O simposio anual do ILG estuda o cambio linguístico no galego actual.
O contacto co español, xa secular en Galicia, pero que
nos últimos decenios alcanzou un impacto especialmente relevante, é un
dos temas que abordará o simposio anual do Instituto da Lingua Galega da USC. Un evento no que tamén se analizarán as fondas mudanzas da sociedade e da cultura que se produciron no último século.
O encontro desenvolverase esta semana no Salón de Graos da Facultade de
Filoloxía e o 25 no Consello da Cultura Galega, entidade colaboradora.
Ao longo destes días analizaránse, entre outras cuestións, a variación entonativa, o cambio inducido por contacto castelanizante en galego,
as consecuencias do cambio de lingua dominante por razóns ideolóxicas, a
escrita electrónica galega ou a percepción e as actitudes como
condicionantes do cambio lingüístico.
Persoal investigador de recoñecido prestixio internacional achegará diferentes abordaxes metodolóxicas
e un bo número de investigadoras novas presentarán as liñas de
investigación nas que están traballando e que xa están a producir
importantes resultados. Deste xeito a organización do simposio quere
mostrar a vitalidade que están a alcanzar este tipo de traballos na
lingüística galega actual e amosar as posibilidades da aplicación de
novos enfoques para comprender mellor como cambiou e como está a mudar
hoxe a lingua.
Ningún comentario:
Publicar un comentario