O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA)
amosou no congreso LibreCon 2015
que se está a desenvolver en Santiago (un evento onde expoñer
múltiples logros empresariais e investigadores en materia de
software libre) os froitos acadados polo proxecto RuralSchoolCloud,
un programa coordinado polo CESGA que contou coa participación da
Universidade de Santiago e que serviu de ampliación á iniciativa
comezada en 2010 polo dito centro coa súa premiada iniciativa de
investigación Rural Schools & Cloud Computing. A investigadora
María José Malmierca foi a encargada de dar a coñecer os
devanditos logros.
Ao longo dun tempo de intervención especialmente
reducido (comezou o relatorio cun aquel de atraso) pero cumpridamente
aproveitado, a relatora fixo un percorrido polas orixes, o
desenvolvemento e o estado actual do proxecto. Comezou lembrando aos
presentes unha das grandes características da nosa terra dende un
punto de vista demográfico: temos unha poboación moi espallada e,
malia a importancia crecente das cidades e vilas grandes, é certo
que o rural aínda pesa moito e que neste ámbito viven moitas nenos
e nenos que precisan ter as mesmas oportunidades formativas e
tecnolóxicas cós demais. Esta foi a base orixinaria da iniciativa:
loitar contra as eivas comunicativas, tecnolóxicas ou de ensino que
puideran frear o desenvolvemento da ensinanza nestas áreas e engadir
aínda máis distancia na chamada fenda dixital urbano-rural. As
“armas” empregadas nestas loita foron, entre outras, a
computación na nube e as tecnoloxías avanzadas de comunicación
(por exemplo a videoconferencia), todo concibido dunha maneira aberta
e sen cancelas (open source), prontas para ser adoptadas e
aproveitadas noutras contornas semellantes.
Segundo fixo saber Malmierca, “hai moitas zonas en
Europa con características parecidas ás nosas, con pouca poboación
e poucos alumnos, con menor calidade nos accesos ás comunicacións
con respecto aos espazos urbanos e cun profesorado en moitas ocasións
escasamente estábel”. Para emendar e contrarrestrar todo isto
xurdiron, dixo, a Rede de
Escolas na Nube e (máis tarde e a nivel europeo) o proxecto
RuralSchoolCloud. “A nosa intención”, engadiu, “era conseguir
que as escolas unitarias da nosa terra puideran facer moitas máis
cousas cás que poden facer cos recursos cos que adoito contaban”.
E engadiu: “No CESGA quixemos que a tecnoloxía que xa estaba
creada, a relativa á computación na nube, servira para axudar ás
nosas escolas do rural, integradas no que se coñece como CRAs”.
Segundo informou, coa nube ponse en xogo para estas escolas unha
posibilidade firme de colaboraren e xuntaren. Con todo, sinalou, no
comezo descubríronse unha serie de problemas e complexidades, por
exemplo as relativas á formación do profesorado (formación de todo
tipo, dixo, que ía dende o nivel avanzado até unha introdución
nula no ámbito das TIC). “A isto cómpre engadir a presenza de
virus informáticos e hardware e software escasamente axeitado para o
que queríamos habilitar”, dixo, engadindo que dende o comezo
quedou claro que había que achegar ferramentas abertas. “A Rede de
Escolas na Nube, que segue en activo en dúas ducias de centros do
noso rural agrupados en 4 CRAs, é o resultado de todo isto”,
explicou.
A continuación, Malmierca abordou a vertente
europea da iniciativa. Esta versión máis ampla da mesma foi o
resultado de sumar as experiencias do CESGA, a USC e a empresa
Balidea (que colaborou de maneira altruísta, activamente, nas
Escolas na Nube) con outras experiencias análogas desenvolvidas
noutras contornas xeográficas. Este é o xermolo de
RuralSchoolCloud, que está en activo dende hai dous anos e que xunta
os esforzos dun total de sete países europeos, algúns deles cunhas
características moi semellantes ao noso. Malmierca tamén salientou
que ao abeiro deste proxecto tirouse proveito de recursos abertos de
gran potencial, como por exemplo OpenMeetings (ferramenta para facer
posíbel videoconferencias), Apache ou OpenNebula (xestión na nube).
A relatora rematou a súa intervención lembrando
aos
presentes a publicación dun manual, da man do CESGA, que resume e
compendia a iniciativa RuralSchoolCloud. Trátase do libro
Aprender e ensinar na nube. Computación na nube para colaborar
na escola rural. A obra, lanzada en cinco linguas (galego,
castelán, inglés, grego e italiano) e en cuxo deseño traballamos
arreo dende o Grupo Código Cero Comunicación, foi editada por
Malmierca a xeito de resume e guía visíbel e consuntábel para
profesionais das TIC e das educación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario