Nas últimas horas o Ministro de
Educación, Íñigo Méndez de Vigo, volveu a repetir o coñecido mantra
daqueles que non saben como xustificar novos recortes contra a
universidade pública; o xa moi coñecido e desgastado “argumento”
utilizado ata o aburrimento polo ex ministro José Ignacio Wert, de que
hai “demasiados universitarios e poucos alumnos de Formación
Profesional”
Esta afirmación non é senón unha nova
confesión de cal é o proxecto político que contra a escola pública ten o
Partido Popular. Para o novo ministro os obxectivos marcados por Wert e
os seus seguen moi presentes. Para eles o fundamental é que só os
fillos dos ricos poidan acceder a unha educación de calidade, para os
demais aí déixannos os empregos precarios, o paro e os constantes
recortes aos servizos públicos e os nosos dereitos máis elementais. As
afirmacións Méndez de Vigo deixan claro que máis aló das aparencias,
defende a mesma política franquista que o seu antecesor.
Pero estas declaracións non só revelan
as intencións reais do PP, senón que son un novo intento por confundir a
todo o que poidan. Segundo os propios datos do Ministerio de Educación a
taxa de acceso á universidade no Estado español é dun 52%, mentres que
na Unión Europea esta porcentaxe é do 56% e ascende ao 58% nos países da
OCDE. É dicir, que non sobran universitarios, senón que para
equipararnos co resto de Europa o que fai falta é un plan que polo menos
garanta unhas posibilidades de acceso similares.
Nestes catro anos quedaron claros os
plans que ten o PP para a universidade pública: recorte de orzamentos,
subida de taxas, recortes nas bolsas, encarecemento das matrículas a
través do Decreto 3+2… Todas estas medidas impulsadas polo PP provocaron
que máis de 70.000 estudantes fosen expulsados da universidade polo
único feito de non ter recursos económicos suficientes.
Todos estes e outros moitos ataques
foron a causa que fixo que os estudantes, pais, nais e profesores
saísemos á rúa para defender a educación pública en contra do intento do
ministro Wert de destruíla. Precisamente foi esa enorme mobilización a
que impediu ao PP tomar medidas aínda máis lesivas contra a educación
pública. Se o PP pretende continuar coa súa política para converter a
educación nun negocio lucrativo para uns poucos e que só os fillos dos
ricos poidan estudar en boas condicións, volverase a atopar coa resposta
masiva nas rúas de toda a comunidade educativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario