CIG-Ensino inicia unha recollida de sinaturas para pór en valor o traballo do profesorado.
O obxectivo da central sindical nacionalista é "desmontar a campaña de desprestixio", explicou o seu secretario nacional, Anxo Louzao, que tería iniciado a Xunta de Galiza contra o profesorado. Para iso percorrerán os centros de ensino de todo o país e desenvovlerán 1.400 asembleas nunha campaña que leva por lema 'O traballo docente é importante'.Neste senso, recollerán apoios aprol do ensino público e fronte aos recortes "do punto de vista laboral, profesional e educativo" aplicados desde Educación nos últimos anos.
En comparecencia de imprensa, o secretario nacional, Anxo Louzao e Ana Rodiño, integrante da executiva da CIG-Ensino, repasaron algunhas das medidas implementadas durante os gobernos do Partido Popular que carrexaron "precarias condicións" de traballo para o persoal docente.
"Aulas masificadas con alumnado diverso; con alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e sen que se atenda o problema derivado da falta de profesorado especialista en todos os centros", sinalaron. Unha realidade á que se lle suman "a redución de salarios e pagas extras", "a ampliación do horario lectivo, o incremento de funcións que non teñen nada que ver coa impartición das aulas, como custodiar o alumnado na espera do transporte escolar, do comedor escolar ou de xestións relacionadas cos libros de texto".
Denuncian a masificación nas aulas, a implantación da polivalencia na docencia e a redución salarial, entre outras cuestiónsUnha sobrecarga que veu acompañada dunha "redución do salario en caso de baixa laboral, a non cobertura das baixas por IT de menos de 10 días lectivos e o incremento da impartición de materias nas que non son especialistas ou as itinerancias. Xunto a isto denunciou tamén a liquidación da xubilación anticipada, que estaba recollida na LOE, das licencias por estudo, e mesmo a redución para outro tipo de licencias que non superan os tres meses, alén de recortes nos permisos", acrecentan desde a central sindical nacionalista.
Anxo Louzao asegurou que a Consellaría "procura un profesorado polivalente sen asumir, na práctica, nen a complexidade do noso traballo na aula, nen a transcendencia do traballo docente como alicerce do sistema educativo" no que tildan como un "desprezo" ao sector.
Mellores condicións de traballo e máis formación
Perante esta realidade a CIG-Ensino propón "melloras laborais que incidan na calidade de ensino, partindo da negociación do Estatuto Galego do Profesorado; a redución das ratios, considerando ademais as ratios do alumnado de educación especial; dotación de persoal administrativo en todos os centros, prohibición de impartir materias afíns das clases nas que non son especialistas; persoal específico para custodiar o alumnado transportado e tamén para comedores escolares e conseguir que os servizos complementarios sexan de xestión directa".
Para alén disto, defenden "formación continua nucleada polos propios centros, co deseño dun programa de formación que abranga a todo o profesorado para formalo mellor nos ámbitos necesarios, tanto no que ten que ver con cuestións organizativas, como curriculares, educativas e relacionadas coa conflitividade nos centros; impulso de programas para a normalización do noso idioma, o que leva consigo a capacitación para cada unha das materias do currículo escolar e xestión democrática dos centros".
Medidas que, din, están a ser apoiadas "maioritariamente" polo propio profesorado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario