A
linguaxe humana convive entre nós e precisámola como canle de
comunicación dende tempos ancestrais. Tamén é certo que as
necesidades de comunicarse cambiaron de xeito significativo, pois na
época presente tanto o individuo como a linguaxe atópanse inseridos
nunha especie de espiral tecnolóxica. Este novo contexto fai que a
linguaxe se transforme e, polo tanto, a persoa terá tamén que
afacerse a
interpretar este novo xeito de comunicarse en
liña.
De todo isto e máis, tratará o encontro que terá lugar mañá
(venres, 6 de novembro) no salón de actos do CiTiUS
(Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información).
Á
xuntanza
acudirán integrantes da Rede
Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación de Información
(Rede PLIR),
composta por sete grupos de investigación das tres universidades
galegas que traballan neste eido; tres da Universidade da Coruña, un
de Santiago e outros tres de Vigo. Así, estes grupos (nos que
participan lingüistas e expertos en Ciencias da Computación)
reuniranse este venres en Santiago para presentar os seus principais
avances a empresas nacionais e internacionais representativas do
sector. Asemade, Roi Blanco, investigador de Yahoo!,
repasará a importancia da integración das tecnoloxías da lingua no
desenvolvemento de buscadores web de última xeración.
O coordinador da Rede será Manuel Vilares Ferro
(catedrático da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia
Artificial da Universidade de Vigo) quen sinala que “o obxectivo
destas VII Xornadas Empresa-Unidade é favorecer a comunicación
entre os investigadores e as empresas vinculadas ao procesamento da
linguaxe e ao tratamento informático da información, de xeito que
lles poidamos achegar os resultados dos nosos traballos, ao tempo que
as empresas nos fan partícipes das súas necesidades máis
inmediatas. Esta é a mellor maneira de establecer futuras
colaboracións e consolidar as xa existentes, a prol do coñecemento
mutuo”.
O eido común de traballo destes investigadores é o
procesamento da linguaxe natural ou humana para a súa integración
en ferramentas informáticas. Os campos de aplicación van dende o
académico (posibilitando o estudo da propia estrutura da lingua), a
aqueles que están máis preto do gran público como pode ser o
desenvolvemento de buscadores web, vixilancia tecnolóxica,
tradutores automáticos, até o apoio no ensino.
Tal como salientan os expertos, trátase de orientar o
traballo dos investigadores de cara á xestión da avalancha de
coñecementos dispoñíbeis na actualidade a través das plataformas
internet popularizadas dende hai dúas décadas, e máis recentemente
impulsadas pola introdución das redes sociais.
Unha das aplicacións con máis futuro neste eido é a
análise da información para saber o que os usuarios opinan sobre un
determinado produto ou servizo, mediante o emprego de robots que
estudan os contidos dixitais, incluídas as redes sociais. Deste
xeito pódense analizar os gustos, preferencias ou necesidades dos
consumidores, co fin de realizar estudos de mercado con resultados
máis fiábeis que os que achegan as enquisas de opinión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario