luns, 30 de novembro de 2015

Tan só o 5% das escolas infantís das cidades usa o galego maioritariamente

O galego tan só se utiliza maioritariamente no 5% dos centros de Educación Infantil das cidades galegas. Ademais, no 40% destas escolas nin tan sequera se emprega a lingua propia e en máis do 75% ou non se usa ou a súa presenza é testemuñal. Estas son algunhas das conclusións que se tiran dos resultados do terceiro estudo sobre a situación do galego nas aulas de Infantil de 3 a 6 anos nas áreas urbanas que vén de presentar A Mesa pola Normalización Lingüística. Trátase dunha estimación "dentro das posibilidades" desta entidade e froito das entrevistas que a asociación leva a cabo neses centros e ante a ausencia dunha avaliación "que corresponde á Xunta facer".
O informe d'A Mesa alerta dun "notábel incremento da exclusión absoluta do galego" na Educación Infantil
Tal e como se observa no estudo, e como lembra A Mesa, estase a producir un "incremento notábel da exclusión absoluta do galego" neste ensino en Infantil. Ademais, "e por primeira vez", hai centros que xa declaran "abertamente" non utilizaren nunca a lingua propia, supoñendo estes un 40% do total. Esta porcentaxe aumenta a máis do 75% de incluír tamén aqueles que recoñecen empregar "moi maioritariamente" o español e tan só "algunha vez" e de xeito testemuñal o galego, xa que logo, aqueles que o utilizan só nalgún momento dentro da súa distribución horaria (o 36,43%).
En detalle, e no conxunto das sete cidades, o 39,4% dos centros aseguran empregar o castelán no 100% dos seus contidos, mentres que o 36,4% declara usar tamén o castelán maioritariamente. Ademais, o 19% manifesta empregar equitativamente os dous idiomas -o 50% cada un-, mentres que só o 5,2% declara que o galego é o idioma maioritario nos seus centros.
O 40% dos centros di empregar o castelán no 100% dos contidos e máis do 36% úsao maioritariamente; só o 5,2% usa fundamentalmente o galego
"Se o coñecemento do galego depender do Ensino Infantil, grande parte do alumando que comeza a Educación Primaria, chegaría a esta etapa alleo á mesma existencia da lingua galega", destaca o estudo, que sitúa cidades como Ferrol, Vigo e Pontevedra entre as que teñen situacións máis "preocoupantes", dentro do mínimo uso que hai en todas elas.
Porque en resumo, tan só o 5,20% dos centros de Infantil das cidades emprega o galego como lingua maioritaria, un lixeiro ascenso de tres puntos con respecto ao último informe de 2014 e unhas cifras similares ás de 2012. Todo malia "a lexislación e política da Xunta contraria a esta posibilidade". "A mobilización social e as sentenzas que limitaron a aplicación do decretazo, conseguiron que se perdese o medo á utilización maioritaria do galego, aínda así moi residual e anecdótica", destaca A Mesa no estudo.
A elocuencia das cifras é aínda maior botando man dos dous anteriores estudos elaborados pol'A Mesa. No curso 2008-2009, aínda co decreto 124/2007 en vigor -establecía un "mínimo" do 50% das clases en galego- a presenza do galego no ensino infantil urbano era do 35%. No seguinte curso,  2010-2011, esa porcentaxe ficaba xa no 10%.

Datos por cidades

A enquisa realizouse a comezo deste curso 2015/16 en 269 centros galegos, públicos e privados de Educación Infantil de 3 a 6 anos. Por cidades, a situación máis preocupante para o galego é a de Ferrol, onde continúa sen haber ningún centro onde o idioma propio sexa maioritario, mentres máis do 82% deles empregan o castelán na súa maioría. Na Coruña, un 2,3% ten o galego como lingua principal, fronte ao 25,6% cun reparto igualitario, mentres que en Lugo, o uso maioritario do galego abrangue o 3,7%% das escolas e a repartición igualitaria de ambas linguas ao 22,2%.
En Ferrol, non hai ningún centro de Infantil onde o galego sexa maioritario e máis do 82% empregan o castelán maioritariamente
En Ourense obsérvase un "alarmente aumento da exclusión do galego, que no 67% non chega nin a unha utilización mínima", mentres que só no 6% é maioritario (sen variacións respecto ao ano anterior) e o 21% din utilizar as dúas. Pontevedra, pola súa banda, é unha das cidades "con índices máis altos de exclusión do galego, xa que só o 25% dos centros utilizan algo de galego, aínda que cómpre destacar o aumento dos centros onde o galego é maioritario que pasou do 0 ao 16,9%, ou onde se utilizan as dúas linguas que pasou do 0 ao 4,2%.
Compostela é unha das cidades con maior oferta de galego nas escolas infantís
Compostela é unha das cidades con maior oferta de galego, aínda que escasa (o 13,9% con uso maioritario e o 8,3% cunha repartición equitativa), mentres que en Vigo, o nível de exclusión do galego "é altísimo e por riba da media galega", sendo maioritario só no 1,2% e repartido no 22,9% das escolas.
A Mesa destaca tamén no seu informe o "proceso de estranxeirización da lingua galega", que é "perfectamente visíbel no feito de que hai máis centros de ensino con materiais didácticos en inglés que en galego". Segundo a información recollida, “para esta exclusión e para a negación dun achegamento mínimo ao galego, serve como escusa o resultado da enquisa á que facía mención o Decreto 79/2010 contra o galego que, ilegalmente, se segue a realizar no conxunto do ensino.
A Mesa repara no "proceso de estranxeirización do galego" ao haber máis escolas con materiais en inglés que en lingua propia
"Esta enquisa, declarada ilegal polo TSXG, pretendía por unha banda segregar o alumnado en función da lingua, e por outra negar a posibilidade de que aínda utilizando o castelán na casa, nais e pais contasen coa escola como ferramenta para a transmisión do galego", conclúe A Mesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario