Búscanse ideas para a lingua. E o 25 de novembro a CTNL propón un encontro para atopalas, LGx15. Que sexa rápido, áxil e divertido.
Para empezar, este encontro para a difusión de ideas para o futuro da lingua é na sala Capitol. “Queriamos que fose nun lugar onde non houbese nunha cursos de lingua nin nada semellante, para que estivera claro que non é ningún curso máis e ningún congreso de galego”, cóntanos Nel Vidal, presidente da Coordenadora de Traballadores/as pola Normalización Lingüística (CTNL).O obxectivo deste encontro é, segundo Vidal, “comunicar ideas para o futuro da lingua e descaradamente influír no imaxinario colectivo da cidadanía con respecto á lingua. Queremos sacalo de ámbitos académicos e academicistas e asocialo a un discurso máis positivo. É moi difícil que alguén se sume a actitudes derrotistas e a cabalos perdedores”.
"O obxectivo é comunicar ideas para o futuro da lingua e descaradamente influír no imaxinario colectivo da cidadanía con respecto á lingua".O evento tenta mesturar charlas breves, cun formato semellante ao modelo de TED, nun ambiente festivo. Os e as participantes exporán as súas ideas nun máximo de 15 minutos, adubiados con música e moito humor.
As ideas chegarán da man de Lara Tigre (alter ego da xornalista e poeta Xiana Arias), Xosé Lois Vilar (vendedor de froita e arqueólogo), Luís Iglesia (actor), Xurxo Mariño (científico), Carmen Grimaldi (andaluza que vive na Coruña) e Manuel Singala (sociolingüista).
Pola banda do espectáculo, presentarán o dúo humorístico-musical que forman Lucía Aldao e María Lado, e haberá actuacións de Alba María e Xenderal.
Outra das sorpresas do evento é o prezo. Para asistir a LGx15 hai que pagar entrada. “Deste xeito corresponsabilízaste e comprométese a ir”, explica Vidal, que nos conta que este é o primeiro paso do proxecto. O segundo será difundir esas ideas a través de vídeos.
A intención da CTNL é que LGx15 teña continuidade anual e que nas vindeiras edicións estea aberto a ideas que poida presentar calquera a través dunha convocatoria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario