venres, 6 de novembro de 2015

O PSdeG négase a apoiar o regulamento para o impulso social da lingua galega de Cee

DENUNCIA A MNL
 
A Mesa Pola Normalización Lingüística solicita á dirección galega do PsdeG que desautorice o seu grupo municipal nese concello. Galicia Bilingüe anunciara que recorrería a ordenanza de seren aprobada.

A Mesa pola Normalización Lingüística mostrou o seu malestar coa actitude do grupo municipal socialista de Cee por mor do rexeitamento do PsdeG nese Concello a aprobación do regulamento de impulso social ao galego debatido no pleno. Un regulamento que Galicia Bilingüe xa anunciara que ía recorrer de ser aprobado.
Previamente o presidente da Mesa, Marcos Maceira, remitira un escrito a todos os grupos lembrándolles o acordo de todos os partidos de Galiza na 'Declaración de Unidade a prol da normalización da lingua galega', instándoos a votar a favor do “impulso mínimo” á lingua galega que supón este regulamento. Maceira advertiu que “todos os estudos realizados indican a gravidade da situación da lingua galega, tamén no concello de Cee”. Para a Mesa, “esta é a situación que hai que reverter para garantir que a lingua galega sexa realmente oficial a todos os efectos, non só sobre o papel, e por tanto audíbel e visíbel en todo canto dependa do concello ceense”.
"Falso argumento"
Neste caso, indicou, “nin sequera se poden acoller ao falso argumento da exclusión do castelán xa que o artigo 1 do regulamento, no seu segundo punto, di: “o galego será lingua oficial no concello de Cee, como tamén o castelán, lingua oficial en todo o Estado”. “Fica claro entón que detrás disto só hai odio á nosa lingua” engadíu Maceira, que ademais mostrou a súa sorpresa por ser o PSdG-PSOE o impulsor do rexeitamento a unha acción mínima favorábel ao galego, cando no mes de xullo non tivo ningún problema para comprometerse na Declaración de Unidade xunto con outros partidos de Galiza.
Por isto a Mesa pedirá a desautorización do grupo socialista ceense por parte do seu partido e animou de xeito concreto ao conxunto da militancia socialista, "realmente favorábel ao idioma galego, a mostrar tamén o rexeitamento a esa actitude vergoñenta dos seus edís en Cee".

Ningún comentario:

Publicar un comentario