martes, 8 de febreiro de 2011

II Club de Debate en Pontevedra

Por segundo ano consecutivo, o SNL do Concello de Pontevedra organiza un Club de Debate dirixido a alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato. A actividade ten como obxectivos desenvolver a oralidade, fomentar o debate e consolidar foros de discusión sobre temas de actualidade e de interese social. Así mesmo, busca impulsar o uso oral do galego entre a mocidade, pór en valor as habilidades sociais e pór en valor a nosa lingua como ferramenta indispensable para defender as nosas ideas.
Nesta edición participarán 5 equipos de centros escolares de Pontevedra, en dúas fases eliminatorias, que son abertas ao público:
1) A primeira terá lugar o 19 de febreiro, a partir das 10 h, no Salón de Actos do Pazo da Cultura e os debates versarán sobre o tema “Débese alongar a vida dunha persoa mentres a técnica o permite?”.
2) A segunda fase, á que pasarán os 2 mellores equipos da anterior, será o 26 de febreiro no Café Moderno, ás 11:30 horas. Nela debaterase “Deben os gobernos promover os medios de comunicación en galego?”.
Os equipos que pasen á segunda fase serán agasallados cun vale de 300 euros para mercar libros e banda deseñada en galego e o equipo campión gañará, ademais, unha viaxe de fin de semana.

Máis información proximamente en:
http://www.pontevedra.eu/alingualatexa/index.php?s=mocidade1

Ningún comentario:

Publicar un comentario