A privatización dos comedores escolares dos centros públicos de ensino, a través de concesións, moitas veces millonarias, é unha práctica que vén sendo habitual nos últimos anos, especialmente durante os gobernos do señor Feijoó. A mesma encádrase nas políticas neoliberais da dereita, moitas das cales nos trouxeron até a situación actual: a externalización xeralizada de moitos dos servizos públicos, que derivaron nun
empeoramento e encarecemento do servizo en detrimento da cidadanía.
Especialmente penoso resulta, neste caso concreto, que a alimentación das meniñas e meniños nas escolas públicas estea en mans irresponsábeis en moitos casos lembremos que as protestas por este tipo de servizos prodúcense con máis frecuencia da debida, tanto en Galiza como no resto do Estado), derivando nun servizo pobre, escaso e mal atendido.
O STEG defende que os comedores escolares se abastezan dos produtos de proximidade, incentivando o comercio local ou pequeno comercio, fornecendo os produtos galegos a través da súa posta en valor, potenciando o seu uso nos centros educativos, no camiño de que a escola teza relacións colaborativas coa contorna da comunidade educativa onde se insire a súa actividade.
O STEG observa positivamente que haxa dilixencia nas inspeccións sanitarias dos comedores escolares, así como a apertura de expedientes cando corresponda, mesmo a rescisión de contratos con empresas que incumplen os seus compromisos, poñendo en risco a saúde do alumnado galego. Pero moito nos tememos e lamentamos que este tipo de actuacións están directamente vencelladas a unha pretendida dilixencia que o
goberno está interesado en vender, tendo en conta a inminencia das eleccións xerais o vindeiro mes de decembro.
O STEG defende a xestión pública dos comedores escolares, no convencemento de que a privatización dos mesmos diminúe a atención ao noso alumnado e vai en detrimento da calidade do servizo, e condena enerxicamente a mala praxe de empresas que poñen en risco a saúde das nenas e nenos que comen a cotío nas escolas galegas.
Permanente do Secretariado Nacional do STEG
Ningún comentario:
Publicar un comentario