A nai de Hadrián Antelo e a súa familia foron "plantados" o pasado luns
polo Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, quen non asistiu á
reunión que el mesmo convocou.
A sensibilidade e a preocupación sobre determinadas cuestións
maniféstase no xeito, a forma de facer as cousas: ausentarse dunha
reunión deste tipo enviando dous funcionarios á mesma, pon de manifesto o
desprezo deste goberno pola atención á diversidade e encádrase nun
curioso modus operandi, caracterizado por querer resolver os problemas
ignorándoos.
Hadrián, de once anos, sofre un tipo de leucemia das máis graves,
precisando sesións de quimioterapia que fan que non poida asistir á
escola e que reciba clases na casa a través de atención domiciliaria
(seis horas semanais fronte ás vintecinco horas que calquera meniña/o
ten nun centro educativo). A súa nai, que nesta loita conta co apoio as
ANPAS, solicita que esta atención chegue ás doce horas e media. Doutra
banda, as asociacións de nais e pais demandan que se artellen medidas
que promovan un protocolo de actuación nestes casos, elaborado por unha
comisión composta polos distintos axentes da comunidade educativa e das
autoridades sanitarias competentes.
Son moitas persoas neste país que por variados e sobexos motivos sinten e
sofren a invisibilidade social, á cal se xunta a invisibilidade
económica, a afectiva, a cultural... Cando non directamente a exclusión.
No eido educativo, a exclusión nega a posibilidade de recibir unha
educación en condicións. Por isto, O STEG manifesta o seu apoio á
familia de Hadrián e ás asociacións de nais e pais que demandan desta
Consellería e do seu Conselleiro medidas que garantan a inclusión, a
equidade, igualdade e xustiza social do alumnado e, concretamente, que a
enfermidade ou a diversidade funcional non supoñan un motivo de
discriminación na práctica para ninguén.
Permanente do Secretariado Nacional do STEG
Ningún comentario:
Publicar un comentario