luns, 23 de novembro de 2015

A Confederación de Anpas reclama garantir a atención educativa domiciliaria

A Confederación de Anpas esíxelle á Xunta de Galiza que garanta a educación educativa domiciliaria, a través dunha serie de medidas que beneficiarían casos como o de Hadrián, o rapaz con leucemia que carece dunha atención domiciliaria acorde coas súas necesidades.
 
Con motivo da reunión que a pasada sexta feira, 20 de novembro, mantiveron representantes da Confederación de Anpas e Nieves Villar e o seu fillo Hadrián cos grupos da oposición no Parlamento Galiza, as Anpas insisten en reclamarlle á Xunta de Galiza un novo regulamento de atención educativa que garanta a atención no domicilio en casos como o de Hadrián. A nai de Hadrián esixiu un mínimo de 12,5 horas á semana de atención na casa para os nenos e nenas que non poden asistir ás aulas ordinarias durante un período prolongado de tempo.
En concreto, a Confederación de Anpas reclama un procedemento que vincule a diagnose da enfermidade co inicio das actuacións educativas, sen que a familia teña que ter a máis mínima iniciativa; dispor dunhas escolas hospitalarias ben dotadas e con capacidade de absorción de todos os casos que aparezan e ter un corpo de profesores e profesoras que dispoñan da formación específica necesaria, non só académica, que poidan cubrir estas necesidades.
Tamén demandan un sistema de comunicación entre o alumno na casa, o profesor hospitalario ou domiciliario, a familia, e o titor do alumno ou alumna para que ese período non se converta nunha fase de illamento, senón que se potencie a relación do rapaz ou rapaza doente cos seus compañeiros e compañeiras. Desta maneira, apunta a Confederación de Anpas, facilitaríase a súa reincorporación á vida académica cotiá. Ademais, esixen “atender ao presente”, dado que hai moitas crianzas que precisan dunha atención da que carecen, “traballar para o futuro” e abrir o debate á sociedade, para a concienciar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario