mércores, 23 de febreiro de 2011

Informe PISA 2009 en Galicia. O uso docente do galego nunca entorpece e si que axuda a mellorar o rendemento escolar.

Lectura do informe PISA para o período 2006-2009 que non só afirma a inexistencia de efectos negativos nas áreas científica e técnica senón que documenta a sensible mellora no rendemento escolar noutras afectadas pola aplicación do Decreto 124/2007. Máis alá de casos extravagantes, supuxo unha mellora cuantificable en competencias de lectura e comprensión.
Seguro que a introdución do galego como lingua vehicular non é a única responsable desta mellora, o maior investimento en recursos e medios será máis probable, pero o informe PISA permite documentar que o aumento do uso do galego na escola non entorpece ningunha outra competencia. En todo caso, reforza as áreas que lle son conexas.
É dicir, supoñía unha mellora neta, un recurso ao que agora se renuncia por oportunismo político e en contra dos únicos intereses lexítimos, os educativos.

Conclusións extraídas do informe :
Galicia está á par da OCDE, e mesmo por riba en competencia científica, e por riba da media española nas tres competencias estudadas. Os resultados en Galicia entre 2006 e 2009 non mudaron moito: na comprensión lectora rexístrase un incremento de 7 puntos; en matemáticas houbo un descenso de 5 puntos; e en ciencias houbo un ascenso de 1 punto.
Isto significa que a introdución da lingua galega como lingua vehicular no ensino en diferentes materias impulsada polo Decreto 124/2007 non empeceu a adquisición de competencia lectora nin científica do alumnado. Os resultados dos estudantes galegos son superiores á media española nas tres áreas de coñecemento: no referente ás áreas de lectura e matemática, cun lixeiro ascenso, e en ciencias, de xeito máis acusado.
Materias que fornecen a adquisición de competencia científica son Coñecemento do Medio de Educación Primaria ou Bioloxía e Xeoloxía en Educación Secundaria, materias que levan impartíndose en galego desde hai xa moitos anos. O bilingüismo favorece tamén o dominio e a comprensión lectora en castelán porque, de feito, practicamente todas as comunidades autónomas cun ensino bilingüe teñen unha media na comprensión lectora en español superior á media estatal.
O aumento da presenza do galego como lingua vehicular do ensino axudou a mellorar a comprensión lectora en español e non repercutiu negativamente sobre os resultados en matemáticas, materia que daquela era impartida en galego. Estes resultados do Informe Pisa, o estudo de referencia mundial para medir a calidade dos sistemas educativos, demostran que o fomento do galego non vai en detrimento da competencia en español nin do desenvolvemento científico do alumnado.

Informe completo elaborado polos profesionais de CGENL sobre o informe PISA

martes, 22 de febreiro de 2011

O 21 de febreiro é o Día Internacional da Lingua Materna

En 1999, a Unesco declarou o 21 de febreiro Día Internacional da Lingua Materna. O obxectivo desta celebración é impulsar a práctica das linguas maternas en todo o mundo, e en especial as das minorías, por seren as que se encontran nunha situación máis difícil.

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/dia_internacional_da_lingua_materna_2011

Nace Cartafol, o novo semanario do ensino galego

Neste mes de febreiro naceu a revista Cartafol, un semanario en galego sobre o ensino. Os temas principais que trata son a normalización lingüística, novas da Consellaría de Educación e dos sindicatos do ensino, protestas dos centros, ofertas de cursos, etc. Funciona baixo subscrición, aínda que este primeiro mes de febreiro chega aos colexios de xeito gratuíto.

Máis información en:
http://www.cartafol.gl/
http://www.ctnl.org/web/notic.php?ide=780&desc=nace_cartafol,_o_novo_semanario_do_ensino_galego

A mostra Educación, deporte e valores, que percorrerá os centros de ensino, favorece a dinamización do galego

A Xunta de Galicia promove a educación en valores a través do potencial educativo do deporte coa mostra Educación, deporte e valores que foi presentada no CEP Salustiano Rey Eiras, da Pobra do Caramiñal.
A mostra Educación, deporte e valores, que forma parte do programa Xogade de práctica da actividade deportiva nos colexios galegos, non é unha exposición estática senón que está deseñada como unha ferramenta de traballo coa que a totalidade da comunidade educativa coñecerá os valores do deporte aplicables ao resto dos ámbitos da vida persoal e profesional. A Secretaría Xeral para o Deporte pretende con este proxecto que o programa Xogade non sexa só un espazo para a práctica da actividade física, senón tamén unha plataforma de educación a través do deporte e unha oportunidade para promover condutas e valores.

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1725

XI Concurso de relato oral Tíralle da lingua

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) convoca a XI edición do concurso de relato oral Tíralle da lingua para promover o uso oral do galego entre escolares de primaria, ESO e bacharelato. O prazo de inscrición remata o 14 de abril. A fase final terá lugar o 28 de abril no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Máis información en:
http://www.ctnl.org/web/notic.php?ide=783&desc=xi_concurso_de_relato_oral_tiralle_da_lingua

A Xunta presenta as novas ferramentas tecnolóxicas dispoñibles para vivir en galego

A lingua galega amplía a súa presenza no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación. Faino a través das versións dos últimos produtos tecnolóxicos para traballar e vivir en galego: Windows7, Office 2010, Dynamics CRM e Sharepoint. O acto de presentación terá lugar o 24 de febreiro, ás 19:00, no Centro de Arte Contemporánea de Santiago de Conmpostela.

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1726

Convocatoria de probas para a obtención do Celga en 2011

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou no DOG do 10 de febreiro de 2011 a convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2011. Este ano haberá unha única convocatoria, que en Galicia será no mes de xuño.
O prazo para inscribirse nas probas remata o 29 de abril. As probas terán lugar os seguintes días:
-Celga 1: 26 de xuño
-Celga 2: 19 de xuño
-Celga 3: 25 de xuño
-Celga 4: 18 de xuño

Máis información:
http://www.xunta.es/dog/Dog2011.nsf/0e5fb445f3681a75c1257251004b10d7/653ad9ccfdaa317641257832004d362b/$FILE/02800D001P006.PDF (convocatoria no DOG)
http://www.xunta.es/linguagalega/celga (páxina da SXPL con recursos e información sobre os Celga)

mércores, 16 de febreiro de 2011

Regulamento da avaliación diagnóstica en Galicia

Orde do 6 de outubro de 2010 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta proba realizarase en todos os centros educativos da comunidade autónoma que impartan ensinanzas correspondentes a cuarto curso de educación primaria e/ou segundo curso de educación secundaria obrigatoria.
Deberá ser realizada por todo o alumnado dos niveis referidos no punto anterior, agás naqueles casos que sinale a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

DOGA 15/10/2010

martes, 8 de febreiro de 2011

II Club de Debate en Pontevedra

Por segundo ano consecutivo, o SNL do Concello de Pontevedra organiza un Club de Debate dirixido a alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato. A actividade ten como obxectivos desenvolver a oralidade, fomentar o debate e consolidar foros de discusión sobre temas de actualidade e de interese social. Así mesmo, busca impulsar o uso oral do galego entre a mocidade, pór en valor as habilidades sociais e pór en valor a nosa lingua como ferramenta indispensable para defender as nosas ideas.
Nesta edición participarán 5 equipos de centros escolares de Pontevedra, en dúas fases eliminatorias, que son abertas ao público:
1) A primeira terá lugar o 19 de febreiro, a partir das 10 h, no Salón de Actos do Pazo da Cultura e os debates versarán sobre o tema “Débese alongar a vida dunha persoa mentres a técnica o permite?”.
2) A segunda fase, á que pasarán os 2 mellores equipos da anterior, será o 26 de febreiro no Café Moderno, ás 11:30 horas. Nela debaterase “Deben os gobernos promover os medios de comunicación en galego?”.
Os equipos que pasen á segunda fase serán agasallados cun vale de 300 euros para mercar libros e banda deseñada en galego e o equipo campión gañará, ademais, unha viaxe de fin de semana.

Máis información proximamente en:
http://www.pontevedra.eu/alingualatexa/index.php?s=mocidade1

Nace galeguizargalicia.tv para difundir vídeos de actividades a prol da lingua galega

Os colectivos que forman parte do portal www.galeguizargalicia.com acaban de pór en marcha a canle de televisión por internet galeguizargalicia.tv, a través da cal difunden os vídeos das súas actividades a prol da lingua galega e emitirán os futuros actos en directo. O Foro Enrique Peinador, a Asociación Álvaro das Casas, a Asociación de Amigos do Couto Mixto, a Fundación Lois Peña Novo, a Irmandade Xurídica Galega e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística son as entidades que conforman este proxecto.

Máis información en:
http://www.galeguizargalicia.com/portada.php
http://www.galeguizargalicia.tv/
http://www.ctnl.org/web/notic.php?ide=765&desc=nace_galeguizargalicia.tv

O galego na xustiza, programa de www.linguagalega.tv sobre a situación da nosa lingua nos órganos xudiciais

Desde o pasado 28 de xaneiro xa se pode ver o programa O galego na xustiza no portal de televisión por internet www.linguagalega.tv. O programa conta coas opinións da maxistrada Ana López-Suevos Fraguela, do fiscal Benito Montero Prego e dos decanos dos colexios de avogados de Vigo e Santiago de Compostela, Alfonso Álvarez Gándara e Evaristo Noguerol Pol, entre outros. A esta emisión accédese navegando polos diferentes programas da sección A lingua na sociedade.
Este portal de televisión por internet conta ademais con outros programas dedicados á toponimia, ás novas tecnoloxías e o galego, ás institucións responsables da normalización da lingua, etc.

Máis información en:
http://www.linguagalega.tv/

Entrevista a Alba Nogueira n’O Cartafol

O último número d’O Cartafol, revista do Servizo de Normalización Lingüística da USC, publica unha entrevista coa doutora e profesora de Dereito Administrativo da universidade compostelá, Alba Nogueira. A profesora acaba de publicar na revista especializada Revista de Llingua i Dret unha análise da lexislación lingüística aprobada en Galicia no último semestre do 2009, que anexamos en formato pdf.



Pódese consultar a entrevista en:
http://ocartafol.usc.es/cartafol/contidos/novas/novas_0060.html

A lingua galega participa na Expolingua de París

A lingua galega quere contribuír á promoción da diversidade lingüística e cultural coa súa presenza na Expolingua de París 2011. A Secretaría Xeral de Política Lingüística participou nesta feira internacional na que se deron cita un total de 50 idiomas e 200 expositores de múltiples países do mundo. O expositor da Xunta de Galicia ofreceulles aos miles de visitantes información sobre todo tipo de recursos lingüísticos e sobre as posibilidades de aprendizaxe do idioma.

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1706
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1709

Política Lingüística aposta por aproveitar a potencialidade da literatura para promover a extensión social do galego

O sistema literario galego é unha vía imprescindible para a extensión e dignificación social da lingua galega, así como para a súa proxección exterior. Por iso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende reforzar a súa colaboración coas entidades que mellor coñecen este ámbito. Entre as máis importantes en Galicia atópanse o Centro PEN de Galicia e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuniuse con representantes destes dous colectivos, co fin de darlle continuidade á colaboración que manteñen actualmente, así como de valorar novos proxectos de cooperación.

Máis información:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1705