luns, 30 de novembro de 2015

O PP non quere que se investigue a actual situación do galego

Rexeita crear unha comisión para investigar o estado da lingua e critica á oposición por non aceptar o consenso que lle ofrece a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os recentes estudos e informes sobre a situación do galego non son nada favorables para o futuro da lingua. A pesar diso, o PP non quere investigar, en profundidade, a situación do idioma en Galicia. Os seus votos impediron este venres a constitución dunha comisión parlamentaria de estudo para levar a cabo un diagnóstico sobre a actual situación en que se atopa a lingua, e poder así avanzar no que establece o Plan de Normalización Lingüística.
 
A proposición non de lei foi debatida na Comisión de Educación e Cultura da Cámara galega por iniciativa do grupo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Neste sentido, o deputado Xabier Ron referiuse durante a súa intervención ao perigo que representa o feito de que a lingua galega "se converta en obxecto etnográfico dentro mesmo da propia Galicia".
 
Con todo, os populates non aprecian que o galego este en perigo. Para o popular Agustín Baamonde, a creación dunha comisión parlamentaria arrincaría "de posicionamentos claramente definidos", e acusou á oposición de rexeitar a posibilidade de consenso ao redor da lingua que lles ofreceu a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
 
E, aínda que recoñeceu que o problema da lingua galega "non está no ensino", senón "na non utilización do galego polas persoas novas, fóra das aulas", destacou que as sentenzas do TSXG e do Tribunal Supremo "constatan claramente como o decreto do plurilingüismo está a cumprir a súa función de equilibrio no coñecemento de ambas as linguas".
 
O futuro do galego depende de moitísimos factores pero tamén da imaxe da lingua que proxectamos de cara á sociedade; o galego será o que a sociedade galega queira que sexa", engadiu. Por iso, indicou que "o discurso catastrofista, victimista, de morte do galego, é perigoso porque vén dar a razón a quen queren enterrar a lingua".
 
A deputada socialista Concepción Burgo manifestou que o "desprestixio" da lingua galega comezou "cando o PP enfrontou a toda a sociedade en procura tan só duns votos", en alusión á promulgación do decreto do plurilingüismo. "Todas as estatísticas sobre o uso do galego son preocupantes para todos excepto para o Partido Popular", afirmou
 
Pola súa banda, o deputado Cosme Pombo, do BNG, puxo a voz de alarma ao sinalar que o galego é o único idioma que perde falantes en todo o Estado, e considerou que "o punto de partida" é a derrogación do decreto do plurilingüismo.
 
Carmen Iglesias, do grupo Mixto, sinalou que a metade dos mozos galegos nunca utilizan a lingua galega para expresarse, "sinal -dixo- de que o bilingüismo armónico de Feijóo non está a triunfar".
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario