martes, 3 de novembro de 2015

A ANPA de Cercio ofrece unha charla no auditorio

 A traballadora social e mediadora familiar Chelo Vázquez disertará sobre como educar nenos felices.



A Asociación de Nais e Pais de Alumnos do colexio Varela Buxán, de Cercio (Lalín) organiza este venres, día 6, ás 21.00 horas, unha charla que leva por título Educar nenos e meniñas felices, que impartirá a traballadora social e especialista en mediación familiar Chelo Vázquez Vázquez. A conferencia terá lugar no Salón Teatro de Lalín e abordará cuestións como que pautas deben seguir os pais, coidadores e comunidade educativa para axudar a entender as emocións que manifestan os nenos, ademais de como debe actuarse para fortalecer as súas capacidades e de que maneira pódense manexar de forma positiva os conflitos para con iso contribuír a formar futuras persoas educadas na tolerancia e na non agresividade.
A charla, como se indicou, está promovida polo colectivo de pais de Cercio para os proxenitores que forman parte da ANPA; pero tamén se perfila como unha xornada de portas abertas para todos os pais que desexan asistir e mellorar así as súas capacidades educativas.
No colexio Varela Buxán están matriculados 67 alumnos, 7 máis que no curso pasado. Destes, 34 fórmanse en Educación Infantil e os 33 restantes en Primaria. Ademais, este colexio consolidou o seu nivel de matrícula nos últimos tempos grazas a que nel se forma unha trintena de rapaces que reside no centro urbano lalinense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario