E lamentabelmente a liña que
segue é a do seu predecesor: malia que tentou dar unha imaxe dialogante
que superara a nefasta xestión do ministro que lle deu nome a unha lei
como a LOMCE, que pretende rematar co carácter público do ensino e
situar o profesorado nunha situación de absoluta indefensión, agora
amosa nidiamente a continuación e a vontade de continuar a obra do Wert.
Logo de empeorar ate límities insostíbeis as condicións laborais do
profesorado, co despido de miles de docentes, ter reducido os seus
salarios, rematar coa atención á diversidade e as posibilidades de sacar
adiante moitas alumnas e alumnos, aumentar as horas de traballo, o
número de grupos e de alumnado que atender; logo de ter degradado a
situación do sistema público de ensino coa reducción do PIB adicado á
eduación; logo de facer retroceder os indicadores relativos ao progreso
do país en sanidade e educación... O goberno de Rajoy co seu novo
ministro Méndez de Vigo presenta como novidosa unha política en materia
de profesorado que xa ten probado os seus efectos en países como Chile
ou os propios Estados Unidos.
Trátase de que o profesorado sexa retribuído segundo a avaliación dos
resultados do alumnado e do centro educativo en que desenvolve o seu
traballo. A excusa é que non se pode pagar o mesmo a quen obtén peores
notas no seu traballo. A aplicación desta teoría do máis rancio estilo
neoliberal que os seguidores da Escola de Chicago levaron ao Chile de
Pinochet xa ten amosado claramente as súas consecuencias: degradación da
profesión docente, arbitrariedade na atribución de fondos ás escolas e o
seu profesorado, privatización crecente do sistema educativo... E no
caso dos Estados Unidos, onde nalgúns estados se implementaron medidas
deste calibre, as consecuencias destas políticas significaron o peche de
numerosos centros escolares, o despido de miles de docentes e a entrega
de ditas escolas á iniciativa privada.
A LOMCE xa contén en esencia medidas similares ás propostas por Méndez
de Vigo, seguindo o seu filósofo de cabeceira, o señor J.A. Marina. Pero
os seus promotores aínda non se atreveran a expresalas deste xeito. O
profesorado está indignado: no canto de adoptar medidas para favorecer o
traballo en equipo, recuperar o poder adquisitivo perdido, reducir a
carga laboral dos docentes e fomentar a atención á diversidade coa
dotación de persoal aos centros educativos, no canto de garantir a
estabilidade das plantillas docentes co acceso á función pública do
profesorado interino, encontrámonos cunha proposta para dinamitar o
ensino público e atribuírlle ao profesorado os males que derivan dunha
política nefasta en materia de educación.
Dende o STEG levamos tempo alertando o profesorado de que este tipo de
políticas o que pretende é individualizar as relacións laborais do
profesorado e transformar as direccións dos centros en sinxelos xestores
con poder dabondo para seleccionar ou rexeitar profesorado, en
definitiva, para facer dunha tarefa colectiva que é o ensino público
unha actividade mercantilista.
O STEG defende un sistema retributivo baseado en criterios obxectivos e
non en avaliacións arbitrarias, que só beneficiarían o profesorado máis
afín á xerarquía, rexeita totalmente esta tentativa de xerarquización
docente e esixe aos partidos políticos que se pronuncien inequívocamente
en contra dunha política onde o fin último é degradar o ensino público e
favorecer a súa privatización. A homologación retributiva para todo o
profesorado é unha asignatura pendente. A discriminación só pode traer
como consecuencia máis desigualdade e, por tanto, máis deterioro no
ensino público.
Permanente do Secretariado Nacional do STEG
Ningún comentario:
Publicar un comentario