A Deputación provincial de Pontevedra respalda a creación dun
servizo de normalización lingüística común para os concellos do Morrazo.
Con este motivo, o deputado provincial de Cultura e Normalización
Lingüística, Xosé Leal, mantivo una reunión de traballo co alcalde de
Cangas, Xosé Manuel Pazoscos concelleiros de Normalización Lingüística e
de Xuventude da vila, Heitor Mera e Andrés García, coa edil de
Normalización de Bueu, Silvia Carballo, e mais co secretario xeral de
Política Lingüística, Valentín García, para articular accións de
traballo conxunto en materia de normalización do idioma. "A posibilidade
de establecer un servizo de normalización conxunto entre os concellos
de Cangas e Bueu, ou mesmo a través de todos os concellos da
mancomunidade, é unha vía que queremos fomentar desde o ente provincial e
que tamén está en sintonía coa liña da Secretaría Xeral de Política
Lingüística", afirmou Xosé Leal.
A unión permitiría un
aproveitamento máis racional dos recursos, focalizar mellor o labor de
asesoramento e soporte por parte de servizos lingüísticos da Deputación e
acometer un maior número de actividades por parte das administracións
locais.
Na provincia de Pontevedra só unha decena dos 62
concellos teñen este departamento. Para corrixir esta situación, a
Deputación creou una liña de axudas para aqueles que aposten por crear
ou potenciar este servizo. O organismo creará un web específico para os
62 concellos da provincia. Nel está previsto introducir modelos de
documentos administrativos, libros de estilo que inclúan normas
gramaticais, léxicas e de redacción e mais un boletín lingüístico no que
se recollan desde convencións gráficas e recursos de Internet ata
frases feitas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario