Hoxe luns estase
a celebrar na Cidade da Cultura unha xornada sobre como poñer freo
ao ciberacoso na que participan unhas duascentas rapazas e
rapaces procedentes de todo o noso territorio, amais de
representantes das institucións e entidades que máis están a
traballar para frear, dende a educación máis activa, un problema
que por desgraza está lonxe de esmorecer: o da violencia de xénero
ao abeiro das novas tecnoloxías da comunicación. O encontro
Adolescentes
e Internet vén da man da Valedora do Pobo e a súa equipa.
Precisamente a valedora, Milagros Otero, foi unha das encargadas de
inaugurar o encontro. Comezou dando a benvida aos colexios
participantes e animou aos escolares a comprender en toda a súa
dimensión as implicacións de todo o que se fai ou se deixa de facer
ao abeiro das redes sociais.
“É importante saber”,
dixo, “que se cometemos un só erro, unha foto enviada que non
tería que ser enviada, un coche que se colle cando non debe ser
collido nunha noite de festa, este acto pode condicionar
negativamente a nosa vida por enteiro”. Otero, a maiores, animou a
usar as novas tecnoloxías “con sentidiño e con cabeciña”. E
engadiu: “Se queremos que nos traten como persoas maiores, debemos
comportarnos como tales, tanto na vida real, como na vida dixital”,
en clara alusión aos deberes que temos como internautas, sexamos da
idade que sexamos, de respectar a privacidade e a integridade de
todos os demais internautas, compañeiros ou membros en xeral da nosa
comunidade ou sociedade. A Valedora tamén dixo que intención da
xornada deste luns, Adolescentes e Internet, é sobre todo a
de “escoitar á xente nova”, non “porque teñan menos dereitos,
senón porque ás veces as súas voces escóitanse menos”.
Nas sesións da mañá
tamén participou Carolina González García, inspectora Community
Manager do Corpo Nacional de Policía, que no seu relatorio falou do
labor do corpo que representa nas redes sociais, un ámbito (dixo)
“que moitas persoas novas cren que non ten por que achegar problema
algún”, se usen como se usen, pero que leva anos “demostrando o
contrario”. A inspectora falou das diferentes prácticas de
ciberacoso e violencia de xénero máis estendidas arestora (afondou
por exemplo no sexting, que é o envío de vídeos ou fotos de
contido sexual enviadas a terceiras persoas sen o consentimento da
persoa que sae nese material) e forneceu aos rapaces e rapazas
asistentes algúns consellos de utilidade para non seren nin vítimas
nin instigadores nin protagonistas dese tipo de prácticas. “Se
cometemos un erro agora”, dixo, “este non ten por que volverse
contra nós hoxe mesmo, pode que o faga o día de mañá, ou o día
de pasado da mañá, cando tentemos facer cousas como buscar un posto
de traballo”.
González García tamén fixo un repaso polos éxitos
da Policía Nacional nas redes sociais, onde ten importante pegada e
presenza. De feito, en YouTube conta cun historial de achegas que
rolda os 300 de vídeos (seis millóns de visualizacións), en
Twitter atesoura a cifra nada desprezábel de 1,8 millóns de
seareiros (sobre todo público novo) e en Facebook 307.000 amigos
(aos que se lles facilita información e se lles atenden dúbidas e
necesidades).
Volvendo á xornada
Adolescentes e Internet, lembrar que participan nela os
seguintes centros educativos da nosa terra: IES Castro Alobre de
Vilagarcía, IES Fin do Camiño de Fisterra, IES Alfonso X O Sabio de
Cambre, IES Sardiñeira da Coruña, IES Plurilingüe Xose Neira Vilas
de Oleiros, IES Milladoiro de Ames e IES Xulián Magariños de
Negreira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario