A previsión do programa é lanzar en outubro de 2020 un pequeno satélite para estudar o obxecto.
A Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo participará no primeiro programa de defensa desenvolvido pola Axencia Espacial Europea (ESA), que consistirá na desviación dun asteroide e en levar a cabo tarefas de investigación do propio planetoide.A previsión do programa AIM (Asteroid Impact Mission) é lanzar en outubro de 2020 un pequeno satélite para estudar de cerca o asteroide binario Didymos, informa a Universidade de Vigo no seu diario dixital.
Este enxeño de 700 quilos levará no seu interior dous pequenos satélites de tres unidades de cubosatélites e varios experimentos para realizar mapas en 3D, incluído un cun sistema que se pousará na superficie da lúa do asteroide para tomar mostras e fotografías.
O AIM enmárcase dentro da misión espacial denominada AIDA, que completará a NASA co lanzamento, en xullo de 2021, dunha sonda de choque contra esa lúa para intentar modificar a traxectoria da órbita do asteroide e construír modelos de impacto que sirvan para desviar nos futuro corpos que se dirixan á Terra.
Dentro deste programa, a Universidade de Vigo traballará no 'DustCube', un cubosatélite que se situará a unha distancia de entre dous e catro quilómetros do asteroide e que se encargará de analizar os fragmentos de po e rocas que se desprendan tras a colisión, así como a comisión mineral dos fragmentos. Características que lle darán aos científicos información sobre a orixe do asteroide ou a súa idade.
O envío deste satélite tamén permitirá medir a degradación das comunicacións ópticas entre a nave AIM e a Terra provocadas pola nube de po, ademais de probar un sistema de comunicación entre satélites.
Didymos é un asteroide composto por un corpo principal duns 1,5 quilómetros de diámetro e unha lúa duns 170 metros de diámetro, Didymoon, que orbita a 1,2 quilómetros.
A data do lanzamento do satélite, outubro de 2020, foi escollida pola ESA tendo en conta o que tarda en chegar o prototipo e os meses que deberá estar orbitando para levar a cabo a misión. No seu punto máis próximo á Terra estará a 11 millóns de quilómetros, unha distancia similar a 40 viaxes á Lúa.
Nesta nova misión, a Agrupación Aeroespacial de Vigo participa nun consorcio coa empresa suíza Micos, especializada en óptica, e a Universidade de Bolonia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario