Hai unhas semanas botaba a andar EuSonMazaricos, unha iniciativa en forma de asociación cultural lanzada por un grupo de mozas e mozas deste concello rural da comarca de Xallas, co obxectivo de "facer cousas" pola súa localidade e dala a coñecer. Dende o inicio adoptaron o MZ como
o seu símbolo e símbolo para o seu concello. O outro elemento que os
distingue é a súa preocupación pola situación do sector gandeiro, tendo
en conta que a gandaría supón a principal forma de vida e sector
produtivo da localidade.
De feito, a propia asociación naceu ligada ás mobilizacións gandeiras
do pasado mes de setembro, como destacaba Janet Martínez, presidenta da
asociación, en entrevista publicada por Que pasa na costa?: “Foi
espectacular xuntarmos a todos para irmos a Lugo, e chegar alí e que
toda a xente nos aplaudise coas nosas camisetas do MZ”. En
canto ao resultado das mobilizacións, destacaban que "cando menos serviu
para esto, para unírmonos como grupo" e aínda que asumían que "pode que
o prezo do leite non suba moito", sinalaban que "en todo caso, penso
que o consumidor si que mira máis o que compra" que "a xente se deu de
conta de que hai un problema".
A iniciativa, lanzada por este grupo de mozos e mozas entre os 20 e os
30 anos, suma xa 1.256 seguidores e seguidoras nas redes sociais. Entre
as primeiras accións que botaron a andar está unha Liga de Fútbol Sala, a
produción de camisolas co logo MZ e a organización da Semana Gandeira. As
actividades desta Semana Gandeira comezaron este luns e chegarán ata o
domingo. Inclúen concursos de debuxo e de fotografía con temática
gandeira e accións nos centros de ensino. A resposta, cando menos no
certame fotográfico, foi espectacular, sumando polo momento 86 imaxes en
competición. Xa na fin de semana, a actuación do grupo De Vacas, un
campionato de muxido, a poxa de xovencas e a realización dunhas Xornadas técnicas do sector lácteo. Ademais, entregaranse os premios de todos os concursos convocados.
Tamén levan a cabo accións reivindicativas,
relacionadas por exemplo coa demanda da incorporación dun ou dunha
pediatra á vila. Nos últimos días setenta pais e nais da localidade
presentaron unha reclamación no centro de saúde, esixindo que se repoña a
praza, despois de tres semanas sen servizo de pediatría. "Primeiro
foron as urxencias médicas, despois as gardas nas farmacias e agora
parece que queren quitarnos o servizo de pediatría. Dende logo non imos
deixar que, por parte da Administración, se nos desprece. Queremos,
cando menos, os mesmos servizos que teñen noutros sitios porque nós non
somos menos que ninguén", destacaba unha das nais afectadas en La Voz de Galicia.
Unha actividade moi intensa para unhas poucas semanas de vida da
entidade, un exemplo de iniciativa que pode revitalizar unha localidade
rural, e enriquecer o seu tecido social, animando os máis novos e novas a
desenvolver as súas vidas na comarca, ofrecéndolles oportunidades de
todo tipo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario