Concellos e centros de ensino envórcanse con accións artísticas, concentracións e homenaxes ás vítimas.
Concellos e centros de ensino centran hoxe na zona
gran parte das actividades contra a violencia de xénero. Unha condena
que se plasmará nunha infinidade de actividades neste día contra os
malos tratos. En Lalín, ás 12.00 horas, a Praza dá Igrexa será escenario
dunha concentración aberta á cidadanía que contará coa participación de
alumnos do Manuel Rivero, Xesús Golmar, Sacro Corazón, Xoaquín Loriga e
os institutos Ramón Aller e Laxeiro que realizarán distintas accións
artísticas. Lerase un manifesto e porase en escena a performance de
Mónica Mura Ámame, non ámame, que se poderá ver tamén pola tarde, ás 19.00 horas no centro comercial Pontiñas e que forma parte do proxecto Abrandares en acción, violencia zero promovido pola Deputación de Pontevedra. Lalín colocou lazos violetas en farois e mensaxes.
No
Laxeiro, ás 10.10, o alumnado sairá ao patio onde realizará unha
homenaxe ás vítimas construíndo unha árbore que será vestido con follas e
flores que levarán o nome das mulleres que perderon a vida e
plantaranse prímulas. As actividades complétanse cun Photocall aberto a
toda a cidadanía durante toda a mañá. O centro participa nos actos do
Concello cunha performance e durante toda esta semana no centro hai
música en todos os recreos, ao que se suma un vídeo.
No Xesús Golmar celebrouse un concurso de carteis contra a violencia de xénero que gañou un cartaz de alumnos de 5º B.
O colexio de Cercio únese tamén á loita levando durante este mes ás aulas o conto Ghatobicho,
elaborado por Gaela Consultora e posto en escena con monicreques de
dedo por Anxo García e dirixido aos pequenos de tres a seis anos.
Na Estrada, ás 20.30 horas na Praza do Concello,
lerase un manifesto aprobado en pleno por toda a corporación. Ao acto
sumaranse ademais dos veciños que o desexen, alumnos dos institutos que
lerán as súas composicións.
No IES número 1 ao longo desta semana desenvólvense
iniciativas entre as que se incluíu o deseño dun adhesivo, recolléronse
noticias que se expoñen nun panel, réndese homenaxe ás mulleres
asasinadas este ano e celébrase unha exposición con zapatos vermellos
denunciando as mortes deste ano. Iniciativas ás que se suma a exposición
dunha serie de material relacionado con este tema na biblioteca do
centro. Os tres institutos celebran hoxe un acto ás 12.15 horas na
rotonda da entrada do García Barros.
En Silleda, ás 12.00 horas, terá lugar unha
concentración fronte ao centro social en Chousa Nova con participación
dos centros. En Rodeiro, hoxe, ás 18.00 horas proxéctase unha película
de animación no Manuel Lamazares e entréganse os premios do concurso de
carteis igualitarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario