A sede da Deputación de Ourense acolleu este martes
a presentación do 15 Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, unha
actividade que se vai resolver o vindeiro 10 de decembro na Escola
Superior de Informática do campus local e que se dirixe a establecer
pontes firmes de interrelación entre a I+D levada a cabo na
universidade (ámbito TIC) e o tecido produtivo da contorna, ou sexa,
as empresas. O acto de presentación contou coa presenza da
directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de
Ourense, Ana Garriga; o director xerente de Expourense, Alejandro
Rubín, e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez. Todos
eles salientaron a gran novidade posta en xoga nesta edición: a
entrega do Premo Provincia Intelixente que vai entregar por vez
primeira a Deputación (a maiores patrocinadora do evento).
O galardón do organismo ourensán, fíxose saber, é
unha “categoría especial que ten a súa orixe no apartado
Provincia Intelixente do Plan Ourense 15-19, orientado a dar servizos
ós cidadáns e ás administracións locais e no que as tecnoloxías
da información teñen unha especial incidencia no seu
desenvolvemento”. Polo tanto, engadiuse, o obxectivo é amosar e
visualizar en detalle os traballos que poidan ser encamiñados a dar
solucións abeiradas ao devandito proxecto.
Volvendo ao Concurso de Proxectos Tecnolóxicos,
lembrar que se presenta unha vez máis como “unha gran oportunidade
para que os estudantes do sector TIC de Galicia e de Portugal dean a
coñecer os seus proxectos de fin de carreira, o seu talento e o seu
espírito emprendedor”. En última instancia, o que se busca co
certame é incentivar e estimular o mercado laboral, amais de expoñer
novas oportunidades de emprego lembrando ás empresas as múltiples
vantaxes que poden acadar de incluíren nas súas fileiras
profesionais galegos e portugueses procedentes das novas tecnoloxías.
Tendo en conta isto, darase acubillo no certame a aqueles traballos
onde prevaleza “unha clara aplicación das súas ideas ao mundo
empresarial e que estean vencelladas coa realidade e necesidades
cotiás”.
O acto de entrega dos premios terá lugar na Escola
Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo-Campus
de Ourense, co-oganizadora do concurso xunto a Expourense, e será o
xoves 10 de decembro. As bases da convocatoria para presentar os
traballos poden consultarse na
páxina web de Expourense. En total repartiranse 1.400 euros en
premios. O prazo para a recepción dos traballos remata o 26 de
novembro. Pódense presentar os estudantes dos títulos de Enxeñaría
en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos de fin
de máster de másteres oficiais relacionados co eido das TIC das
tres universidades galegas e tamén do Norte de Portugal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario