferramentas e a capacidade de facer un estudo máis amplo e pormenorizado e, ademais, segundo o seu propio Decreto 79/2010, debe facelo”.
Obsérvase un incremento notábel da exclusión absoluta do galego. Por primeira vez, sinala o informe, hai centros que declaran abertamente non utilizaren nunca o galego, e supoñen un 40% do total. Esta cifra aumenta ao 75% nos que utilizan moi maioritariamente o español ou “algunha vez”, de xeito testemuñal, o galego. Vigo, Ourense e Pontevedra, son os casos máis preocupantes con porcentaxes que acadan entre o 67% e o 75% de centros que lle negan ao alumnado calquera achegamento mínimo ao galego.
Segundo a información recollida pola Mesa, “para esta exclusión e para a negación dun achegamento mínimo ao galego, serve como escusa o resultado da enquisa á que facía mención o Decretazo 79/2010 contra o galego que, ilegalmente, se segue a realizar no conxunto do ensino. Esta enquisa, declarada ilegal polo TSXG, pretendía por unha banda segregar o alumnado en función da lingua, e por outra negar a posibilidade de que aínda utilizando o castelán na casa, nais e pais contasen coa escola como ferramenta para a transmisión do galego.
Estudo Educación infantil

Arquivos anexos a descargar:

Os estudantes de galego de Londres lanzan a campaña anti-machista #homesconsaia

Os alumnos de galego do centro IE Cañada Blanch de Londres están a achegar o seu gran de area no marco das accións do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero (onte mércores 25) cunha valente e encomiábel campaña para desenvolver nas redes sociais cuxo nome é un xeito de darlle á volta aos máis rancios e anticuados roles establecidos de masculinidade: #homesconsaia. A campaña, impulsada tamén dende o blog Fala Londres (da Área de Galego do devandito centro de ensino), rexistrou xa case 800 reproducións no YouTube e acadou preto de 5.000 seareiros en Facebook, amais dunha importante repercusión en Twitter.
No vídeo que recolle a iniciativa, as fotos de dez rapaces que levan posta unha saia e amosan un cartel coa etiqueta #homesconsaia preceden á reflexión que o actor e monologuista Carlos Blanco fixo sobre o machismo na súa recente visita ao instituto londiniense xunto ao debuxante Luis Davila O Bichero. Inspirados polas ideas de Blanco (diametralmente opostas aos roles e conceptos tradicionais que alentan a lacra do maltrato) e co gallo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, os alumnos de 3º da ESO matriculados en Galego fotografáronse vestindo unha saia e facendo seu o lema #homesconsaia.

O 75% das escolas infantís das cidades non usan o galego ou só de xeito testemuñal

O galego tan só se utiliza maioritariamente no 5% dos centros de Educación Infantil das cidades galegas. Ademais, no 40% destas escolas nin tan sequera se emprega a lingua propia e en máis do 75% ou non se usa ou a súa presenza é testemuñal. Estas son algunhas das conclusións que se tiran dos resultados do terceiro estudo sobre a situación do galego nas aulas de Infantil de 3 a 6 anos nas áreas urbanas que vén de presentar A Mesa pola Normalización Lingüística. Trátase dunha estimación "dentro das posibilidades" desta entidade e froito das entrevistas que a asociación leva a cabo neses centros e ante a ausencia dunha avaliación "que corresponde á Xunta facer".
O informe d'A Mesa alerta dun "notábel incremento da exclusión absoluta do galego" na Educación Infantil
Tal e como se observa no estudo, e como lembra A Mesa, estase a producir un "incremento notábel da exclusión absoluta do galego" neste ensino en Infantil. Ademais, "e por primeira vez", hai centros que xa declaran "abertamente" non utilizaren nunca a lingua propia, supoñendo estes un 40% do total. Esta porcentaxe aumenta a máis do 75% de incluír tamén aqueles que recoñecen empregar "moi maioritariamente" o español e tan só "algunha vez" e de xeito testemuñal o galego, xa que logo, aqueles que o utilizan só nalgún momento dentro da súa distribución horaria (o 36,43%).
En detalle, e no conxunto das sete cidades, o 39,4% dos centros aseguran empregar o castelán no 100% dos seus contidos, mentres que o 36,4% declara usar tamén o castelán maioritariamente. Ademais, o 19% manifesta empregar equitativamente os dous idiomas -o 50% cada un-, mentres que só o 5,2% declara que o galego é o idioma maioritario nos seus centros.
O 40% dos centros di empregar o castelán no 100% dos contidos e máis do 36% úsao maioritariamente; só o 5,2% usa fundamentalmente o galego
"Se o coñecemento do galego depender do Ensino Infantil, grande parte do alumando que comeza a Educación Primaria, chegaría a esta etapa alleo á mesma existencia da lingua galega", destaca o estudo, que sitúa cidades como Ferrol, Vigo e Pontevedra entre as que teñen situacións máis "preocoupantes", dentro do mínimo uso que hai en todas elas.
Porque en resumo, tan só o 5,20% dos centros de Infantil das cidades emprega o galego como lingua maioritaria, un lixeiro ascenso de tres puntos con respecto ao último informe de 2014 e unhas cifras similares ás de 2012. Todo malia "a lexislación e política da Xunta contraria a esta posibilidade". "A mobilización social e as sentenzas que limitaron a aplicación do decretazo, conseguiron que se perdese o medo á utilización maioritaria do galego, aínda así moi residual e anecdótica", destaca A Mesa no estudo.
A elocuencia das cifras é aínda maior botando man dos dous anteriores estudos elaborados pol'A Mesa. No curso 2008-2009, aínda co decreto 124/2007 en vigor -establecía un "mínimo" do 50% das clases en galego- a presenza do galego no ensino infantil urbano era do 35%. No seguinte curso,  2010-2011, esa porcentaxe ficaba xa no 10%.

Datos por cidades

A enquisa realizouse a comezo deste curso 2015/16 en 269 centros galegos, públicos e privados de Educación Infantil de 3 a 6 anos. Por cidades, a situación máis preocupante para o galego é a de Ferrol, onde continúa sen haber ningún centro onde o idioma propio sexa maioritario, mentres máis do 82% deles empregan o castelán na súa maioría. Na Coruña, un 2,3% ten o galego como lingua principal, fronte ao 25,6% cun reparto igualitario, mentres que en Lugo, o uso maioritario do galego abrangue o 3,7%% das escolas e a repartición igualitaria de ambas linguas ao 22,2%.
En Ferrol, non hai ningún centro de Infantil onde o galego sexa maioritario e máis do 82% empregan o castelán maioritariamente
En Ourense obsérvase un "alarmente aumento da exclusión do galego, que no 67% non chega nin a unha utilización mínima", mentres que só no 6% é maioritario (sen variacións respecto ao ano anterior) e o 21% din utilizar as dúas. Pontevedra, pola súa banda, é unha das cidades "con índices máis altos de exclusión do galego, xa que só o 25% dos centros utilizan algo de galego, aínda que cómpre destacar o aumento dos centros onde o galego é maioritario que pasou do 0 ao 16,9%, ou onde se utilizan as dúas linguas que pasou do 0 ao 4,2%.
Compostela é unha das cidades con maior oferta de galego nas escolas infantís
Compostela é unha das cidades con maior oferta de galego, aínda que escasa (o 13,9% con uso maioritario e o 8,3% cunha repartición equitativa), mentres que en Vigo, o nível de exclusión do galego "é altísimo e por riba da media galega", sendo maioritario só no 1,2% e repartido no 22,9% das escolas.
A Mesa destaca tamén no seu informe o "proceso de estranxeirización da lingua galega", que é "perfectamente visíbel no feito de que hai máis centros de ensino con materiais didácticos en inglés que en galego". Segundo a información recollida, “para esta exclusión e para a negación dun achegamento mínimo ao galego, serve como escusa o resultado da enquisa á que facía mención o Decreto 79/2010 contra o galego que, ilegalmente, se segue a realizar no conxunto do ensino.
A Mesa repara no "proceso de estranxeirización do galego" ao haber máis escolas con materiais en inglés que en lingua propia
"Esta enquisa, declarada ilegal polo TSXG, pretendía por unha banda segregar o alumnado en función da lingua, e por outra negar a posibilidade de que aínda utilizando o castelán na casa, nais e pais contasen coa escola como ferramenta para a transmisión do galego", conclúe A Mesa.

Comedores escolares

Un comedor escolar é, debe ser, un espazo no que alén de encher o bandullo o alumnado aprenda a comer. E aprender a comer non é só as normas básicas e esenciais de saber comportarse nunha mesa ou usar correctamente culleres, garfos e demais trebellos. É aprender o valor nutricional dos alimentos, a comer de todo sabendo que hai cousas das que gustamos máis e outras que temos que comer. E sobre todo, aprender a valorar eses marabillosos recendos das cociñas.
Con mellores ou peores mañas para a cociña, coma calquera de nós, o certo é que a inmensa maioría das mulleres e homes que se ocupaban dos comedores escolares, tiñan unha delicadeza espectacular co trato que daban a quen usaba os seus servizos. Pode que algún día as lentellas non saíran o saborosas que quixeran, como acontece na casa, mais con certeza que non tiñan ese aspecto artificial, moi aséptico sen dúbida, deses caterín insípidos, por moi sanitariamente certificados que estean. E polo que semella, algún que outro non estaba.
Pode que algún día as lentellas non saíran o saborosas que quixeran, como acontece na casa, mais con certeza que non tiñan ese aspecto artificial, moi aséptico sen dúbida, deses caterín insípidos
Tanto aforro supón estas contratas? Nese aforro, está contabilizado o impacto que nos produtores locais supón o novo sistema? Certo que nada garante que os produtos sexan locais, mais pode ser unha das condicións da concesión.
Supoño que o trámite administrativo é máis cómodo adxudicando nun só procedemento todos os comedores escolares da Galiza. Mais, non será mellor descentralizar certos aspectos? Por certo, tremendo o que se organiza coas renuncias.
Os experimentos, mellor con gaseosa. Ouvido o ouvido. Visto o visto. Cheirado o cheirado. Comido o comido. Case mellor, recuar. Nisto, como noutras moitas cousas, un pasiño para atrás, unha vitoria. O noso padal, o noso estómago e a nosa saúde o agradecerán.

Luís Martínez-Risco Daviña 

DR. en Historia pola U.S.C. e Docente de Ensino Medio no I.E.S Otero Pedrayo de Ourense.

xoves, 26 de novembro de 2015

MZ de Mazaricos

Hai unhas semanas botaba a andar EuSonMazaricos, unha iniciativa en forma de asociación cultural lanzada por un grupo de mozas e mozas deste concello rural da comarca de Xallas, co obxectivo de "facer cousas" pola súa localidade e dala a coñecer. Dende o inicio adoptaron o MZ como o seu símbolo e símbolo para o seu concello. O outro elemento que os distingue é a súa preocupación pola situación do sector gandeiro, tendo en conta que a gandaría supón a principal forma de vida e sector produtivo da localidade.
De feito, a propia asociación naceu ligada ás mobilizacións gandeiras do pasado mes de setembro, como destacaba Janet Martínez, presidenta da asociación, en entrevista publicada por Que pasa na costa?“Foi espectacular xuntarmos a todos para irmos a Lugo, e chegar alí e que toda a xente nos aplaudise coas nosas camisetas do MZ”. En canto ao resultado das mobilizacións, destacaban que "cando menos serviu para esto, para unírmonos como grupo" e aínda que asumían que "pode que o prezo do leite non suba moito", sinalaban que "en todo caso, penso que o consumidor si que mira máis o que compra" que "a xente se deu de conta de que hai un problema".
A iniciativa, lanzada por este grupo de mozos e mozas entre os 20 e os 30 anos, suma xa 1.256 seguidores e seguidoras nas redes sociais. Entre as primeiras accións que botaron a andar está unha Liga de Fútbol Sala, a produción de camisolas co logo MZ e a organización da Semana Gandeira. As actividades desta Semana Gandeira comezaron este luns e chegarán ata o domingo. Inclúen concursos de debuxo e de fotografía con temática gandeira e accións nos centros de ensino. A resposta, cando menos no certame fotográfico, foi espectacular, sumando polo momento 86 imaxes en competición. Xa na fin de semana, a actuación do grupo De Vacas, un campionato de muxido, a poxa de xovencas e a realización dunhas Xornadas técnicas do sector lácteo. Ademais, entregaranse os premios de todos os concursos convocados.
Tamén levan a cabo accións reivindicativas, relacionadas por exemplo coa demanda da incorporación dun ou dunha pediatra á vila. Nos últimos días setenta pais e nais da localidade presentaron unha reclamación no centro de saúde, esixindo que se repoña a praza, despois de tres semanas sen servizo de pediatría. "Primeiro foron as urxencias médicas, despois as gardas nas farmacias e agora parece que queren quitarnos o servizo de pediatría. Dende logo non imos deixar que, por parte da Administración, se nos desprece. Queremos, cando menos, os mesmos servizos que teñen noutros sitios porque nós non somos menos que ninguén", destacaba unha das nais afectadas en La Voz de Galicia.
Unha actividade moi intensa para unhas poucas semanas de vida da entidade, un exemplo de iniciativa que pode revitalizar unha localidade rural, e enriquecer o seu tecido social, animando os máis novos e novas a desenvolver as súas vidas na comarca, ofrecéndolles oportunidades de todo tipo.

O BNG insta aos concellos da zona a elaborar un plan de emprego para mozos

Presentará mocións para impulsar o acceso deste colectivo ao traballo.

Mateo Varela, membro de Galiza Nova, e Alberte Lamazares, concelleiro do BNG de Rodeiro e número 2 de Nós por Pontevedra ao Congreso, presentaron onte en Silleda unha moción que será enviada a todos os concellos da zona. Instan ás corporacións locais a elaborar un plan de emprego digno destinado á mocidade. O obxectivo é, din, posibilitar o retorno dos mozos emigrados.
Piden que se impulse unha rede municipal e comercial de emprego para os mozos, que se potencien as industrias vinculadas á lingua e a cultura galega, que se creen bolsas para titulados superiores destinadas á execución de proxectos de especialización, exportación e innovación.
Demandan apoio aos mozos emprendedores a través dun acompañamento, a creación dun servizo de seguimento dos mozos desempregados e axudas para o desenvolvemento de proxectos ou para a creación ou mantemento de explotacións agrogandeiras e de agricultura ecolóxica.

Samsung volve apostar por FOGA para o seu programa educativo en Galicia

A empresa galega de solucións integrais da comunicación FOGA (Fornecementos Galegos), centrada nas áreas de reprografía e informática avanzada (entre outros eidos de actividade), vén de anunciar a renovación do seu certificado como único socio oficial (oficial partner) para Galicia do programa Samsung School para o ano 2016. Esta plataforma de xestión docente da compañía coreana integra software e dispositivos móbiles no mundo do ensino. A finalidade desta innovación tecnolóxica é potenciar ao máximo o rendemento dos estudantes, tanto nas aulas coma na casa.
Con este fin, FOGA seguirá a organizar sesións na liña dos seus Obradoiros prácticos Samsung-School, eventos formativos para o profesorado organizados en colaboración con Samsung. Estes eventos son impartidos por docentes con experiencia no manexo de tabletas na contorna educativa.
E ampliando a información, cómpre dicir que a plataforma tecnolóxica de Samsung School para Galicia, artellada por FOGA e achegada na nosa lingua, componse dun software que controla encerados dixitais e tabletas monoposto para o alumnado. A creación de contidos individualizados, “de maneira rápida e sinxela”, axuda ao profesor a estimular aos alumnos para mellorar o seu traballo cotián, sinala FOGA. Asemade, engade a empresa compostelá, “a posibilidade de acceder e compartir información de fontes diversas a través de Internet fomenta o pensamento crítico dos estudantes, as súas habilidades para investigar e buscar información e facilita as estratexias de traballo colaborativo na aula e na casa”.
Por último, informar que durante o mes de decembro FOGA organizará en Galicia as xornadas e∙DUCACIÓN.

No teu centro de traballo tamén hai violencia

25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

Unha de cada tres mulleres no mundo padeceu ao longo da súa vida un acto de violencia de xénero (maltrato, violación, abuso, acoso...). A violencia machista é a principal causa de morte das mulleres de entre 15 e 44 anos, por diante do cancro, a malaria, os accidentes de tráfico e mesmo as guerras, segundo datos da Organization Mundial da Saúde ofrecidos polo Fondo de Desenvolvemento de Nacións Unidas para a Muller (UNIFEM). Consulta no interior as mobilizacións convocadas pola CIG para o 25 de novembro.
Case mil mulleres foron asasinadas no Estado español desde hai unha década. Centos delas, galegas.
Este feminicidio é o último chanzo dunha pirámide da violencia. Na base está a sociedade patriarcal, que fomenta formas sutís como o humor sexista, o control, a publicidade sexista, a anulación, a invisibilización do xénero feminino na linguaxe, os micromachismos. Estamos a falar dunha violencia simbólica, de abusos cotiáns, que son a base da violencia contra as mulleres.
Podemos atopala nas nosas relacións familiares, nas relacións sociais, no ámbito da parella, pero tamén ocorre no traballo, na escola, nas organizacións, na comunidade.
Evidencia relacións de poder, inxustiza e inequidade entre mulleres e homes. Se a nomeamos, se a identificamos, tomaremos consciencia da realidade e poderemos pular por relacións máis cooperativas, máis honestas e igualitarias.
A escola non escapa a esta realidade. Como profesionais temos a responsabilidade de tratar  esta lacra social nas nosas aulas facendo dende infantil un traballo serio onde se traballen aspectos da igualdade, da resolución de conflictos sen violencia ,etc.

En secundaria é quizais onde debemos ser extremadamente coidadosas/os. Os/as adolescentes  inician as relacións de parella, por tanto é un tema que debe estar presente nas aulas, tanto dun xeito específico como transversal en todas as materias. A igualdade entre homes e mulleres, a non violencia e o respecto son valores que como docentes temos a obriga de transmitir ao alumnado.
O profesorado debe ser coidadoso á hora de valorar os comportamentos nas aulas. Debemos ser conscientes do valor que lles damos ás opinións das alumnas e alumnos, das propostas que aceptamos dependendo de se veñen de rapazas ou rapaces, e de se consentimos chistes machistas nas aulas, ou aspectos sutís da violencia nos corredores, no recreo, nas aulas. Así mesmo prestar atención á linguaxe sexista que se usa a diario e á que, ás veces, non se lle dá a importancia que ten.
Non só debemos transmitir estes valores ao alumnado, senón telos presentes tamén como traballadoras/es dun centro. Hai que mostrarlle ao alumnado que os cargos de  responsabilidade nun centro -xefaturas de departamento, as direccións, as xefaturas de estudo...- non están reservados para os homes.
Cando se aproba unha lei como a LOMCE que permite, consinte e alimenta a educación segregada por sexos e cando se aproban contidos curriculares que atentan contra a igualdade de homes e mulleres, non só nos afecta como cidadanía, senón tamén como traballadoras/es do ámbito do ensino.
Debemos ensinar a estar alerta porque hai formas sutís de violencia, a ser conscientes deses actos “invisibeis” e saber identificalos para correxilos e evitalos.
Como docentes temos a responsabilidade de ensinar a vivir en igualdade para poder prever calquera forma de violencia,  neste caso para prever a violencia contra as mulleres polo simple feito de ser mulleres.

MOBILIZACIÓNS DA CIG CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA:

  • A Coruña: ás 12 horas na Praza Luís Seoane, ás 12 horas
  • Ferrol: ás 12 horas diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza
  • Compostela: ás 12 horas diante da Confederación de Empresari@s, na rúa do Vilar, 54
  • Pontevedra: ás 12 horas na Praza 8 de Marzo
  • Vilagarcía: ás 11 horas diante da FECA (Federación de Empresarios/as da Comarca de Arousa, na Rúa Castelao)
  • Ourense: ás 11 horas diante do local sindical
  • Lugo: ás 12 horas diante da CEL (Confederación de Empresarios/as de Lugo)
  • Vigo: ás 12 horas nos Xulgados o día 24 de novembro
CIG-INFORMA 25 DE NOVEMBRO
A secretaría da Muller da CIG lanza a campaña “Na túa empresa tamén hai violencia”, con motivo do 25 de Novembro

O I+D toca fondo en Galicia, pero segue moi lonxe dos niveis anteriores aos recortes

A ciencia galega tocou fondo. Despois de anos de descensos nas cifras de investimento en I+D e no número de traballadores e traballadoras en labores de investigación, en 2014 as estatísticas oficiais, que onte fixo públicas o INE, amosan unha leve recuperación en todos os indicadores. Porén, as cifras de financiamento e persoal seguen moi lonxe dos niveis acadados antes da crise e os recortes.
Por exemplo, o pasado ano investíronse 477'2 millóns de euros en I+D en Galicia (nove millóns máis que en 2013), porén a cifra está máis de cen millóns por debaixo da de 2008 (584 millóns) e sitúase practicamente en niveis de 2006. O mesmo sucede coas magnitudes de persoal: o número de xornadas laborais completas ligadas a procesos de I+D creceu en 2014 por vez primeira en catro anos. Chega ás 9.405 (19 máis), moi lonxe das 10.809 de 2010 e está mesmo por debaixo dos datos de 2008.
Analizándoo por áreas, vemos que a recuperación experimentada en 2014 se debe sobre todo a un crecemento do investimento en I+D no sector privado, que mellora en 13 millóns de euros e 170 postos de traballo máis. As cifras da investigación realizada polas administracións públicas non varían e os datos nas universidades mesmo experimentan novos retrocesos.
Con respecto ao ano 2008, momento do inicio da crise económica e cando aínda non se aplicaran os duros recortes dos anos seguintes, o investimento en I+D a través das universidades en 2014 está aínda 45 millóns de euros por debaixo, con 400 postos de traballo menos. O mesmo sucede na investigación realizada a través doutras administracións públicas (un descenso acumulado de 8 millóns de euros e 73 empregos).


  2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
Gasto en I+D 405196 449522 555626 584213 524125 531601 526471 487840 468701 477279
4 3.8 4.2 4 3.6 3.6 3.7 3.6 3.6 3.7
Persoal 8496 8281 8659 9681 9972 10809 10146 9509 9386 9405
Evolución do gasto en I+D en Galicia (en miles de euros), % sobre o total do Estado e número de traballadores/as. Fonte: INE

Imaxe, música, poesía, humor e reflexión para prestixiar o galego

IDEAS PARA O FUTURO DA LINGUA, DA CTNL
 
A Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua organizou na sala Capitol de Compostela unha xornada creativa na que se expuxeron, con enxeño e creatividade, reflexións para garantir o futuro da lingua e para prestixiala.

LGx15 ou “Ideas para o futuro da lingua” xuntou na sala Capitol de Compostela máis dun cento de persoas que escoitaron e ollaron as reflexións ao redor do galego. “O obxectivo pasou por lanzar unha mensaxe social de entusiasmo e ideas desde diferentes perspectivas”, explica, en declaracións a Sermos Galiza, Nel Vidal, o presidente da CTNL. “Quixemos facelo con alegría e humor, cunha visión optimista. Así lanzou cadaquén a súa mensaxe”, sinala.
Xosé Lois Vilar, Carmen Grimaldi, Manuel N. Singala, Lara Tigre, Xurxo Mariño e Luís Iglesia achegáronlles ás persoas presentes as súas valoracións sobre o galego e as súas reflexións para influír nas actitudes lingüísticas, co fin de procurar accións e cambios. O dilema de decidir entre galego e español, o derrubamento de prexuízos arredor da lingua e o galego na música, na ciencia e no cinema foron algúns dos puntos que trataron as distintas exposicións, todas elas dinámicas e cunha visión positiva da lingua. Tamén se tratou a aprendizaxe do galego. Foi Carmen Grimaldi quen narrou como contactou coa lingua e como a aprendeu, “é doado falar galego se sabes como”, concluíu esta moza andaluza que vive na Coruña e que defende a inmersión como método de aprendizaxe.
Non faltou a música, a poesía e o humor. Así, María Lado e Lucía Aldao, condutoras do acto, recitaron Lingua Proletaria do meu pobo en versión “bilingüe”, no que foi unha parodia dos posicionamentos galegófobos, e interpretaron Como eu te amo para aprender, con divertimento, a colocar os pronomes. Alba María tamén lle puxo a nota melódica á xornada e Xenderal encheu a Capitol de reggae e beatbox.
Nel Vidal explícanos que a CTNL traballará por que o acto desta cuarta feira “teña continuidade e que haxa máis propostas desde diferentes ámbitos”. Polo tanto, máis que un punto final, “Ideas para o futuro da lingua” é un punto seguido co que darlle máis impulso ao galego.
 

mércores, 25 de novembro de 2015

Mil e unha forma de condenar a violencia de xénero

Concellos e centros de ensino envórcanse con accións artísticas, concentracións e homenaxes ás vítimas.

Concellos e centros de ensino centran hoxe na zona gran parte das actividades contra a violencia de xénero. Unha condena que se plasmará nunha infinidade de actividades neste día contra os malos tratos. En Lalín, ás 12.00 horas, a Praza dá Igrexa será escenario dunha concentración aberta á cidadanía que contará coa participación de alumnos do Manuel Rivero, Xesús Golmar, Sacro Corazón, Xoaquín Loriga e os institutos Ramón Aller e Laxeiro que realizarán distintas accións artísticas. Lerase un manifesto e porase en escena a performance de Mónica Mura Ámame, non ámame, que se poderá ver tamén pola tarde, ás 19.00 horas no centro comercial Pontiñas e que forma parte do proxecto Abrandares en acción, violencia zero promovido pola Deputación de Pontevedra. Lalín colocou lazos violetas en farois e mensaxes.
No Laxeiro, ás 10.10, o alumnado sairá ao patio onde realizará unha homenaxe ás vítimas construíndo unha árbore que será vestido con follas e flores que levarán o nome das mulleres que perderon a vida e plantaranse prímulas. As actividades complétanse cun Photocall aberto a toda a cidadanía durante toda a mañá. O centro participa nos actos do Concello cunha performance e durante toda esta semana no centro hai música en todos os recreos, ao que se suma un vídeo.
No Xesús Golmar celebrouse un concurso de carteis contra a violencia de xénero que gañou un cartaz de alumnos de 5º B.
O colexio de Cercio únese tamén á loita levando durante este mes ás aulas o conto Ghatobicho, elaborado por Gaela Consultora e posto en escena con monicreques de dedo por Anxo García e dirixido aos pequenos de tres a seis anos.
Na Estrada, ás 20.30 horas na Praza do Concello, lerase un manifesto aprobado en pleno por toda a corporación. Ao acto sumaranse ademais dos veciños que o desexen, alumnos dos institutos que lerán as súas composicións.
No IES número 1 ao longo desta semana desenvólvense iniciativas entre as que se incluíu o deseño dun adhesivo, recolléronse noticias que se expoñen nun panel, réndese homenaxe ás mulleres asasinadas este ano e celébrase unha exposición con zapatos vermellos denunciando as mortes deste ano. Iniciativas ás que se suma a exposición dunha serie de material relacionado con este tema na biblioteca do centro. Os tres institutos celebran hoxe un acto ás 12.15 horas na rotonda da entrada do García Barros.
En Silleda, ás 12.00 horas, terá lugar unha concentración fronte ao centro social en Chousa Nova con participación dos centros. En Rodeiro, hoxe, ás 18.00 horas proxéctase unha película de animación no Manuel Lamazares e entréganse os premios do concurso de carteis igualitarios.

A OCDE reprocha a España a falta de avaliacións aos profesores

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) reprochou a España a falta de avaliacións aos docentes. O organismo incide en que o único control establécese nos exames de acceso á profesión en centros públicos, e destaca que "outras formas de avaliación do profesorado non están lexisladas", entre as que cita os exames regulares, probas para promocionar e incentivos asociados a resultados.
No informe presentado este mércores baixo o título Panorama da Educación, a OCDE detalla que en tres cuartas partes dos 34 países obxecto de estudo a avaliación do profesorado está lexislada ou é un requisito, en case a metade deles os profesores que obteñen malos resultados nas probas deben volver examinarse, en 11 afecta o seu salario, e nunha decena de países obrígaselles a mellorar a súa formación. "En España, a única consecuencia dun mal resultado nunha avaliación é non conseguir a certificación para o posto como docente", di o documento en alusión á falta de novas probas unha vez obtida a praza.
O filósofo e pedagogo José Antonio Mariña, ao que o Goberno encargou o Libro branco da función docente abriu o debate sobre a necesidade de avaliar aos profesores que exercen en España a comezos deste mes, cando propuxo que unha parte da súa retribución estivese "relacionada coa avaliación do centro enteiro, de maneira que se fomente a implicación de todos os profesores nun proxecto educativo". A idea xa ten partidarios e detractores: os sindicatos de ensino opóñense, o Goberno di que a estudará e o PSOE xa incluíu no seu programa electoral medidas similares. Para a OCDE, os sistemas de incentivos están concibidos "para seleccionar un grupo de profesores con resultados excelentes e recoñecer o seu traballo".
Publicidad
Por encima en estudos superiores, e en desemprego
O estudo recolle, así mesmo, diversas variables que tratan de esbozar un mapa da situación educativa dos países membros e asociados. En España, a proporción de adultos entre 25 e 64 anos con estudos de FP superior e universitarios (35%) é lixeiramente superior á media dos países da OCDE (34%), aínda que se mostra unha brecha maior cos que teñen menos estudos: gran parte da poboación desta franxa de idade, o 43%, só cursou o ensino obrigatorio, fronte ao 23% de media da OCDE por baixo dese limiar.
A pesar de que a cifra de mozas de entre 15 e 29 anos que estudan supera en España os niveis de 2005 e 2010, e xa son o 45,5%, o fenómeno nini segue latente. O 25,8% das persoas desta idade non estudan nin traballan, 10 puntos por encima da media da OCDE, con datos moi similares entre homes (26%) e mulleres (25,7%). De entre os países da UE, só Grecia (28,3%) e Italia (27,6) teñen cifras superiores, con Turquía liderando a estatística na OCDE cun 31,6% de inactivos na devandita franxa de idade.
Os elevados datos de paro seguen sendo os que máis afastan a España de países de tamaño e nivel de desenvolvemento similar. Con datos de 2014, o informe sitúa a España como o segundo país da OCDE con máis desemprego en adultos de entre 25 e 64 anos independentemente dos estudos realizados. Entre os que non foron máis aló do ensino obrigatorio, só Eslovaquia ten maior porcentaxe de parados (39,2%) que España (31,4%), ambas moi por encima do 12,8% de media da OCDE. España retrocedeu respecto de 2010, cando a proporción era do 24,5%, e está lonxe do 9,3% de 2005, antes da chegada da crise económica.