Como foi o proceso de creación? Coñeciades a obra de Manuel María?
Uxía- Este verán estivemos na Illa de Arousa gozando da natureza e alí estivemos dándolle forma a este traballo, lendo os seus poemarios. Eu xa profundara na súa obra e, de feito, xa cantei a Manuel María en Andando a Terra, o cal me serviu para afondar na súa obra, que xa coñecía. Gozamos moito del, inspirados. Santi Cribeiro foi o director e intentamos facer un traballo honesto.
Magín Blanco- A precisión na métrica e na rima, é dicir, a musicalidade que atesouran os versos de Manuel María, as letras dos versos, son fáciles de musicar, de que a música os acompañe. Foi unha experiencia moi bonita e foi doado introducir os estilos musicais que posúe este traballo discográfico. Son os que se corresponden con el e co seu universo.
Leandro Lamas- Coñecía previamente a obra do autor e esperei a que me chegara para intentar plasmar o universo da súa obra. Empreguei óleo sobre unha táboa pequena enteada, en tamaño real e nun proceso delicado, menos groso que cando pinto nun formato de maior tamaño. Tratei de reflectir coa imaxe as características fundamentais presentes neste traballo.
Que queriades expresar? Como se ve reflectido na parte musical?
Uxía- Para facer o libro-cd escollemos de entre a obra de Manuel María varios poemarios que inciden na súa temática, atendendo fundamentalmente aos espazos de Manuel María, a unha visión intimista, ao amor pola terra, pola lingua e pola identidade. Quixemos reflectir tamén a reconciliación de dous mundos, esa dicotomía que se dá en Galiza entre vila, aldea e as cidades. Nese xogo de versos e imaxe está o Cuco, que nos aproxima ao mundo da terra, que é o símbolo da confianza no futuro, do agromar da primavera e da enerxía da natureza.
"No libro-CD hai diversidade, dende a música tradicional até ritmos próximos ao pop e ao rock"Magín- No libro-cd hai diversidade de estilos musicais que abranguen desde a música tradicional até os ritmos próximos ao pop e ao rock. Hai moito 3x4, que é o ritmo do vals e do transmitir a tranquilidade, o repouso e o etéreo. É como se montaras nun bambán infantil.
Leandro Lamas é un dos ilustradores máis facilmente identificables polo seu traballo. Segues con atención o traballo dalgún ilustrador contemporáneo?
Leandro- O papel do ilustrador cada vez é máis destacado, entre nós, na nosa cultura, temos unha boa mostra da vangarda creativa que nos arrodea. Sigo con especial atención o traballo de Rebecca Dautremer, con obras como Princesas olvidadas o desconocidas ou o francés Benjamin Lacombe, tamén o de Mariona Cabassa con traballos como o de Kalandraka Non hai berce coma o colo.
Volvendo ao disco, ao traballo sobre Manuel María, como vedes os tres a situación da lingua e a importancia de que este ano próximo se lle dedique as letras galegas?
Uxía- Unha das funcións da música, de xente como Amancio Prada, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, Manuel e Miguel, etc foi a da normalización e dignificación a través das letras dos nosos autores máis representativos Pondal, Curros, Cabanillas, Rosalía... Esta función debe continuar e debe actualizarse ese discurso para os máis pequenos. O discurso de Manuel María, escritor ao que se lle dedican as letras este ano, é o de loitar pola lingua, para que non se perda no futuro.
"O discurso de Manuel María é o de loitar pola lingua para que non se perda no futuro"Magín- A reivindicación da tradición, da revisión do discurso musical e literario é un fenómeno que se está a levar a cabo na actualidade en América do Sur e no mundo anglosaxón. Debemos facer atractiva a lingua e a literatura, cómpren iniciativas que garantan o futuro da lingua. Nós queremos contribuír positivamente a través de símbolos presentes na súa obra como o son o cuco, o carro, a dorna e a súa elegancia...
Leandro- A lingua está en clara decadencia, é gravísimo. É necesario moito agarimo á hora de visibilizala. Xa estaba nunha situación difícil e existe un desleixo no urbano e unha non renovación no rural. Son necesarias máis ferramentas para garantir o seu futuro.
Hai algo que queirades destacar ou agradecer?
"Este ano hai que ir visitar a casa de Manuel María"Manuel María é un referente e quixemos actualizalo, actualizar a súa mensaxe e a súa imaxe, facelo atractivo para os centros de ensino, as nais e os pais e o público en xeral. Agradecémoslle á Fundación Manuel María a súa colaboración total. Queremos deixar claro que o subtítulo do traballo é importante, xa que esa Casa, que está en Outeiro de Rei, é o universo de Manuel María e este ano hai que ir visitala. Agradecemos tamén a Carlos Blanco o feito de cedernos o título e a todas as músicas que participan nel, a Guillerme Fernández, ademais de a Galaxia, que é a editora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario