Comezou
Galiciencia, a nosa maior
feira científico-tecnolóxica para a mocidade e unha das máis
referenciais do eido estatal, e quen queira enxeños, inventos e
trebellos innovadores sen dúbida que vai ter unha boa ración na
carpa habilitada pola organización (Tecnópole) en Ourense até este
venres: un recinto que dá acubillo á ciencia do noso futuro (74
proxectos de 17 concellos galegos). Segundo informan os impulsores da
feira, que celebra este ano a súa décima edición, o
evento exhibe estes días solucións moi creativas e avanzadas para
todo tipo de retos e problemas da nosa vida cotiá: retos e
desafíos ligados á alimentación, á mobilidade, á accesibilidade,
á enerxía sustentábel e á seguridade, entre outros temas. Nun
plano máis concreto amósanse na carpa cousas como un
bastón TIC para peregrinos ou un espantallo móbil respectuoso cos
paxaros. Ver para crer.
A
feira científica agarda a visita de máis de 2.000 escolares durante
os seus tres días de duración, aos que se suman os asistentes que
se achegan pola súa conta, dado que o evento é de entrada libre.
Como
dixemos os días pasados, a
Galiciencia rexistra este ano unha cifra récord de proxectos, un
total de 74, dos que os 52 de Secundaria compiten polo premio final,
mentres que os 22 de Primaria se expoñen fóra de concurso. A
representación máis numerosa procede das provincias de Ourense e
Pontevedra, con 23 e 22 proxectos respectivamente. Da Coruña
chegaron 14 e de Lugo 9, aos que se suman 4 de Barcelona e 2 de
Biscaia.
Polo
que respecta ao ámbito temático que nos ocupa en Código Cero (o
ámbito das novas tecnoloxías da información), en Galiciencia
pódense ver estes días iniciativas tan interesantes como a dun
grupo de
estudantes de Pontevedra que
ideou
un sofisticado sistema de lectores de etiquetas automáticos para
identificar alérxenos nos produtos do supermercado, adaptado para
invidentes a través de alertas sonoras e para varios idiomas. “Aínda
que o seu prototipo está preparado para ser incorporado ao carro do
súper, traballan xa nunha aplicación móbil para que os
consumidores o poidan levar nos seus dispositivos
intelixentes”, informa a Tecnópole, que tamén salienta os
esforzos aplicados pola nosa mocidade desenvolvedora en materia de
seguridade e accesibilidade, ámbito no que se insiren as tecnoloxías
achegadas por dous equipos de estudantes de Santiago e Pontevedra:
dous bastóns TIC, un para peregrinos, dotado de sistema de aviso a
emerxencias en caso de perigo, e outro para invidentes, con GPS e
detectores de obstáculos a distancia para mellorar a a autonomía
dos usuarios. Na seguridade pensaron tamén as alumnas de Ourense que
deseñaron un detector de asolagamentos
que permite identificar o perigo de
inundación
a distancia con antelación e reaccionar a tempo.
Sen
saírmonos do plano TIC, a feira tamén amosa, procedente das
Aulas Tecnópole,
unha
plataforma web para móbiles e tabletas
deseñada para a compravenda de produtos agrícolas a pequena escala
sen necesidade de intermediarios, co fin de reducir prezos para os
compradores e aumentar a marxe comercial dos vendedores. Tamén
se pode ver estes días, entre
outras moitas cousas,
un
espantallo móbil para viñas respectuoso cos paxaros (da
man dun
equipo de novos
enxeñeiros de
Santiago),
un
sistema para aproveitar landras
para fabricar aglomerados (achegado
por un equipo de Ourense)
e un
biodixestor
doméstico para obter gas de cociña nun campamento
de estudantes de Barcelona
Ningún comentario:
Publicar un comentario