Este goberno do PP, ao xeito dos auténticos fidalgos do Século de Ouro,
parece obstinado no seu erro, do xeito en que cantaba Santiago Auserón.
Así que, non satisfeito coa reválida do pasado curso (¿alguén é quen de
explicar para que serviu, máis do que para consumir recursos, distraer
esforzos e sinalar o alumnado?), agora achega unha nova versión a través
deste Real Decreto, para a súa realización no sexto curso de primaria
(no caso de Galiza xa poden aproveitar e traela feita de Málaga xunto co
xantar).
E como dicía André Gide, autor d' Os Moedeiros falsos, hai que estar a
dicir sempre o mesmo, porque senón algunha xente non se entera,
especialmente o goberno (ao que lamentabelmente non lle podemos atribuír
a excusa da ignorancia), polo que o STEG opina sobre este tema que:
• É unha proba innecesaria para tomar as medidas de atención á
diversidade, en contra do que se anuncia. Diagnosticar ao alumnado
nestas idades, e anteriores, xa o fai o profesorado na avaliación
continua que a lei establece. As medidas de atención á diversidade xa se
teñen que ter establecido dende os cursos anteriores e non é
este instrumento un medio eficaz para establecelas; en ningún sistema
educativo se toman as medidas de atención á diversidade a partir dos
resultados dunha proba externa estandarizada.
• Producirá un efecto de estigmatización do alumnado que acade malos
resultados, pola formalidade e publicidade que implican estas probas.
• Supón unha desconfianza no profesorado, responsable lóxico e indicado
da aprendizaxe do alumnado. É moito máis preciso e rico o diagnóstico
que fai un profesional que coñece a/o alumna/o, as súas circunstancias e
a súa evolución, do que unha proba puntual e igual para todos.
• Significa tamén unha redución da autonomía dos centros (aspecto no que
este Decreto reincide, ao igual cá LOMCE), pois externaliza a
confección da proba e descontextualízaa.
• Supón un control do currículo, dado que toda proba mediatiza o
desenvolvemento curricular por parte do profesorado, que se verá forzado
a lles dar prioridade aos aspectos a avaliar e a lles restar
importancia aos que non se avalían, en contradición coa idea da
formación integral que debe presidir o ensino obrigatorio de toda a
cidadanía.
• Apuntala unha cultura da avaliación puntual e externa, contradicindo a
avaliación continua, que a propia lei marca como a que debe rexer
nestas etapas educativas obrigatorias. Dará a impresión que son este
tipo de controis os que lle dan fiabilidade ao traballo educativo nos
centros e á aprendizaxe do alumnado.
Só nos queda pedir dende o STEG que, no canto de gobernar a base de
textos e medidas que atentan contra o ensino público, dende o Goberno se
adiquen máis recursos económicos e persoas para fortalecer o Ensino
Público, deixando de agredilo con este tipo de medidas.
Permanente do Secretariado Nacional do STEG
Ningún comentario:
Publicar un comentario