A luz que viaxa a través do espacio dende a orixe
do noso tempo chega aínda agora ata nós. Estivo no principio de todo
para a fe e está tamén na orixe de moitas investigacións científicas.
Nacións Unidas proclamou este 2015 como Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías da Luz,
as que deben axudar a o desenvolvemento sustentable e ao fornecemento
de solucións aos desafíos globais en enerxía, educación, agricultura e
saúde. Mais para alén do etéreo da luz, tamén este é o ano do máis
tanxible de todo, da terra que pisamos: o Ano Internacional dos Solos. Ás dúas realidades dedícase a VI Edición do Día da Ciencia en Galego,
que se conmemora nesta xornada, mais que se estende cunha manchea de
actividades por varios puntos do país, promovido pola asociación Igaciencia.
Ano da Luz
A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou 2015 como o Ano Internacional da Luz e das tecnoloxías baseadas na luz pola conmemoración de diversos aniversarios: os traballos no campo da óptica realizados en 1015 por Alhacén, a natureza ondulatoria da luz proposta por Fresnel en 1815, o 150 aniversario da síntese electromagnética de Maxwell, o centenario da teoría xeral da relatividade de Einstein e as achegas de Charles Khao en 1965 sobre o emprego da fibra óptica nas comunicacións.
Co gallo deste VI Día da Ciencia en Galego, Igaciencia inaugurou na Galería de Sargadelos de Santiago de Compostela a exposición “A Ciencia e a Tecnoloxía da Luz”, que a seguir itenerará polo Museo Provincial de Lugo e o Muncyt da Coruña. Trátase dunha actividade de carácter divulgativo, lúdico e interactivo que está formada por varios carteis e mesas temáticas con experiencias e material manipulativo e que visitarán nos seguintes días unha manchea de escolares de todo o país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario