A USC constitúe un ecosistema emprendedor e cada vez son máis as iniciativas empresariais saídas ou xurdidas nas aulas universitarias, segundo manifestou a decana da Facultade de ADE, Begoña Barreiro, na xornada
‘A USC, unha experiencia emprendedora. Iniciativas empresariais saídas
das aulas’, unha sesión informativa e de divulgación que busca espertar
as inquedanzas e o espírito emprendedor do estudantado.
Ramón Mazoy, da Área de Valorización, Transferencia e
Emprendemento (AVTE) da USC no campus de Lugo referiuse ao último
informe da AVTE relativo a 2014 como termómetro acaído para medir o grao de emprendemento rexistrado na USC. Daquela, Mazoy lembrou na súa exposición que durante o pasado exercicio naceron ao abrigo da USC cinco spin-offs. Neste mesmo periodo, a USC tamén formalizou 45 solicitudes de patentes e tramitou 37 procesos e acordos para a transferencia de tecnoloxía.
Ademais da visión do emprendemento universitario no eido da USC
achegada por Ramón Mazoy, os estudantes que participaron na xornada ‘A
USC, unha experiencia emprendedora. Iniciativas empresariais saídas das
aulas’, tamén tiveron a oportunidade de coñecer as experiencias doutros emprendedores universitarios que crearon empresas logo do seu paso polas aulas, sí como do responsable do viveiro de empresas da Fundación CEL, Rodolfo Ojea, quen disertou sobre o funcionamento, dos servizos e da actividade cotiá que se desenvolve nas súas instalacións.
Os testemuños de José Sánchez del Valle, xerente e socio fundador de Champion Chip Norte, e de Marta Pérez,
co fundadora de Bico de Grao, unha nova empresa que vén de abrir na
capital luguesa, completaron a relación de relatores que tomaron parte
neste foro sobre emprendemento universitario celebrado na Facultade de
ADE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario