venres, 20 de novembro de 2015

Dez sinxelos pasos para revitalizarmos o galego

Un texto do lingüista e catedrático alemán Tilbert D. Stegmann, con modificacións e adaptacións ao noso caso, serve á Mesa para animar a pular a todos e cada un polo idioma propio de Galiza. Vídeo no interior.

Un cartaz con dez puntos ou un vídeo de non máis de dous minutos e medio de duración son dúas plataformas a través das que difundir un sinxelo decálogo para pular e revitalizar o galego. É a iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística que xa 'rula' polas redes sociais. Toma como base un texto de Tilbert D. Stegmann con modificacións e adaptacións ao caso galego. Stegmann é un lingüista alemán e catedrático de Filoloxía románic que, entre outras cuestións, está moi implicado en proxectos e iniciativas a prol do idioma catalán.
No decálogo exponse, de forma directa, doada e simple, dez pasos a dar para revitalizar o galego, dez chanzos ao alcance de todos e cada un. Desde o respecto a quen fala outros idiomas mais pedindo que respecten o teu até manterse fiel ao idioma galego. “Continúa a utilizalo, aínda que che respondan noutra lingua. Se de verdade a persoa coa que estás a falar non te comprende e tes que mudar a outro idioma, faracho saber “.
Galeguizar nome e apelidos, apoiar os produtos e servizos que usan o galego na publicidade, etiquetaxe, atención ao público, etc; Escolle a opción de galego no teu caixeiro automático, no telemóbel, nas redes sociais de internet,...; son tamén outras das propostas. Pequenos pasos para unha persoa, mais un grande paso para o galego!

Ningún comentario:

Publicar un comentario