luns, 23 de novembro de 2015

A Valedora do Pobo admitiu a trámite a queixa da CIG Ensino polos impedimentos ao uso gratuíto dos audiovisuais no ensino

A Consellaría continúa sen atender esta demanda que a CIG-Ensino presentou avalada por case 4.000 sinaturas de profesorado 
 
A Valedora do Pobo vén de admitir a trámite a queixa presentada pola CIG-Ensino para solicitarlle que interveña a fin de que o profesorado continúe a poder facer un uso gratuíto dos medios audiovisuais como ferramenta imprescindíbel para o traballo docente. A CIG-Ensino fixo esta demanda diante do silencio da Consellaría de Educación despois de que presentaramos case 4.000 sinaturas de profesorado demandando a derrogación da circular que impide o uso dos recursos audiovisuais non sendo previo pago a unha empresa privada.
O problema xurdiu co envío o curso pasado da Circular  14/2014 pola que se ditaban instrucións aos centros escolares a respecto da reprodución de obras audiovisuais e da súa limitación como ferramenta no traballo docente. A Consellaría non só non atendeu a proposta da CIG-Ensino de retirar esta circular, senón que, posteriormente, acordou coa empresa privada Motion Picture Licensing Company (MPLC) a utilización dos contidos audiovisuais polo prezo de 1.25€ por alumno/a e ano, como se recollía nunha carta remitida o 24 de marzo aos centros polo director desta empresa.
No inicio deste curso escolar, 2015-2016, esta circular non só no foi derrogada, senón que os centros volveron recibir unha carta con “novos prezos” que van dos 200 €, no caso dos centros con 300 alumnos, aos 995 €, en caso de superar os 1500, ou sexa, unha operación recadatoria que emprende de novo MPLC e Licencia Educativa Egeda, avalada pola Consellaría, que podería superar os 400.000 €.
A CIG-Ensino considera unha irresponsabilidade trasladar o problema aos centros educativos e limitar o uso destes recursos, porque de haber algún conflito cos xestores deses dereitos, debería ser a Consellaría a que pagase o uso dos mesmos e non os centros Diante desta situación, a CIG-Ensino solicita á Valedora do Pobo que, ante a ausencia de resposta da Consellaría e da súa desconsideración coas demandas do profesorado, interveña a fin de que o profesorado continúe a poder facer un uso gratuíto dos medios audiovisuais como ferramenta imprescindíbel para o traballo docente.
NOVAS ANTERIORES 
A CIG-Ensino solicita a intervención da Valedora do Pobo para garantir a gratuidade do uso dos recursos audiovisuais nos centros de ensino

Ningún comentario:

Publicar un comentario