A videoconferencia, organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e a Universidade da Coruña ten como título “A máquina que constrúe a mente e a realidade”. Mariño responderá a preguntas como "Como funciona a mente?", "A onde vai o "eu" cando durmimos?" ou "Poden construírse máquinas artificiais que teñan mente?", afondando "na complexidade do encéfalo humano, a máquina na que miles de millóns de neuronas utilizan a electricidade para se comunicaren e, dese xeito, crear a mente e a realidade".
Esta videoconferencia procura que o alumnado teña acceso á ciencia sen ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre todo en canto ás posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma, tamén o galego. A CGENDL, así coma as entidades convocantes desta celebración, queren expresar deste xeito "que todos os idiomas, neste caso o galego, se aprenden usándoos en todos os contextos, tamén nos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, a pesar do Decreto para o Plurilingüismo que a Consellería de Educación impuxo para eliminar o seu uso como lingua vehicular de diferentes materias destes ámbitos".
Outras citas no Día da Ciencia en Galego
De igual xeito, este martes inaugurouse na Galería Sargadelos de Compostela a exposición “A Ciencia e a tecnoloxía da luz”, organizada por Igaciencia co apoio das deputacións da Coruña e Lugo. Estará en Santiago ata o 11 de novembro e nas semanas seguintes poderá verse no Museo Provincial de Lugo (do 14 ao 29 de novembro) e no Muncyt da Coruña (do 11 ao 13 de decembro).En Lugo, este mércores a USC organiza unha ruta xeolóxica: "A historia que contan as pedras que pisas" e, así mesmo, unha conferencia sobre Isidro Parga Pondal. Ademais, con motivo do Día da Ciencia en Galego, o Museo de Historia Natural de Compostela, xunto ao Servizo de Normalización Lingüística da USC, organizarán o sábado 7 de novembro actividades para nenos e adultos ao redor da figura de Isidro Parga Pondal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario