venres, 20 de novembro de 2015

Hipercor, Mercadona, Alcampo, Lidl, Carrefour e Dia suspenden en galego

A Unión de Consumidores de Galicia acaba de publicar un estudio sobre os Servizos de Atención ao Cliente (SAC) dos principais supermercados e hipermecados do país. A lingua é un dos aspectos avaliados mediante chamadas telefónicas aos teleoperadores. Os resultados son moi negativos para o galego; só aproban as marcas do país. Nun caso un empregado mesmo se puxo a responder en inglés cando se lle solicitou ser atendido en galego. 

O grupo que peor cualificación obtén en relación cos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas é Dia.  "Sen contar ós grupos galegos, só Eroski parece apostar por un trato de calidade nesta área, aínda que non acada o aprobado sobresae por riba dos restantes suspensos", engade UCGAL.
Malia obter bos resultados, Gadis e Froiz non se libran das críticas. Así, o colectivo de consumidores sinala que "é digno de mención o feito de que nos grupos galegos o uso do nosa lingua non estea plenamente integrado o que chocha especialmente no caso de Gadis e as súas coñecidas campañas publicitarias".
Unha das variábeis que mediron os enquisadores é a capacidade de consultar dúbidas en galego, e que a conversa se mantivera no idioma propio durante todo o proceso. Tamén se valorou que se atendese en español, pero que se desviase a chamada, ou polo menos se intentase, a outro operador que falara galego.
"Os casos máis graves aconteceron cando o operador colgaba o teléfono ante o uso do galego ou comezou a falar en inglés como resposta". Isto sucedeu, segundo UCGAL, polo menos unha vez, nunha chamada a Alcampo, 26 de outubro de 2015.
UCGAL lembra que a Lei  2/2002, de protección dos consumidores, garante o dereito dos cidadáns a escoller o idioma oficial que queira para relacionarse cos comercios, aínda que os comerciantes non teñen a obriga legal de atender en todas as linguas oficiais.
O grupo de defensa dos consumidores entende que as cadeas que abren sucursais no país deberían ofrecer tamén o SAC telefónico en lingua galega, especialmente debido ao auxe da compra por internet.
Velaquí os resultados publicados:
Valoración do uso do idioma galego polos SAC
Gadis
Froiz
Eroski
Hipercor
Mercadona
Alcampo
Lidl
Carrefour
Dia
8.13
7.38
4.44
2.81
2.63
2.01
1.88
1.25
1.04



Ningún comentario:

Publicar un comentario