martes, 18 de decembro de 2012

'A letra miúda' do panorama sociolingüístico na Galiza, xa dispoñíbel na rede

A Coordinadora galega de equipas de normalización lingüística bota a andar este proxecto co obxectivo de afondar na capacitación d@s profesionais do ensino que traballan de maneira activa en prol do uso do galego nas aulasRedacción hai 10 horas.

A Coordinadora galega de equipas de normalización lingüística vén de presentar A letra miúda, unha revista dixital que achegará información e datos "imprescindíbeis" en materia sociolingüística para @s docentes, orientadas sempre cara ao deseño de modelos de intervención nas aulas que afonden na normalización do galego.
A publicación ten como obxectivo cubrir as necesidades formativas do profesorado, nomeadamente daquel@s profesionais que traballen de maneira activa en prol do uso da lingua propia no eido educativo. Na liña, será unha ferramenta fulcral para o persoal docente á hora de tomar unha decisión pedagóxica dunha maneira crítica e reflexiva.
Artigos inéditos de "cualificados especialistas", experiencias educativas ao redor de linguas en contacto, fundamentos teóricos sobre o ensino de idiomas ou información sobre a situación sociolingüística da Galiza e doutros territorios con linguas minorizadas son algunhas das cuestións que se poderán atopar nesta revista, xa dispoñíbel na rede.



A Xunta contra o galego


O Presidente Feijóo e o conselleiro Vázquez veñen de desaproveitar unha excelente oportunidade para restaurar o consenso lingüístico optando polo continuísmo na súa política de exclusión do galego no ensino infantil e de minorización nas demais fases do ensino obrigatorio.
A Xunta minusvalora o Tribunal Superior de Xustiza como última instancia xudicial na aplicación do Dereito galego e convida o Tribunal Supremo para que interprete de xeito restritivo o status que á lingua galega lle recoñecen o noso Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística.
Máis aínda, ao recorrer perante o Tribunal Supremo as sentenzas do TSXG que declararon ilegais a consulta sobre a lingua de preferencia aos país e nais do ensino infantil e máis o dereito dos alumnos a usar da lingua da súa escolla nas materias que se han impartir en galego, a Xunta minusvalora o Tribunal Superior de Xustiza como última instancia xudicial na aplicación do Dereito galego e convida o Tribunal Supremo para que interprete de xeito restritivo o status que á lingua galega lle recoñecen o noso Estatuto e a Lei de Normalización Lingüística.
Deste xeito, o Goberno galego, que deriva a súa lexitimidade da calidade nacional que emana do noso Estatuto de Autonomía (e que reside nos caracteres da nosa diferenza, entre eles a lingua) recorre de xeito insólito perante o Tribunal Supremo para tentar acadar unha sentenza que limite esa mesma calidade nacional, ao limitar o rol do galego como lingua oficial no ensino. E, no mesmo lote, cuestiona o papel do TSXG como instancia que esgota os recursos nas cuestións de Dereito galego, entre elas o estatuto da nosa lingua. O mundo do revés.
Esta actitude, ao principiar a segunda lexislatura do PP con maioría absoluta, remata por voar todas as pontes posíbeis para restablecermos o pacto social en materia lingüística
O peor é que esta actitude, ao principiar a segunda lexislatura do PP con maioría absoluta, remata por voar todas as pontes posíbeis para restablecermos o pacto social en materia lingüística. Porque sitúa ao PP, de xeito permanente e dificilmente revogábel, fronte aos sectores da cidadanía galega que aspiran á plena igualdade real do galego e o castelán e que tentan que os mozos e mozas galegos non rematen o ensino obrigatorio funcionalmente analfabetos na súa lingua nacional.

venres, 14 de decembro de 2012

A Xunta ratifica que os colexios poderán peneirar o alumnado antes de admitilo



A peneira chega aos centros educativos e faino contra o criterio da propia comunidade educativa. Apenas seis meses despois de que a representación de sindicatos e asociacións de pais e nais no Consello Escolar de Galicia o rexeitasen, a Xunta deulle este xoves luz verde definitiva ao novo decreto de escolarización, o documento que establece os criterios para admitir o estudantado nos centros educativos públicos e concertados. A nova normativa varía os baremos en varios aspectos e introduce un novo: cada colexio e instituto poderá "establecer criterios complementarios" de admisión, que se engadirán aos xerais, como a proximidade ao centro ou as características socioeconómicas da familia.
Á espera de coñecer a redacción definitiva do decreto, a Xunta avanza que estes criterios terán que apoiarse en "circunstancias relevantes apreciadas xustificadamente polo órgano competente do centro". Aprobaranse polo Consello Escolar de cada colexio ou instituto, serán "obxectivos" e "terán que facerse públicos polos centros con anterioridade ao inicio do proceso de matriculación". O obxectivo, di o Goberno galego, é "atender ás caracterísitcas específicas de cada colexio e de cada zona". Todos estes trazos xerais son os que sementaron a inquietude na comunidade educativa xa que, por exemplo, os colexios relixiosos sostidos con fondos públicos poderán establecer peneiras de acordo co seu propio ideario.
O criterio específico de cada centro pesará un punto no baremo global de admisión.
Os devanditos "criterios complementarios" terán un peso de un punto, "un 3% do total do baremo", di o presidente da Xunta. Así as cousas, as barreiras específicas que poida impoñer cada colexio non serán o cerne da valoración, pero si poderán, por exemplo, desfacer un empate entre dous alumnos ou alumnas que teñan a mesma puntuación a partir dos criterios vixentes para toda Galicia. Deste xeito, a Consellería permite, por primeira vez, que colexios e institutos sostidos con fondos públicos seleccionen parcialmente quen entra nas súas aulas e quen fica fóra delas.
Prioridade para estudantes con irmáns ou irmás no centro.
Á marxe da controvertida peneira para cada centro, outras das modificacións introducidas polo decreto si son do agrado das familias afectadas. Así, e nunha liña apoiada por todos os grupos do Parlamento na pasada lexislatura en aras da "conciliación", terá prioridade para acceder a un colexio o alumnado que teña algún irmán ou irmá xa escolarizados alí. Así, esta circunstancia pasa de pesar 5 puntos no baremo total a ter un valor de 8 polo primeiro irmán e dous máis polos seguintes. Eses mesmos 8 puntos serán os que se outorguen a nenos e nenas en réxime de acollemento familiar ou ás familias en cuxo seo haxa algunha persoa con discapacidade.
Entre as novidades figura tamén un novo cómputo da renda familiar. Mentres que ata agora se valoraban os ingresos con independencia dos membros da familia, coa nova regulamentación serán tidos en conta os ingresos "per cápita", xa que "non é o mesmo ter ingresos cun fillo que ter os mesmos ingresos con tres". Se algún alumno perde os "dereitos de prioridade na elección do centro" por algún motivo estipulado na legalidade vixente esta perda será declara por un expediente da Xefatura Territorial de Educación.



O Apalpador lémbralle a Feijóo a obriga legal de protexer o galego no ensino



Con belixerancia, con teimosía, con consignas e manifestacións... e agora tamén con humor. Ás 12 da mañá da simbólica data do triplo doce a plataforma Queremos Galego desprazouse ata o Rexistro Xeral da Xunta, no complexo de San Caetano, para lembrarlles con retranca ao presidente do Executivo galego e ao conselleiro de Educación as súas obrigas legais a respecto da lingua propia, tanto as que marca a lexislación vixente como as que inclúen especificamente as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra o "núcleo" do denominado decreto do plurilingüismo. Desta volta o colectivo en defensa da lingua non estivo só. Foi acompañado pola figura tradicional do Nadal galego: o Apalpador.
Un membro da plataforma ataviado como o mítico home de pelo roxo acompañou o voceiro de Queremos Galego e presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, á entrega de dous agasallos para Alberto Núñez Feijóo e Jesús Vázquez: carbón "fronte á política carbonizadora" contra a lingua propia e libros de texto e de lectura redactados en galego "non co obxectivo de que os queimen -di Callón-, senón de que recapaciten e corrixan as políticas lesivas" para o idioma, na liña do indicado polo TSXG.
Queremos Galego esixe a derrogación do decreto do plurilingüismo, cuxos "piares" son "ilegais" tras as sentenzas do TSXG.
Ambos agasallos ían acompañados por un escrito no que Queremos Galego lle lembra ao Goberno que "os principais piares do mal chamado decreto do plurilingüismo" xa son "ilegais". Ademais, lembran, o alto tribunal "indicoulle ao Goberno que debe realizar unha política de promoción do idioma propio do país de acordo co estipulado na Lei de Normalización Lingüística". "O tribunal -abondan- dálle así a razón aos milleiros de persoas que saíron á rúa nas históricas manifestacións en defensa da nosa lingua" e, ao tempo, "o discurso do PP sobre as linguas no enisno, que xa estaba deslexitimado pola súa falta de apoio nas comunidades educativas", din, "está agora claramente considerado pola Xustiza como fóra da legalidade".
Neste contexto, prosegue o documento que recibirán Feijóo e Vázquez, o Goberno galego debe axustarse ao estipulado tanto na lei como no Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004. Así, sinalan, a Consellería de Educación debe "garantir que o alumnado reciba un mínimo do 50% da súa docencia en galego", que o galego "non estea prohibido en ningunha materia" e que todo o estudantado "finalice cada etapa educativa con suficientes destrezas comunicativas en galego". Do mesmo xeito, todo o persoal dos centros educativos de Galicia debe ter á súa disposición un "plan de formación" para dispoñer de competencia dabondo en galego.

Contra a lei Wert

Ademais da esixencia de derrogación do denominado decreto do plurilingüismo na mobilización de Queremos Galego estivo tamén moi presente a reforma educativa que impulsa o Goberno central e os seus potenciais efectos en Galicia. Feijóo, di Callón, non pode "abdicar" das súas competencias" e por iso cómpre que o presidente "defenda a lingua galega" desta "lei da wertgoña", unha norma "disparatada", máis aínda "nun momento no que se están a recortar os servizos públicos", xa que pretende que a Administración "pague escolas privadas para garantir a ignorancia do galego".
Nun sentido semellante pronunciouse tamén durante a concentración o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, presente no acto xunto a outros dirixentes nacionalistas como o seu voceiro parlamentario, Francisco Jorquera. O Goberno galego, di Vázquez, "ten como obriga protexer o noso idioma", polo que, "por mínima dignidade, debería cambiar a posición e pasar de atacar o galego con eufemismos trilingüistas" a "potencialo, tamén no ensino". "Nas aulas de Galiza queremos galego" ou berros a prol da "derrogación" do decreto foron algunhas das consignas coreadas durante a protesta, tamén apoiada por AGE a través dos seus deputados Xavier Ron e Ramón Vázquez.



xoves, 13 de decembro de 2012

Queremos Galego exíxelle á Xunta "que non abdique" nin das competencias nin da defensa da lingua

Ducias de persoas concentráronse ás portas da consellaría de Educación para reclamaren a volta do galego ás aulas, exixindo a derrogación do decreto de Feijóo e que o goberno galego lle faga fronte á lei de Wert. O Apalpador repartiulles noces e mandarinas, após deixarlle a Jesús Vázquez algúns sacos de carbón e un feixe de libros de texto iguais aos que o PP tirou por estaren redactados no idioma propio, gastando nesta medida máis dun millón de euros.

Pola derrogación do 'decretazo' aprobado en 2010 polo PP e que regula a presencia do galego no ensino. E contra a Lei orgánica de mellora da calidade educativa, LOMCE, cuxo rexeitamento fixo ferver tamén as redes sociais, onde se deu en chamar 'lei da Wertgoña'.
Con estes dous obxectivos no albo, a plataforma cidadá Queremos Galego realizou nesta cuarta feira un acto reivindicativo ás portas da consellaría de Educación, en San Caetano.
Até o Apalpador adiantou uns días a súa visita para entregar a Jesús Vázquez o seu agasallo.
Non foron noces nin mandarinas, que si repartiu entre @s manifestantes, senón algúns sacos de carbón "pola política carbonizadora da nosa lingua", explicou Carlos Callón, presidente da Mesa e voceiro de Queremos Galego.
O conselleiro recibiu tamén un paquete con libros de texto en galego, os mesmos que el propio mandou substituír por estaren nesta lingua. O gasto desta medida superou o millón de euros entre 2011 e 2012.
Así as cousas, lembrou Callón que o decreto 79/2010 foi declarado ilegal en até sete resolucións polos Tribunal Superior de Xustiza, respostanto a outros tantos recursos presentados por A Mesa, Queremos Galego, CIG-Ensino, STEG, Real Academia Galega, Galicia Bilingüe e Mesa por la libertad lingüística.
As reclamacións destas dúas últimas organizacións exixían que a consulta vinculante que o PP reservou para a etapa de infantil se transladase a todos os niveis educativos, e que nais e pais puidesen escoller tamén a lingua en que se redactan os libros de texto e a lingua da consellaría nas súas comunicacións oficiais. Porén, a máxima instancia xudicial do país botou abaixo o artigo 5.2 e o 12.3 --que outorgaba liberdade ao alumnado para se expresar no idioma da súa preferencia--, polo que desestimou os recursos de ambas as dúas organizacións contrarias á lingua propia.
"Aínda que só fose por dignidade, deberan deixar de atacar o galego con eufemismos trilingüistas", sinalou o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, en declaracións á imprensa.
Dixo Vázquez que o propio nome da organización convocante, Queremos Galego, "xa o di todo", e concluíu citando a Castelao e recordando que "se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma".
"Exixímoslle ao conselleiro que non abdique na defensa das súas competencias, na defensa do galego contra a lei da Wertgoña", subliñou Callón.
A LOMCE ataca o autogoberno ao reducir do 45% ao 35% a capacidade dos territorios con lingua propia de achegaren contidos ao currículo educativo, para alén de relegar o galego á cuarta posición por orde de importancia, por detrás de español, inglés e unha terceira lingua estranxeira.
Hai máis. O ministro de Educación, José Ignacio Wert, obriga os gobernos autonómicos a pagaren con cartos públicos centros privados en que se imparta un ensino integramente en español "para garantir a ignorancia do galego", queixouse o voceiro de Queremos Galego.
Cómpre lembrar que entrementres Catalunya e Euskal Herria se revolveron contra esta posibilidade, desde a Xunta, o presidente Feijóo celebrou que Wert gostase do seu modelo de "equilibrio" e "bilingüismo" e o implante no resto de territorios con linguas cooficiais.
Sobre o texto que o goberno español propuxo para a LOMCE pronunciouse o deputado de AGE Xabier Ron, quen denominou o anteproxecto de "segunda perversión" de Wert e queixouse de que a nova tipoloxía de materias deseñada polo ministro reduce o galego "a unha materia de comparsa" ao a incluír no grupo das de especialidade, sendo os propios centros educativos os que deciden cantas horas dedican á súa docencia.
Na liña, o parlamentar comprometeu o esforzo da súa formación política no Parlamento galego "para devolver a nosa lingua ao lugar que lle corresponde".
Canda os agasallos do Apalpador, o conselleiro Vázquez recibiu unha copia do manifesto que circula xa pola rede na procura de sinaturas.
O humorista gráfico Xosé Lois, O Carrabouxo, deulle lectura pública, enfatizando que as sete setenzas do TSXG dan a razón "aos miles de persoas que saíron á rúa nas históricas manifestacións convocadas en defensa da nosa lingua".
Para o 27 de xaneiro está fixada unha nova mobilización nacional. O obxectivo: tornala tamén histórica.



A Xustiza obriga a Xunta a recuar na reforma lingüística ou enlamarse nunha batalla legal


A pelota queda agora no tellado da Xunta. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir este mércores o último ditame sobre os recursos contra o decreto do plurilingüismo para o ensino instaurado polo Goberno de Núñez Feijóo. E unha vez máis, a Xustiza tumba o cerne da política lingüística aplicada polo PP e os argumentos esgrimidos polos sectores máis extremistas aos que a dereita quixo contentar na campaña electoral de hai catro anos. O Executivo, que prometeu analizar as sentenzas e decidir a reforma que levará a cabo na polémica norma, debe agora actuar. As reivindicacións das que fixo bandeira -a consulta ás familias para decidir a lingua vehicular do ensino e a liberdade dos nenos para falar en calquera lingua oficial nas aulas- foron declaradas ilegais, pero a Consellería de Educación ameazou incluso cun recurso de casación.
O recurso doutros dous colectivos contrarios á normalización foi desestimado polo TSXG.
Un deses devanditos sectores extremistas, o que forman a Mesa por la Libertad Lingüística e a Asociación Gallega para la Libertad de Idioma, vén de recibir unha sentenza na que o TSXG desestima as súas peticións, as mesmas de Galicia Bilingüe, e na que deixa claro que o decreto nin "exclúe" o castelán nin conculca o principio de "cooficialidade".
A Xustiza volve deixar claro que a Constitución só recoñece "unha esfera da elección" aos pais no caso da formación relixiosa e moral o que, "implicitamente, deixa fóra de devandita posibilidade" a relativa á lingua no ensino. Ademais, asegura que o modelo elixido pola Xunta para garantir a cooficialidade do galego e do español constitúe "unha das opcións legalmente posibles" dentro do modelo de bilingüismo que instaura o Estatuto. "A administración educativa non pode someter a votación un aspecto fundamental como a lingua", di.
Estas sentenzas, xa que logo, afondan nos argumentos dados polas tamén emitidas polo TSXG en resposta aos recursos da Mesa pola Normalización Lingüística, Queremos Galego, CIG-Ensino, a Real Academia Galega, o sindicato STEG ou CCOO. En todas elas, a Xustiza deixa claro que a Administración non pode “abdicar” das súas responsabilidades e que a elección de lingua no ensino fica “fóra” da “esfera de elección dos pais” e é por iso polo que anula o artigo 5.2 que atinxe á consulta ás familias que acabou por varrer de facto o galego na educación Infantil nas cidades.
A Xustiza lembra que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable”.
E é moi nítido nalgúns casos, como no caso da anulación do artigo 12.3, que varias sentenzas cualifican como “ilegal”, ao permitirlle “ao alumnado a utilización do castelán malia que sexa o galego a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo". O TSXG afirma que este punto do decreto contradí o mandato da Lei de Normalización que esixe o "fomento do uso progresivo do galego", xa que "non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta comunidade autónoma".
Pero o TSXG, máis aló de detalles puramente legais, lembra tamén que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais, polo que bota abaixo o discurso de "imposición" e "falta de liberdade" que o PP, apoiado por sectores de extrema dereita, intentou instaurar na sociedade. Xa que logo, o pau é á ilegalidade da norma, pero tamén á argumentación de toda a política lingüística do Executivo de Feijóo. E non é o único.
O TSXG, o Consello de Europa, a RAG, os sindicatos, a comunidade educativa ou o Consello Consultivo mostráronse contrarios ao decreto do plurilingüismo.
O informe do Comité de Expertos do Consello de Europa xa denunciara a discriminación na que se atopaban os e as falantes de galego, sobre todo no ensino, e amosáronse “preocupados” pola redución “da educación en galego” nas escolas. Lembrábanlle ás autoridades que malia que a lexislación vixente non implica unha educación plena en galego, si é necesario “que haxa un número suficiente de escolas que ofreza educación completamente ou esencialmente en galego”, xa que ese é un dereito “dos pais que así o desexen” e porque se ten que “garantir” que se cumpran as escollas das familias. Antes, as críticas chegaran de toda a comunidade educativa, do sector educativo, dos sindicatos, da oposición política, do Consello Consultivo, do Consello da Cultura ou do Consello de Europa. Pero a Xunta segue facendo oídos xordos.
De feito, o propio conselleiro de Educación desafiara o TSXG asegurando que a Xunta seguiría facendo a consulta aos pais sobre a lingua aínda que non se considere vinculante, e incluso asegurou que meditaría se interpoñer un recurso de casación ás sentenzas da Xustiza sobre o decreto do plurilingüismo. O propio Núñez Feijóo presumiu de modelo e insistiu en que os ditames "avalan o equilibrio entre linguas" e en que o decreto non sería derrogado. Só o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, abriu a porta a algún "axuste" na norma. "Analizaremos as sentenzas e buscaremos unha vía satisfactoria", recoñecera. A pelota está no tellado do Goberno.



mércores, 12 de decembro de 2012

Recitando Celso Emilio a 30.000 voces


Arredor duns 30.000 rapaces duns 200 centros educativos de toda Galicia participarán este mércores nunha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro a través dun recitado colectivo que servirá tamén como acto reivindicativo "en defensa da lingua". Será ás 12 do mediodía, do día 12 de 2012 nunha actividade organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgendl).
Uns 30.000 rapaces recitarán á vez o poema 'Deitado fronte ao mar'.
A homenaxe centrarase nese recitado público, enorme e colectivo do poema Deitado fronte ao mar por parte de milleiros de cativos, á vez que nas redes sociais se promove "a mobilización" a través do hashtag #recitandocelsoemilio e mentres os centros escolares levan xa tempo elaborando vídeos, performances, murais e outros materiais ao redor deste poema do escritor de Celanova.
Será "unha homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que transmite toda a forza e a enerxía da súa palabra".
A Cgendl aproveita o centenario do nacemento do poeta para renderlle "unha homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que transmite toda a forza e a enerxía da súa palabra, símbolo permanente de valores de solidariedade e xustiza universais, pero tamén de compromiso cívico coa cultura e lingua de Galicia".
Así, esta actividade, colectiva e simultánea, constará de diversas accións: O acto colectivo de recitado público simultáneo do poema Deitado fronte ao mar,de Celso Emilio Ferreiro, publicado inicialmente no libro Longa noite de pedra (1962); un envío masivo a través das redes sociais do lema #recitandocelsoemilio, acompañado do texto do devandito poema, así como de lemas a prol do uso ea promoción do idioma.
Aínda que a homenaxe está centrada na actividade dos máis pequenos, tamén participarán un número moi significativo de colectivos vencellados á comunidade educativa, ao tempo que a Cgendl aclara que "a actividade está aberta á participación doutras entidades e colectivos, como concellos, asociacións culturais, bibliotecas e clubs de lectura".
"O obxectivo central deste acto é manter viva a memoria dun dos grandes poetas galegos do século XX a través da posta en valor dun dos seus poemas máis emblemáticos, cuxa temática é unha mostra do orgullo pola nosa lingua que desde a Cgendl queremos promover", aclara a Coordinadora.



Unha ducia de protestas en Galicia contra a lei Wert


O rexeitamento ao anteproxecto da Lomce (Lei de Mellora da Calidade Educativa) impulsada polo ministro Wert espállase polo Estado adiante e chega tamén a Galicia. A Plataforma en Defensa do Ensino Público convocou concentracións nunha ducia de cidades do país este xoves ás 19 horas para protestar contra un texto que considera "partidista" e baseada no "desquite".
A Plataforma en Defensa do Ensino Público convoca manifestacións nunha ducia de cidades contra o borrador de Wert.
Os voceiros de UGT, CCOO, Sindicato de Estudantes e Confapa, membros destea plataforma, pediron xa en rolda de prensa a retirada do borrador por ser unha lei "segregadora, sexista, mercantilista, autoritaria e que profunda na desigualdade", ademais de interpretar que "o tema das linguas cooficiais", que tanta polémica creou sobre todo en Cataluña, non é máis que unha estratexia de Wert "para non discutir outros aspectos" do texto. Por todo isto, a plataforma pretende centrar o debate en cuestións como a segregación, o intento privatizador do ensino ou a "profundización" nun modelo desigual.
As protestas deste xoves, día 13, serán na Coruña (fronte ao IES Eusebio da Guarda), Santiago (IES Rosalía de Castro), Ferrol (IES Sofía Casanova), Lugo (Delegación da Xunta), Burela (fronte ao IES Perdouro), Ourense (CEIP Manuel Sueiro), O Barco de Valdeorras (CEIP Condesa de Fenosa), Verín (IES Taboada Chivite), Pontevedra (IES Vale Inclán), Vigo (IES Santa Irene), Vilagarcía de Arousa (Praza de Galicia) e Ponteareas (Casa do Concello).
Marcelino Brea, responsable de Ensino de UGT-Galicia, advertiu tamén que o calendario de mobilizacións é "sine die" por mor da actitude dun Goberno central "sen vontade de negociación". "O final do touro na praza xa se sabe cal é", asegurou Brea, en alusión ás declaracións do ministro Wert, que presumiu de ser "como un touro bravo" que se crecía "ante o castigo".
Os sindicatos advirten de duras mobilizacións no futuro contra a reforma educativa.
Ademais, José Fuertes, responsable de Ensino de CCOO-Galicia, censurou os obxectivos "ideolóxicos da reforma" e advertiu que para deter a deriva do Executivo "non chegará con ser suaves". Para Comisións, o ministro de Educación "mentiu" ao asegurar que non negociara o texto coa Conferencia Episcopal e denuncia a introdución "forzosa" dunha alternativa á relixión ou a intención de aumentar as horas dedicadas a esta materia. Do mesmo xeito, critica a "privatización" do ensino público e a intención da Administración central de facilitar e ampliar os concertos. En canto á segregación de alumnos, censurou que o novo anteproxecto de lei "obriga a que as comunidades autónomas non poidan discriminar aos centros que discriminan".
Por outra banda, o portavoz do Sindicato de Estudantes, Pablo Álvarez, chamou os mozos a "saír á rúa" a protestar en contra dunha norma que, na súa opinión, supón "unha marcha atrás no reloxo da historia" en canto a dereitos do alumnado, como o de manifestación.
Neste sentido, tamén fixo un chamamento á mobilización para forzar ao Goberno español ao diálogo, cuestión na que posteriormente incidiu o responsable de UGT, que censurou o Estado e o conselleiro de Educación da Xunta, Jesús Vázquez, por non dar "a oportunidade" ao sector educativo de ofrecer as súas achegas.
Ademais, o presidente de Confapa-Galicia, Lois Taboada, criticou "a desconsideración intolerable" por parte das autoridades, que non viron "pertinente" reunirse con pais, centrais sindicais e representantes de estudantes. Así, anunciou que a súa organización estuda xa a presentación dun recurso de anticonstitucionalidade contra a futura norma, ao entender que vai en contra do dereito que establece o artigo 27.7 da Constitución e relega a pais e nais á participación nos centros como "órganos consultivos" e non de goberno. "Non imos renunciar a iso", avisou.
A Confapa estuda un recurso de anticonstitucionalidade contra a norma por relegar a pais e nais na súa elaboración.
Por todo isto, Taboada destacou que "hai razóns máis que sobradas" para reclamar a retirada "inmediata" do anteproxecto, a dimisión de José Ignacio Wert e o nomeamento dun novo ministro e un novo equipo que "abra o proceso de negociación co conxunto das partes" implicadas.
Xa por último, os membros da Plataforma en Defensa do Ensino Público apuntaron que se reuniron cos grupos parlamentarios -a excepción do PP- e lograron que presenten unha interpelación para que o conselleiro Vázquez expoña na Cámara a súa posición con respecto á LOMCE. "Non sabemos se vai dar a cara", sinalaron.



Nace o MOVEMENTO DEZAO POLO ENSINO


Trátase dunha asociación aberta a toda a comunidade educativa. Nace coa intención de reflexionar sobre o momento que está a atravesar o ensino público na nosa comarca.
O contexto no que nos situamos ten dúas inquedanzas graves. En primeiro lugar, a vaga de recortes por parte da administración. En segundo lugar, o horizonte dunha nova proposta lexislativa por parte do Ministerio de Educación, a LOMCE.
Estas dúas circunstancias lévannos a pensar que o modelo de ensino público que se leva construíndo no país nos últimos decenios está agora en serio perigo e queremos influir de todos os xeitos ao noso alcance para presérvalo e, en todo caso, melloralo e apuntálalo.
Tentamos aglutinar a tod@s @s que teñan algo que ver co ensino (familias: p/nais e
alumnado, docentes, traballadores non docentes) e compartan os principios que nos moven.
Todas as persoas que formamos parte deste colectivo eremos no principio dun ENSINO PÚBLICO, GRATUITO E DE CALIDADE.

A nosa pretensión é crear na comarca un espazo de debate en torno ao ensino, focalizando as nosas actuacións sobre as infraestructuras e necesidades da zona.

Polo tanto, proponemos a seguinte folla de ruta:

1. Difusión da constitución da asociación e captación de adhesións entre a comunidade
educativa da zona.
2. Información sobre a situación dos centros educativos da comarca.
3. Estudo do anteproxecto da LOMCE e as súas posibles repercusións.

PRESENTACIÓN: Xoves, día 13 de decembro, ás 21:00 horas.

Mais información en:

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2012/12/11/salon-teatro-acoge-presentacion-movemento-dezao-polo-ensino-publico/724987.html
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2012/12/11/movemento-dezao-polo-ensino-publico-presenta-dia-13-lalin-charla/0003_201212D11C8997.htm

martes, 11 de decembro de 2012

A xustiza desestima o recurso de Galicia Bilingüe: a consulta do PP ás familias, seis veces ilegal. O TSXG desoe a Galicia Bilingüe e tumba de vez o cerne da política lingüística da Xunta.


O colectivo que preside Gloria Lago quería escoller a lingua nas aulas tamén na primaria, nos libros de texto e nas comunicacións oficiais da consellaría de Educación. En base ao sinalado nas outras cinco sentenzas, o TSXG recalca que corresponde á administración regular o idioma a usar nos centros de ensino non en función das preferencias de proxenitores ou alumnado, senón atendendo a criterios pedagóxicos.
Esto representa outra reprimenda á política lingüística da Xunta... E van moitas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non estimou, nin tan sequera parcialmente, un novo recurso en contra do decreto do plurilingüismo instaurado polo Goberno do PP no ensino en Galicia. Neste caso, a Xustiza desestimou o que impuxera Galicia Bilingüe, ao considerar contraria á lei a súa petición, que non era outra que permitir que os pais puidesen escoller a lingua nas aulas, non só na que se imparten as clases, senón a dos libros ou a das comunicacións oficiais da Consellería de Educación. O TSXG rexeita os seus argumentos porque entende que non se "exclúe" o castelán nin se conculca o principio deo "cooficialidade".
O TSXG desestima o recurso de Galicia Bilingüe, que pretendía que familias e alumnos elixisen o idioma das aulas.

Para o alto tribunal, esta reclamación do colectivo presidido por Gloria Lago iría contra a lei e a propia Constitución, xa que, tal e como lembra, corresponde á Administración determinar o idioma que se usa nos centros do ensino, e non aos pais nin aos alumnos. Ao igual que nas catro sentenzas anteriores, e en base a elas, o TSXG declara ilegal á consulta vinculante ás familias -e polo tanto o artigo 5.2 do decreto-, así como a posibilidade de que o alumno emprego na aula o idioma que lle pete, o artigo 12.3.
A sentenza recorda que a Constitución só recoñece "unha esfera da elección" aos pais no caso da formación relixiosa e moral para que a reciban de acordo ás súas propias conviccións o que, "implicitamente, deixa fóra de devandita posibilidade" a relativa á lingua no ensino. O TSXG argumenta que o modelo elixido pola Xunta para garantir a cooficialidade do galego e do español constitúe "unha das opcións legalmente posibles" dentro do modelo de bilingüismo e conxunción que instaura o Estatuto de Autonomía de Galicia. "A administración educativa non pode someter a votación un aspecto fundamental como a lingua", di.
O ditame aclara tamén que se debe admitir unha marxe de apreciación á administración autonómica, de modo que se se move nunhas "marxes de racionalidade e proporción lóxicas" á hora de distribuír horarios e materias que deben impartirse nunha e outra lingua, o modelo non poderá ser considerado contrario a dereito.
Galicia Bilingüe tamén solicitaba que se evitase que a consulta aos pais sobre a lingua materna dos seus fillos puidese deixar "ao libre arbitrio" do centro ou dunha "instrución" da Consellería de Educación a aplicación do resultado da consulta: aula, curso ou centro educativo. A sentenza aduce que este motivo "queda libre de contido" pola recente sentenza da mesma sala do 21 de novembro polo que se anula devandito capítulo, o 5.
Agora corresponderalle á Xunta mover ficha. Logo do primeiro dos ditames, en resposta aos recursos da Mesa pola Normalización, CIG-Ensino e Queremos Galego, o Goberno galego asegurara que tomaría unha decisión sobre unha posible modificación do decreto logo de coñecer todas as sentenzas pendentes, incluídas aquelas que ían no sentido contrario ás maioritarias.
A Xunta debe agora modificar o decreto, logo de asegurar que esperaría ao resultado de todas as sentenzas, incluídas as de colectivos contrarios á normalización.
Agora, a Xustiza vén de deixar claro que o cerne sobre o que se baseou a contrarreforma lingüística do Goberno e Feijóo non é legal. A nova sentenza non só insiste en que é a Administración a que debe decidir a lingua do ensino en base a criterios pedagóxicos, senón que pon barreiras ás intencións dos colectivos máis radicais de determinar desde as familias o idioma dos libros ou das comunicacións oficiais dos centros.

Mais información:  A xustiza desestima o recurso de Galicia Bilingüe: a consulta do PP ás familias, seis veces ilegal.

Deséxalle "boas festas" ao Conselleiro de Educación




Texto da Postal

A CIG-Ensino iniciou este luns unha campaña para que o profesorado lle envíe unha tarxeta de Nadal a a Jesús Vázquez esixindo a paga extra de Nadal. O sindicato fai un chamamento a todo o profesorado para que participe e conseguir así que o conselleiro de Educación reciba máis de 30.000 envíos.
O texto da tarxeta fai referencia ás reducións salariais que sufriu o profesorado desde o ano 2010 e que supuxeron que os seus ingresos minguaran en máis dun 20%. Na postal tamén se denuncian os descontos salariais por enfermidade cos que se castiga os traballadores e traballadoras, o incremento do horario lectivo, as ratios de alumnado por aula, a redución de unidades e postos de traballo, os recortes na atención á diversidade e os ataques ao uso do idioma.
O texto da tarxeta fai referencia ás reducións salariais que sufriu o profesorado desde o ano 2010 e que supuxeron que os seus ingresos minguaran en máis dun 20%
“Nuns días –recolle o texto- ademais de manter conxelado o meu salario, vai facer efectiva a eliminación da miña paga de Nadal, o que é o mesmo que desvalorizar o meu traballo, vulnerar os meus dereitos laborais e furtarme o que como traballador/a me corresponde”. A tarxeta, que se pode enviar desde hoxe, remata esixindo como única felicitación de Nadal a restitución da paga extra que lle corresponde ao profesorado polo seu traballo.



O premio Abertos ao Galego, para a rede social Tuenti


Tuenti, unha das principais redes sociais da xente nova, hai xa algúns anos que incorporou o galego como unha opción normal que escollen sen complexos cada día miles de mozas e mozos. Esta unión de mocidade e novas tecnoloxías fixo que a primeira edición do premio Abertos ao Galego, outorgado pola Mesa pola Normalización Lingüística, vaia recaer na candidatura presentada por esta empresa nova e con fortísima proxección social.
Tuenti é unha empresa, con sede en Madrid, que desde 2009 conta cun tradutor ao galego no seu cadro de persoal, o que permite manter e actualizar a versión en galego da súa rede social con garantías de profesionalidade.
Non só fornecen actualizacións, senón que tamén dan soporte na nosa lingua, o que fai imprescindible que teñan no seu cadro de persoal traballadores que poidan dar o servizo de atención en galego.
O premio Abertos ao Galego ten o obxectivo de contribuír a prestixiar o traballo das empresas que traballan en galego e animar o conxunto da sociedade a que practique un consumo responsable coa lingua e cultura do país. Abertos ao Galego nace baixo o proxecto do mesmo nome da Mesa pola Normalización Lingüística, desde o que se promoven iniciativas destinadas a apoiar e dinamizar o uso do galego no ámbito empresarial.
O galardón entregarase o próximo 19 de decembro nun acto que se vai celebrar no Pazo da Pedreira de Pontevedra, organizado en colaboración do Concello da cidade.

Máis información na web da Mesa.

Propostas para felicitar o Nadal en galego


Un ano máis, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta a campaña Felicita o Nadal en galego!, a través da que pon á disposición da cidadanía diferentes modelos de postais e mais textos de felicitación para enviar por sms.
A maiores, o SNL ofrece asesoramento lingüístico a todas as persoas que o precisen para escribir en galego as comunicacións típicas destas datas.

Información tirada do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.





E o galego gusta, e m8!


A campaña nace coa intención de visibilizar o apoio de persoas a nivel individual ao proceso de normalización da lingua galega en todos os ámbitos, de favorecer que persoas de todo tipo se posicionen a prol do fomento do galego, de provocar unha mínima reflexión sobre a necesidade de fomento da nosa lingua en distintos sectores e de achegar tanto a rúas e prazas coma á rede e aos medios mensaxes positivas e favorables ao uso e prestixio do galego en todos os ámbitos, sectores e situacións, difundindo e facendo visibles esas mensaxes a través de persoas concretas.
Máis de 700 persoas, unha coñecidas polo gran público, outras non tanto, quixeron participar a nivel individual no inicio desta campaña sacando unha foto no photocall de "Gústame..." cunha cartel no que aparecía algunha das 29 frases propostas.

Ampla difusión nas redes sociais

Cada unha desas fotos difúndese no Facebook da campaña, ao que se pode acceder a través de www.gustame.gl. Tamén en Twitter se van difundindo algunhas das mensaxes e ideas, na conta @gustameogalego.
Cómpre destacar a ampla difusión que está a ter nas redes sociais, con algunhas fotos que en Facebook superaron amplamente os 1000 "gústame" e que foron compartidas máis de 400 veces.

A idea naceu no Viveiro de propostas normalizadoras da CTNL

Esta idea naceu no Viveiro de propostas normalizadoras que desde CTNL iniciaron este ano. Na súa maduración e posta en marcha foron participando de xeito colaborativo diversas persoas, dando ideas, valorándoas, achegando lemas, etc.
Despois do inicio no Culturgal, a partir de agora a idea é que a campaña "Gústame o galego" se poida seguir espallando durante todo o ano por toda Galicia, desenvolvendo a súa acción en facultades, institutos, concellos, etc. mediante a súa contratación. Para iso, nos vindeiros días desde a CTNL enviaráselles información aos distintos servizos de normalización lingüística e entidades interesadas.

Información tirada da web da CTNL.

Ábrese a posibilidade de corrixir a toponimia galega en Google Maps


Esta iniciativa forma parte dun proxecto chamado Ground Truth, que comezou en 2008 co obxectivo de acadar mapas precisos e actualizados botando man de fontes orixinais, algoritmos e a intelixencia colectiva dos usuarios e usuarias. Os internautas poden deste xeito sanear os erros e ausencias, incorporar elementos pequenos que non se rexistraran na primeira versión dos mapas e mais corrixir a toponimia e microtoponimia, que adoitaba incluír erros e anacronismos.
Aproveitando esta posibilidade, a asociación Prolingua anima a todos os usuarios de Google Maps a modificar a toponimia galega incorrecta ou que inclúa castelanismos. Para facelo só hai que clicar na esquina inferior dereita do mapa un botón que pon "informar dun erro" e escribir o comentario que corresponda. Por exemplo, ao buscar a vila galega de Baiona vemos que en Google Maps aparece como Bayonne, un tipo de galicismo que neste caso Google se compromete a corrixir nunhas horas.

Información tirada de Praza Pública.

luns, 10 de decembro de 2012

Prolingua: "Un zombi percorre o sistema educativo español: o zombi do franquismo"



Prolingua vén de difundir nas súa páxina web un texto de valoración do proxecto de reforma educativa do ministro Wert que, parafraseando o Manifesto Comunista de Marx, comeza dicindo que "un zombi percorre o sistema educativo español: o zombi do franquismo".
O texto sinala que "que o castelán e a primeira lingua estranxeira pasen a ser materias troncais e as outras linguas do Estado, coma o galego, pasen a ser consideradas materias de especialidade, é algo moi grave e de especial transcendencia" e bota man do Estatuto para lembrar que "mal que lles pese o galego é a lingua propia de Galicia e o castelán a oficial do Estado, e que as dúas serán cooficiais".
"Procedeuse a restarlle presenza social e legal á lingua galega, amparándose sempre en vergoñentas apelacións á liberdade, unha liberdade de pacotilla que só beneficia aos que mandan"
Denuncia tamén que "en Galicia temos un goberno que non só declara un acordo pleno cos contidos presentes na LOMCE; por riba, o presidente Feijoo atrévese a manifestar o orgullo de que o sistema implantado en Galicia sirva de guía para os plans do ministro Wert" e lembra que se "enviaron ao lixo as liñas marcadas no Plan Xeral de Normalización, que impulsara o último goberno de Fraga Iribarne, con Núñez Feijoo como vicepresidente, e procedeuse a restarlle presenza social e legal á lingua galega, amparándose sempre en vergoñentas apelacións á liberdade, unha liberdade de pacotilla que só beneficia aos que mandan".
Prolingua alerta de que "mesmo a Lei de Normalización Lingüística pode ficar en papel mollado, co aplauso fervoroso dos redutos negacionistas".
O texto conclúe que "para que non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións que permitan vivir en galego coa mesma normalidade que o fai unha persoa castelanfalante" e advirte de que a reforma educativa dificultaria o obxectivo de que os galegos e galegas fosen competentes nas dúas linguas. Prolingua alerta finalmente de que "mesmo a Lei de Normalización Lingüística pode ficar en papel mollado, co aplauso fervoroso dos redutos negacionistas". Por ese motivo chama "o conxunto da sociedade galega" a facer pública a oposición a unha lei "que nos devolve á década dos setenta, que ameaza a liberdade lingüística dun amplo sector da cidadanía, que condena a lingua galega a usos residuais e folclóricos e que, esencialmente, busca arrasar coa vitalidade que a cultura galega no seu conxunto ten".



venres, 7 de decembro de 2012

A Mesa pide que as institucións da Cultura se posicionen contra Wert


O borrador da LOMCE espertou tal rexeitamento en Catalunya que até o Barça emitiu un comunicado defendendo a lingua propia como "parte da nosa identidade" namentres na Galiza entidades como a Real Academia e o Consello da Cultura gardan silencio. Noutra orde de cousas, as organizacións que gañaron o recurso contra o decreto do plurilingüismo xuntáronse co BNG para artellar ''unha ofensiva'' pola derrogación desta norma.
A contrarreforma educativa que prepara o Goberno español espertou o rexeitamento en todos os recunchos de Catalunya. Até o Fútbol Club Barcelona fixo público un comunicado en que reivindica a lingua catalana e o seu ensino nas escolas como "parte da nosa identidade e un elemento cabal para a cohesión social e a convivencia do noso pobo".
A entidade deportiva reaccionou antes de que na Galiza o fixesen institucións como a Real Academia ou o Consello da Cultura perante unha LOMCE en que se dispón que centros privados serán finanzados con diñeiro público para educar integramente en español ou onde a materia de relixión goza de maior importancia que as linguas propias até o punto de que o Estado deixa liberdade aos centros para decidir cantas horas lectivas lle dedican a impartir galego, éuscaro e catalán.
Ao entender de Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, o silencio da RAG e do CCG "é unha mostra manifesta de que as nosas institucións culturais teñen que espertar do seu sono e ser máis vivas". Callón reiterou máis unha vez o seu apoio á entidade que preside Méndez Ferrín após un recorte orzamentario que alcanzaría o 70% desde que o PP está na Xunta. A última tesourada, pola volta de 340 mil euros, coñeceuse hai dous meses. Porén, o que desde unha asociación en defensa da lingua como A Mesa non se entende é que "cada vez que Ferrín se xunta con Feijóo só realice reivindicacións económicas".
Recalcou Callón que de calcularmos as subvencións públicas que reciben as asociacións pro-lingua e as equipas de normalización "xuntas non chegan nin á metade do que recibe a Academia" e, após citar actuacións puntuais como o recurso contra o decreto do plurilingüismo que a RAG presentou tamén, sinalou o presidente da Mesa que "co diñeiro que reciben deberan facer moito máis polo noso idioma". Respecto do Consello da Cultura, Callón queixóuse de que desta institución "non ouvimos nin 'mu'".

Contra as normativas da 'wertgoña'

Ao fío, após coñecer a folla de ruta da LOMCE, o BNG mantivo esta cuarta feira unha xuntanza coas entidades que gañaron o recurso contra o decreto do PP: A Mesa, Queremos Galego e CIG-Ensino. Analizaron en conxunto o que supoñen tales resolucións do Tribunal Superior de Xustiza no marco dunha norma que pretende reducir máis aínda a presenza do galego nas escolas, e cadraron na necesidade de lle reclamar á Xunta "que exerza as súas competencias" en materia educativa e, para alén de derrogar o decreto galego e voltar "ao consenso" do Plano de Normalización que o PP rachou "unilateralmente", exixen a Feijóo que lle plante cara a Wert e se revolva contra o borrador da lei.
Porén, namentres a conselleira de Educación de Catalunya se ergueu da mesa durante a conferencia sectorial e deixou claro que a Generalitat interporá un recurso perante o Tribunal Constitucional se Wert non recúa, desde a Galiza Núñez Feijóo aplaudiu a reforma española e mostrouse orgulloso de que o seu modelo "bilingüe" se espalle ao resto do Estado. O conservador refusou dicir ás claras que o seu Goberno tamén pagará centros privados para que as familias poidan educar as crianzas en español, mais xustificou tal medida argumentando que a Constitución estabelece "a obriga do bilingüismo" nos territorios con lingua propia e acrecentou que o español "é a lingua común para todo o Estado".
Fronte a tal mostra de orgullo, o voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, lembrou a reacción provocada polo decreto do galego, con manifestacións históricas en defensa do galego, catro sentenzas xudiciais en contra, informes do Consello de Europa descualificando a política idiomática da Xunta e o rexeitamento "practicamente unánime" da comunidade educativa. Acto seguido, e parafraseando un xogo de palabras que circula polas redes sociais, Jorquera afirmou que Feijóo é "unha wertgoña para Galiza" e anunciou unha "ofensiva parlamentar" instando á Xunta a pular polo galego.
Após lembrar que o doce deste mes ás doce do mediodía hai convocada unha mobilización en defensa do galego diante de San Caetano e máis unha manifestación nacional o 27 de xaneiro, Carlos Callón valorou as declaracións de Feijóo: "velaí o que queren dicir cando falan de bilingüismo", apuntou o tamén presidente de Queremos Galego, ironizando sobre a necesidade de que se tipifiquen "as mentiras dunha autoridade pública" e preguntándose a si propio "que bilingüismo é ese que erradica o propio dos centros de ensino?" Un informe realizado pola Mesa nas escolas das cidades do País destapou que o decreto do plurilingüismo imposto polo PP varreu o galego das contornas urbanas: só o 9% dos centros imparten "algo" na lingua propia.



Wert, na FAES en 2010: "A comunidade educativa non pode ser democrática"


Calquera cousa menos sorprendente. O ministro de Educación, José Ignacio Wert, vénse revelando como un dos membros máis controvertidos do gabinete de Mariano Rajoy. Protagonista de episodios como a súa aposta por "españolizar" o alumnado catalán, Wert enche estes días de novo as páxinas dos xornais coa súa polémica reforma educativa, a lei coa que propón, entre outros aspectos, reducir as linguas cooficiais a un papel residual no ensino ou obrigar as autonomías bilingües a pagarlles colexios privados ás familias que rexeiten que os seus fillos e fillas estuden nun idioma diferente do español. Parte destes plans non son novos no pensamento do ministro. É o que cabe deducir dunha conferencia que impartiu en 2010 na Fundación FAES, daquela como máximo dirixente da consultoría Inspire.
Baixo o título La sociedad española ante la agenda de reformas Wert debullou, convidado pola organización que preside José María Aznar, algúns dos cambios que el consideraba máis urxentes na lexislación do Estado, entre os que destacaba a educación, ámbito no que as mudanzas, dicía, non debían comezar por unha mellor xestión dos públicos senón, "antes que calquera cousa", polos "valores". Wert atribuía os defectos do sistema educativo público a un "fracaso político" polas leis vixentes, pero tameń polo que el considera unha "deriva democrática equivocada, que erosionou as bases do sistema e perverteu o seu funcionamento".
Wert identificaba unha "deriva democrática equivocada" no sistema educativo.
Neste sentido, o actual ministro non dubidaba en afirmar que nas aulas existía xa daquela un "concepto abusivo e invasivo de comunidade escolar", baseada na "idea de co-goberno" por parte de "pais, alumnos, docentes e non docentes". "A comunidade educativa non pode ser unha comunidade democrática, porque o proceso educativo non é democrático", zanxaba. Dous anos despois, xa dende o Ministerio, aposta por sufragar ou non centros privados en función das preferencias lingüísticas de determinados pais e nais.
Para Wert ese exceso de democracia derivara nun "deterioro primeiro da autoridade, despois dos estándares de esixencia e, finalmente, dos valores nucleares do proceso educativo", como "esforzo, mérito, recoñecemento" ou "excelencia". "A crise -abondaba- serviu para poñer de manifesto as verdadeiras consecuencias prácticas do fracaso educativo" e, por iso, instaba os seus a aplicarse a máxima do político estadounidense Rahm Emmanuel: "Non podemos deixar escapar unha crise tan boa". "Hai un claro refluxo das aspiracións participativas no beneficio da restitución da autoridade e da esixencia", aseguraba. Agora, no Goberno, aposta, por exemplo, por reducir o papel dos consellos escolares e incrementar o poder das direccións dos centros.
O actual ministro expuxo na fundación de Aznar as súas teses sobre os "excesos na descentralización".
Wert tampouco esquecía no seu relatorio outra das súas grandes teimas como ministro: as autonomías. Igual que consideraba demasiada a democracia existente nos colexios e institutos, describía tamén os "evidentes excesos na descentralización do sistema educativo", que, afirmaba, "xa produciron un impulso social cara a unha recuperación do papel do Estado". "Hai máis xente a favor de que o sistema educativo sexa xestionado dende o Estado que favorables á súa xestión autónomica", aseguraba. As súas intencións semellan intactas na nova lei no que atinxe ás linguas propias de Galicia, Euskadi e Catalunya. Non así no referido ás demais competencias autonómicas, cuxo recorte xa suaviza a causa das protestas de diversos dirixentes autonómicos do PP.



A reforma de Wert colocaría o galego como lingua residual no ensino


O borrador da reforma educativa dá a volta aos diferentes modelos lingüísticos educativos no conxunto do Estado. A nova normativa que impulsa o Goberno, e que será discutida coas autonomías este martes na conferencia sectorial, supón un ataque directo ao sistema catalán, pero leva por diante tamén os principios doutros modelos, malia a súa febleza na normalización das linguas cooficiais. O galego é un caso.
Así, o borrador da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce) situará o galego nunha situación aínda máis residual. Segundo este texto, as materias en Primaria dividiranse en troncais, específicas e de especialidade. As primeiras ocuparían un mínimo do 50% do horario lectivo, mentres que as segundas conformarían, como máximo, o 50% do horario. No caso das de especialidade, non se asigna un tempo mínimo.
O galego converteríase en materia "de especialidade", polo que un centro podería optar por impartilo tan só unha hora á semana.
É precisamente neste último bloque onde se situarían as linguas cooficiais e, xa que logo, as materias específicas de galego, por debaixo en importancia do castelán e da primeira lingua estranxeira (troncais) e tamén da segunda lingua estranxeira, que é considerada materia específica. E que suporía iso? Segundo advirte a Generalitat, que haxa centros que poidan determinar que ao ensino da lingua propia de cada autonomía tan só se lle dedique unha hora á semana. O galego, obviamente, estaría tamén nesta situación.
Os alumnos poderían obter o título de ESO sen examinarse de galego.
Na ESO a situación sería semellante. As materias tamén se dividen en troncais, específicas e de especialidade, quedando o galego neste último bloque. Neste caso, os alumnos poderían obter o título de ESO sen demostrar o seu coñecemento da lingua galega, xa que na reválida imposta polo Goberno tan só se esixe examinarse dunha das materias do bloque de especialidades, polo que os rapaces poderán escoller entre o galego ou calquera outra materia.
Por outra banda, o borrador obriga as autonomías con lingua propia a garantir "en todas as etapas educativas obrigatorias que as linguas cooficiais sexan ofrecidas nas distintas materias en proporcións equilibradas no número de horas lectivas". No caso de non ser así, as comunidades deberán ofrecer aos pais a posibilidade de "escoller a lingua vehicular" e, no caso de que non haxa oferta na escola pública ou concertada, os gobernos autonómicos terán que "sufrgar os gastos de escolarización en centros privados".
O Estado permitiría un trato "diferenciado" ao galego pero "nunha proporción razoable"; se non é así, pagaralle a educación en castelán aos nenos en centros privados.
O borrador admite que se dea "un trato diferenciado á lingua cooficial respecto do castelán nunha proporción razoable" e sempre que "poida supor a exclusión do castelán". Se o fixese, terá que ofrecer alternativas, que non son outras que pagarlle a educación privada aos nenos para que estuden no idioma vehicular que lles pete. A falta de concreción en canto ás "proporcións equilibradas e razoables" abre a porta a que as familias que esixan unha educación en castelán poidan optar á escolarización privada gratuíta sufragada polo Estado.
A norma está dirixida claramente a eliminar o modelo de inmersión lingüística catalán, pero provoca unha chea de dúbidas arredor doutros sistemas como o galego. Que proporción lingüística é considerada "equilibrada e razoable"? Pagaráselle a escola privada e en galego a unha familia que reclame unha maior presenza da lingua propia na escola? Cantos centros privados aseguran unha proporcionada presenza do galego no seu currículo escolar?

Conferencia sectorial.-

Polo momento, a Generalitat xa vén de anunciar que é "inimaxinable" aplicar a pretendida de reforma do ministro Wert en Cataluña, mentres que os sindicatos e a oposición xa se puxeron do lado do Govern, que ameaza cun recurso ao Constitucional se se rompe co modelo instaurado na escola catalá desde hai décadas. Na conferencia sectorial, a consellera Irene Rigaou plantou o ministro e abandonou a xuntanza.
Logo, tras a reunión, o ministro de Educación, José Ignación Wert, asegurou que non hai "ningún elemento que minusvalore a lingua catalá". "Díxose que o que se propón neste anteproxecto vai contra a inmersión lingüística. É falso", asegurou, tras aclarar que o texto "di o mesmo que a xurisprudencia do Constitucional e o Supremo sobre a inmersión: o catalán pode ser utilizado en proporción superior á do castelán, pero non pode supor a exclusión do castelán ou a súa expresión nominal ou de aparencia. A partir de aí, o que é novidade é que se establece un mecanismo para o castelán vehicular para que ese dereito non quede como unha simple declaración".
Wert insistiu: "É falso que se ataque o catalán. Nin se diminúe o uso do catalán nin se inclúe calquera elemento de minusvaloración do catalán no ensino, senón que se establece a paridade coa lingua castelá. Utilízase como unha ferramenta política. Non me considero ofendido, pero unha boa parte das comunidades expresaron o seu malestar porque a representante de Catalunya non expresou os argumentos das demais comunidades".
Ademais, Wert asegurou que a lingua cooficial "ten o mesmo rrango de avaliación que o castelán, dámoslle a importancia da troncalidade", malia que no borrador as materias en galego, éuscaro ou catalán son consideradas "de especialidade".
O ministro recoñeceu que houbo comunidades que expresaron a súa desconformidade coa reforma, pero non quixo concretar cales. Wert convocará unha nova conferencia sectorial para o día 19 ante as duras críticas de varias autonomías.



martes, 4 de decembro de 2012

Prolingua: “A Xunta debería reflexionar sobre o gloticidio emprendido irresponsablemente”


Menos dun 10% da prensa que se fai en Galiza está en galego e o 50% do ensino nesta lingua está realmente lonxe de cumprirse. Mentres o Comité de Expertos felicita os gobernos catalán e vasco polo apoio e promoción das súas linguas nativas; ao gobernó galego repróchalle “a redución gradual” do uso da lingua galega, sobre todo no ensino, na xustiza e nos medios de comunicación. E recolle as queixas dos expertos europeos pola falta de información, o "calculado silencio" e ocultamento de datos ofrecidos polas autoridades galegas.
ProLingua acaba de editar dous documentos clave para comprender a situación do idioma galego. Tras as duras críticas ao goberno de Feijóo por parte do Comité de Expertos do Consello de Europa no seu terceiro ciclo de seguimento do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ProLingua pón a disposición da cidadanía a traducción das partes do informe que analizan a situación do galego e unha completa análise a modo de Consideracións.
"Cando o pasado 25 de outubro tivemos noticia da publicación deste terceiro informe formamos un grupo de traballo propio capaz de traducir o referido á situación da lingua galega e de elaborar unha rigorosa análise que axude á xente do común a entender cal é a verdadeira situación da lingua a ollos do Consello de Europa, que recomendacións lle traslada á Xunta de Galicia e que cambios percibiu na saúde da lingua de Galicia desde o último informe publicado", explican desde a asociación. E lembran que "o goberno do PP debería ter ben presente que a lingua galega nunca foi un problema e que debe evitarse toda controversia partidaria, porque o galego é un patrimonio de todos, mesmo dos que non o falan".
Para ProLingua, "a difusión deste Informe debería levar as autoridades galegas a reflexionaren sobre o camiño de glotocidio emprendido irresponsablemente". E considera que o goberno do PP "debe revogar o Decreto de Plurilingüismo e elaborar outro novo consensuadamente, un novo Decreto que abranga e garanta unha liña de ensino en galego como lle pide Europa"; que debe "apoiar os medios en galego e facer cumprir o compromiso do mínimo 50% de emisión en galego ás emisoras concedidas"; "esixir de verdade un coñecemento digno oral e escrito do galego aos funcionarios da administración, da xustiza e do ensino, á vez que debe acabar coas discriminacións do galego nos eidos laboral, sanitario e asistencial". "O goberno do PP debe cumprir coa Lei de Normalización Lingüística e co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, textos aprobados por unanimidade polo Parlamento Galego".

CAL É A SITUACIÓN?

Mentres o Comité de Expertos felicita os gobernos catalán e vasco polo apoio e promoción das súas linguas nativas; ao gobernó galego repróchalle “a redución gradual” do uso da lingua galega, sobre todo no ensino, na xustiza e nos medios de comunicación.
No ensino -relata a análise de ProLingua-, os expertos europeos constatan un incumprimento flagrante do teórico 50% en galego que prevé o Decreto e lembran que a Carta obriga a que exista un modelo de ensino en galego, "mandato que o goberno de Núñez Feijoo incumpre".
E continúa: Nos eidos da administración e da xustiza tamén detecta este Informe un retroceso na implantación do galego, con moitas deficiencias non solucionadas polas autoridades e mesmo con evidentes retrocesos en formación e capacitación de persoal, programas informáticos que non permiten o uso da lingua propia, retrocesos na rotulación e nos formularios etc., o que en moitos casos disuade do uso da lingua galega, polo que o Consello de Europa insta as autoridades a acometeren unha verdadeira protección e promoción do idioma galego na administración e na xustiza.
Na vida pública o Consello de Europa constata unha redución no emprego do galego por parte das institucións galegas e a relaxación na esixencia real do coñecemento da lingua para o acceso á función pública.
Canto aos medios de comunicación o Informe di que Galicia non cumpriu cos obxectivos asinados, pois as emisoras e xornais privados apenas chegan a emitir/publicar o 10% en galego. Os expertos europeos amosan tamén a súa preocupación por este desenvolvemento negativo ante o peche de numerosos medios monolingües en galego ou bilingües e a falta de axudas oficiais para estes, que contrasta coas que obteñen os medios en castelán.
Así mesmo, detallan a denuncia do Consello de Europa ante as dificultades que existen na práctica para facer vida normal en galego no mundo laboral, na sanidade e no eido asistencial, "campos onde os usuarios da lingua galega se ven disuadidos para empregaren a súa lingua".

CAMPAÑA NO TWITTER
ProLingua está a levar a cabo unha campaña de tweets co hashtag #informedemoledor á que anima a sumarse https://twitter.com/prolinguagalega

DOCUMENTOS

http://prolinguagalega.org/uploads/media_items/consideracións-prolingua-consello-de-europa-informe.original.pdf
http://prolinguagalega.org/uploads/media_items/traducion-terceiro-informe-consello-de-europa.original.pdf



Méndez Ferrín advirte que a supervivencia da RAG "está en perigo"


"Está en perigo a Academia, toda ela". O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, advertiu este luns que a rebaixa nos orzamentos da institución pon incluso en dúbida a súa continuidade. A rebaixa na achega económica do Estado, nun 70% en dous anos, e as últimas negativas da Xunta para compensar esta caída de ingresos poñen en serias dificultades a centenaria entidade.
A Academia pide o apoio "de todos os grupos do Parlamento" para aumentar a súa dotación económica.
"Esperemos que a RAG poida continuar funcionando; logo de que os Presupostos Xerais do Estado nos fosen desfavorábeis, agardamos que a Xunta enxoite esa diferenza e que poidamos seguir adiante", asegurou Ferrín logo de manter unha xuntanza con varios representantes do grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE). "Pedimos a todos os grupos da Cámara que nos apoien", insistiu o presidente da Academia, que fai un chamamento ao Executivo galego para que nos vindeiros Orzamentos compense coa súa achega económica á entidade o duro recorte sufrido por parte do Estado.
A Xunta reduciu en case a metade a súa achega económica e o Estado nun 70% nos dous últimos anos.
Esta petición urxente da RAG chega tras unha rebaixa moi considerable nas asignacións do Executivo galego á RAG, ao pasarse de convenios por 450.000 euros en 2011 a 280.688 euros en 2012, unido aos duros recortes na asignación do Estado, que finalmente quedou nuns 700.000 euros en 2012 tras o trámite parlamentario dos Presupostos, o que aínda así supón unha rebaixa duns 300.000 euros con respecto ao exercicio anterior. Para 2013, a cantidade recibida de Madrid baixará até os 350.000 euros aproximadamente.
"A prioridade é completar esa rebaixa do 70% que falta e polo menos quedar como estabamos", reivindicou Ferrín, nunha petición que tamén fixo Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE no Parlamento, que denunciou ao tempo o "ataque" da Xunta "á cultura e á lingua galega" e o feito de que as políticas de austeridade do Goberno de Feijóo atenten tamén contra a principal entidade cultural de Galicia. Así, Díaz anunciou que o seu grupo presentará unha interpelación ao Executivo para que dote a RAG da dotación orzamentaria necesaria e para que compende nas súas contas as rebaixas sufridas pola institución nos últimos anos.
"Estamos levando a cabo moitas actividades e moitas delas novas e requirimos un mínimo de empregados que xa deberían cobrar máis do que cobran; non queremos prescindir de ningún", alertou Ferrín, que denunciou tamén a "gravísima" discriminación que sofre a RAG con respecto ás dotacións orzamentarias que reciben outras academias como a vasca, a catalá ou incluso a valenciá que, como lembrou, "recibe da Generalitat 3,5 millóns de euros ano ano", máis de tres millóns máis que o que a entidade galega percibe da Xunta.

A RAG estuda recorrer a sentenza do decreto.

En canto á sentenza do¨TSXG sobre o decreto do plurilingüismo, que estimou parcialmente o recurso da RAG ao invalidar dous artigos clave, Méndez Ferrín amosouse "parcialmente satisfeito e insatisfeito" e anunciou que a Academia "estudará se recorre ou non" o ditame do Tribunal Superior. A cuestión será levada a próximo pleno do organismo.
AGE denunciará a Xunta "por desobediencia" se non aplica as sentenzas do TSXG sobre o decreto.
Pola súa banda, Yolanda Díaz, de AGE, anunciou tamén que espera "que a Xunta cumpra coas diversas sentenzas sobre o decreto" e elimine os dous artigos anulados polo Tribunal, pero advertiu de que "no caso de non facelo", o seu grupo parlamentario denunciará á Xunta "por desobediencia".



"Autoaxuda" para falar e escribir en galego con xeito


Como pasar de ser "galegocalante" a exercer de "galegofalante"? Hai "palabras inventadas" na lingua galega? Por que agora é "grazas" e non "gracias"? Que dis cando dis "matar o rato"? Son algunhas das preguntas que é posible responder coa lectura de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, o novo libro de Carlos Callón que vén de saír do prelo de Xerais e que o seu autor presenta como un manual de distendida "autoaxuda" cun obxectivo "cívico": empregar axeitadamente o idioma propio na vida cotiá.
Cun bo feixe de "consellos prácticos" a obra do tamén presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística aborda dúbidas que poden asaltar tanto a quen emprega o galego habitualmente como a quen dá o paso de convertelo na súa lingua habitual. Así, Callón parte da base de que "todos e todas sabemos máis galego do que pensamos" para, por exemplo, tentar desterrar erros como utilizar escoba no canto de "vasoira" ou prexuízos como o lugar común das "palabras inventadas". Mediante exemplos doados ou mesmo a través de anécdotas, Callón explica, por exemplo, o momento no que descubriu que "avó" e "avoa" son termos que xa empregaban os pais dos seus pais ou que costilleta non existe en castelán, senón que é unha mala tradución da forma galega costeleta.
Callón lembra que a normativa do galego "non é tan nova", de feito "é máis nova a do español".
Ligado con esas verbas que non teñen nada de "invento" o autor dedica tamén parte do seu libro á "explicación" dunha normativa "que xa non é tan nova" -foi fixada pola Real Academia Galega en 2003-, de feito "é máis nova a do español". "Só as linguas mortas nin senten nin padecen", evidencia, para contrastar a situación do galego coa de, por exemplo, o latín, no que xa non muda nada porque é xa unha peza só destinada ao estudo, pero non ao seu uso no día a día. Neste sentido, Callón anima tamén na obra a "restaurar" as formas lingüísticas "xenuínas" do noso idioma. Faino nun apartado cun suxestivo título: Non mates o rato, que non ten culpa, mostra de que "matar o rato" en galego só significa rematar coa vida dun roedor, non agardar a que pase o tempo. Esta, di, é unha expresión equivalente a empregar from lost to the river para traducir a frase castelá "de perdidos, al río".
O director de Xerais, Manuel Bragado, avanza que a editorial está xa a preparar a segunda edición dun libro que, di Callón, sería ideal que, nun futuro, só fose "útil para persoas de fóra", o cal querería dicir que a poboación de Galicia que actualmente está na escola obtén unha capacitación suficiente na lingua propia do país. Tampouco lle viría mal botarlle unha lectura a boa parte dos dirixentes políticos de Galicia, cuxas incorreccións "din moito deles e delas" xa que, dada a formación da maioría, o emprego incorrecto do galego equivale a "desprezalo". O propio presidente da Xunta, por exemplo, di, "sabe que non se di crisi" pero, aínda así, continúa empregando ese termo.
Callón subliña que dirixentes de "todas as forzas políticas" deben mellorar o seu galego.
Ir ao permalink do audio .

O Estado pagará escola privada aos nenos que queiran estudar só en castelán


O Goberno central rebenta o modelo lingüístico das comunidades bilingües. O Ministerio de Educación busca garantir que todos os alumnos do Estado poidan ser escolarizados en castelán e que as as dúas linguas oficiais nas autonomías con idioma propio sexan ofrecidas "nas distintas materias e en proporcións equilibradas". Así o vén de adiantar a Cadena Ser, que tivo acceso ao borrador da polémica reforma educativa que prepara o ministro Wert, que xa adiantou que será aprobada "con ou sen consenso".
O Estado pagará colexios privados ás familias que non poidan escolarizar os seus nenos en castelán.
Segundo a información, a nova lei educativa establece catro condicións coas que se intenta garantir nun futuro inmediato a ensinanza do español en calquera materia escolar de calquera comunidade autónoma do Estado, algo que chocaría con modelos lingüísticos como o galego, o vasco ou o catalán, así como con diversas sentenzas xudiciais e especialmente coa inmersión lingüística. Ademais, e tal e como conta a SER, e mentres o novo sistema non se asenta, se os pais que desexan unha educación íntegra en castelán non atopan un colexio público que permita esa posibilidade, o Goberno facilitaralles a escolarización nun centro privado que si o garanta e cuxos gastos serán sufragados polo Estado. Xa que logo, permitirá pagar con fondos públicos a escolarización en centros privados daqueles alumnos que queiran recibir educación en español.
A consellera de Educación da Generalitat de Catalunya convocou de urxencia aos medios para dar a opinión do Govern sobre o borrador da Lei Orgánica de Mellor da Calidade Educativa promovida polo ministro Wert, que causara unha enorme polémica hai meses ao asegurar que un dos obxectivos da norma era "españolizar os nenos cataláns". Irene Rigau cualificou o borrador como "unha ofensiva contra o catalán" que deixa a lingua propia como "residual no ensino". "Desde 1978 o idioma non estaba tan perseguido, o catalán pasa a ser a cuarta lingua no ensino primario; ráchase co modelo e tomba a inmersión lingüística", asegurou.
Este golpe aos modelos lingüísticos chega tan só uns poucos días despois de que dúas sentenzas do TSXG sobre o decreto do plurlingüismo da Xunta anulasen o cerne da norma e advertisen que o Goberno non podía abdicar das súas responsabilidades á hora de ditar o idioma da clase, así como de promocionar o galego.
Wert cede ás presións da Igrexa e recupera a alternativa á materia de Relixión.
Ademais, o texto do borrador supón un duro xiro ideolóxico e recupera o esquema da LOCE de José María Aznar en 2002 ao rescatar unha alternativa para a materia de Relixión, cedendo así ás reivindicacións da Conferencia Episcopal, que pretende evitar que moitos alumnos fuxan da materia. O borrador sinala que entre as materias específicas os alumnos de primaria deberán cursar ou ben Relixión ou ben Valores Culturais e Sociais, a elección dos pais ou titores. No caso de secundaria, a alternativa será entre Relixión e Valores Éticos. Na actualidade, a relixión é unha materia de oferta obrigatoria por parte dos centros e voluntaria para o alumno.
No novo borrador ademais non aparece Educación Cívica e Constitucional, a nova Educación para a Cidadanía, dentro da listaxe de materias de secundaria. A única referencia respecto diso é para sinalar que eses contidos terán un carácter transversal en distintas materias. Por outra banda, tamén se prolonga a duración mínima dos concertos educativos de catro a seis anos.
O borrador será discutido coas comunidades autónomas na conferencia sectorial deste martes, e que promete ser polémica.

HABERÁ AMPLIACIÓN.