Un innovador sistema de mellora da comunicación entre alumnos e
profesores desenvolvido por alumnos vascos foi o gañador absoluto da Galiciencia 2015,
na súa edición especial de décimo aniversario. O proxecto de Ander
Aguiriano e Jonan Andoni Martin, da Lauro Ikastola (Amorebieta-Etxano.
Bizkaia) impúxose entre as 54 propostas de Secundaria que competían polo
premio final, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación
noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2016. O xurado valorou especialmente a sofisticación da tecnoloxía desenvolvida e as probas realizadas para testala.
O equipo gañador analizou as dificultades que se presentan na
aula entre alumnos e profesores co fin de detectar cal é a razón de que a
comunicación se interrompa ou sexa inexistente. Tras realizar
entrevistas a alumnos, profesores e orientadores, deseñaron unha
proposta baseada nun software adaptado ás necesidades de cada alumno e
testárono no caso real dun neno con autismo severo do Colexio Sagrado
Corazón de Bilbao para o que se programou un comunicador dixital, con
resultados moi positivos. Finalmente, contrastáronse os resultados con
diferentes expertos no tema e establecéronse as liñas de mellora. Como
adaptación especial para a Galiciencia, estes días no seu stand os
alumnos ofrecíanlles aos visitantes usar a aplicación para aprender
algunhas palabras e expresións en euskera. O proxecto resultara xa
gañador da feira análoga en Euskadi, a Zientzia Azoka.
O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir precisamente á
feira científica vasca, correspondeulle ao proxecto técnico para a
construción da Galinercia, a carrilana de tecnoloxía punta
que tanta expectación levantou entre os visitantes polo seu sofisticado
prototipo. Alejandro González e Anxo Carpintero, do CPR Plurilíngüe
Santa María-Maristas de Ourense, deseñaron un vehículo de inercia
utilizando un sistema de balanceo baseado no Carver Surfer, un
monopatín experimental de BMW, equipado con todas as medidas de
seguridade establecidas pola Federación de Deportes de Inercia e
construído con aceiro de carbono, aluminio e fibra de vidro. O equipo
foi recoñecido tamén co premio ao proxecto coa mellor comunicación e
presentación oral.
En terceiro lugar quedaron Pablo Lomba e Iago Vázquez do Colexio Montecastelo de Vigo, co seu sistema para obter enerxía a partir da circulación de vehículos e persoas,
que recibiron unha axuda de 200 euros para asistir á feira científica
da Coruña. O seu proxecto baséase en conseguir aforro enerxético
mediante o uso de materiais piezoeléctricos que, introducidos nas
baldosas e calzadas da rúa, recargarán unhas baterías a partir da
enerxía producida polo paso da xente e dos vehículos que permitirían
abastecer de enerxía tanto farois como semáforos.
Este ano, como novidade, outorgáronse tamén recoñecementos a varios
proxectos con base en habilidades e temáticas concretas. Así, a camiseta deportiva con LED preventiva para problemas de corazón,
desenvolvida por Erea Barge e Pedro López nas Aulas Tecnópole, foi
destacada como proxecto máis innovador. O seu prototipo é capaz de medir
a frecuencia cardíaca mentres se fai deporte e avisar cando esta rebasa
os límites considerados normais, coa finalidade de previr graves
problemas que afectan ao corazón, como a morte súbita.
O proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido foi, segundo o xurado, a investigación para a recuperación da memoria histórica da Illa de San Simón
(Pontevedra). Manuel Delgado e Diego Moreira, do Colexio Alborada de
Vigo, retrocederon no tempo até o S.XI para descubrir os acontecementos
que tiveron lugar na illa e, como froito das súas pesquisas, redactaron
un libro cos datos obtidos e editaron unha breve película a modo de
paseo virtual.
O premio ao mellor proxecto de humanidades foi para “Nin perdoo nin
esquezo”, de Joan Giralt, que o desenvolveu na Associació per Promoure
la Recerca Jove (Magma), de Barcelona. Este traballo audiovisual
trata a tráxica historia dunha familia republicana que se viu obrigada a
exiliarse a Francia durante o final da Guerra Civil Española. A
partir desta narración particular o documental tamén trata toda a
retirada republicana de 1939, así como a nefasta recepción francesa de
entón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario