venres, 27 de febreiro de 2015

Cooperativismo cultural: cultura man con man

Cristina González (Nova Xestión Cultural) e Marcos Lorenzo veñen de publicar Cooperativismo e cultura; unha alianza necesaria, un informe que analiza cooperativas culturais galegas e do resto do mundo para sistematizar un conxunto de "boas prácticas" para as entidades e de "recomendacións" para as administracións, salientando os beneficios que presenta a colaboración entre as empresas cooperativas e o ámbito cultural ou artístico e debullando un bo número de iniciativas que poden servir de exemplo e inspiración para entidades xa en marcha ou para novos proxectos.
O estudo, que foi encargado pola Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Xunta de Galicia, parte da evidente "medranza sostida, mesmo en época de crise, na creación de novas cooperativas en Galicia, e en particular no sector da cultura" e tamén da confianza en que existe unha gran "complementariedade" entre o sector cultural e as fórmulas da economía social". O documento constata o carácter fortemente atomizado do sector cultural en Galicia con 5.400 empresas para ao redor de 21.300 traballadores e traballadoras, e as dificultades que atopa, sobre todo nos últimos anos, á hora de financiarse e asegurar a profesionalización das súas actividades.
Neste senso Domínguez e Lorenzo escriben que "en tempos de cambio, non é doado atopar solucións, pero si é necesario analizar alternativas e repensar os modelos e estruturas tradicionais" e conclúen que "o modelo cooperativo, en xeral, aposta por outros valores e outras formas de relacións humanas e empresariais baseadas na colaboración e a cooperación".

Exemplos de éxito e recomendacións para as administracións

Os autores analizaron un total de 200 cooperativas culturais de todo o planeta, das que seleccionaron 25, cunha importante presenza de experiencias de Latinoamérica, así coma de entidades vascas, catalás, andaluzas e madrileñas. De igual xeito, buscaron iniciativas públicas de fomento do cooperativismo no sector cultural, aínda moi escasas. Analizaron tamén 15 iniciativas galegas: Ailalelo, Cestola Na Cachola, Conservatorio Historico De Santiago, Cooperativa De Cine, Documental, Culturactiva, Dallequedalle Coworkng, Editorial Trymar, Hábitat Social, Maos Innovación Social, Melandrainas Creativa, Numax, O Cable Ingles, Sonaxe, Teixugo, Trespés e Urdime.
Entre todas elas foron sinalando un conxunto de boas prácticas para as entidades, por exemplo o fomento das unións e federacións de cooperativas, ou a realización de accións comerciais conxuntas por parte da cooperativas culturais galegas. E tamén de "recomendacións" para as administracións, entre as que destacan, por exemplo, "a necesidade de deseñar políticas conxuntas desde os diferentes departamentos do ámbito institucional" ou a posibilidade que dende as administracións públicas se desenvolvan "produtos financeiros de risco para a cultura". Tamén incorporan algunhas demandas recollidas das propias cooperativas galegas, coma a existencia de axudas específicas ao cooperativismo cultural, o asesoramento profesional en xestión cultural e xestión empresarial, a formación en xestión cultural, a contratación pública prioritaria das cooperativas ou a creación de cooperativas de segundo grao para estimular a colaboración entre cooperativas culturais.
No eido lexislativo, o estudo fai referencia a tres exemplos xa en marcha: o recoñecemento na lexislación portuguesa das especificidades das cooperativas culturais, a existencia de cooperativas público–privadas, tamén en Portugal, para a provisión de servizos de utilidade pública e a recente creación da figura da cooperativa de impulso empresarial en Andalucía.

Conclusións

Entre as conclusións destacan que "a profesionalización da cultura pasa polo formato cooperativo como modelo", entre outros motivos porque "favorece mecanismos de colaboración entre persoas e entidades; a unión fai a forza e contribúe a unha maior visibilidade do sector e crea comunidade", ou porque "permite compartir recursos, aforrando custos e creando economías de escala". Ou, igualmente, porque "asenta e dignifica o traballo profesional agora desenvolvido por axentes que, ou ben traballan por conta propia de forma irregular ou por entidades sen ánimo de lucro pero que ben poderían prestar servizos de forma estable".
E salientan, como corolario, que "o control do mercado cultural de masas por grandes grupos multinacionais que perseguen unha determinada taxa de ganancia deixa ocos sen atender para proxectos de proximidade que coiden e impliquen aos públicos", polo que "tanto os pequenos proxectos de economía social como os axentes culturais locais poden aproveitar esa oportunidade, velando de paso pola diversidade cultural". "Existe un mercado potencial e unha conxuntura que, con apoios intelixentes e selectivos, pode ser propicia para a creación de riqueza e emprego. E a alianza entre cultura e cooperativismo pode ser a chave mestra que sosteña unha estratexia a ese respecto", engaden.

Deza e Tabeirós secundan a folga

A maioría dos institutos rexistra un notable seguimento.

O alumnado dos institutos de Deza e Tabeirós secundou en gran medida a folga estudantil convocada para as xornadas de onte e antonte a nivel nacional. A incidencia na zona moveuse entre o 50 e o 80%, o que deixou aulas baleiras na maioría dos centros. O paro buscaba esixir ao ministro de Educación que derrogue o decreto de ordenación dos estudos universitarios que permitirá ás universidades crear graos de tres anos.
En Deza, os dous institutos de Lalín rexistraron un gran apoio. No caso do IES Ramón María Aller Ulloa a incidencia foi similar nos dous días e situouse nun 80% do alumnado. Pola súa banda no IES Laxeiro, o seguimento nos ciclos formativos foi case do 100%, nas aulas de bacharelato roldou o 70% e nos cursos de 3º e 4º de ESO foi do 50%.
Mentres que, no IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces, o seguimento foi dun 65% do alumnado convocado e en Silleda, no IES Pintor Colmeiro, na xornada do mércores contabilizouse un 47,07% e onte un 50,97%.
En Tabeirós-Montes, o seguimento roldou o 90% nos institutos da comarca. Así as cousas, desde o IES Manuel García Barros da Estrada indicaron que a folga se notou máis durante o mércores, cando foi secundada por un 80%. Onte, a falta de alumnos foi menor, cun 70% de seguimento. Pola súa banda, o IES Antón Losada rexistrou onte un seguimento do 90%, máis que o mércores. Neste centro, a folga fixérona alumnos de bacharel, 3º e 4º da ESO e dos ciclos de FP. No IES Número 1 a folga foi seguida onte nun 90%, un 75% o mércores.
Por último, o IES Chano Piñeiro de Forcarei rexistrou tan só un 50% de faltas.
Escasa incidencia
En Deza o único centro no que a folga pasou de longo, sen apenas incidencia, foi o Colexio Plurilingüe María Inmaculada de Silleda. En ningún centro da zona levaron a cabo manifestacións nin actos reivindicativos.
 

A CIG-Ensino fixo un chamamento ao profesorado para facilitar a participación do alumnado na folga e sumouse ás distintas mobilizacións convocadas

Miles de estudantes de secundaria e da universidade toman as rúas galegas contra as agresións ao ensino público.


Miles de estudantes de ensino medio e superior percorreron as rúas de toda Galiza para manifestar a súa oposición ás políticas educativas do PP. O detonante destas mobilizacións, convocadas polas organizacións estudantís galegas (Liga Estudantil Galega, AGIR e Comités) foi, desta volta, o decreto 3+2, polo que se reduce a 3 anos a duración dos graos universitarios e se incrementan en 1 os mestrados, que serán imprescindíbeis para completar a formación e que encarecerán substancialmente o custo total dos estudos universitarios.

“É unha reforma clasista e pensada para dinamitar a universidade pública, alentar o ensino privado e limitar o acceso aos estudos superiores ás clases sociais que teñan poder adquisitivo abondo para pagalo”. Así o explicou Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, ao comezo da manifestación convocada en Compostela, onde subliñou que a LOMCE, “unha lei xerárquica, privatizadora e españolizadora”, foi a antesala das reformas que agora chegan ao sistema universitario. Reformas coas que, denunciou, se afonda no desmantelamento da universidade pública para favorecer a súa privatización e que xa se albiscaban cando o PP decidiu incrementar as taxas e reducir a contía das bolsas.

Ao entender de Louzao, “hoxe está máis que en cuestión o dereito á educación” e o que se vai provocar é un “incremento da desigualdade, ao lles negar ás clases populares o dereito a ter igualdade de oportunidades”.

O secretario nacional da CIG-Ensino advertiu que todas estas reformas camiñan cara á “liquidación” da educación pública e están fundamentadas nos principios do neoliberalismo. “Estamos ante unha proposta de ordenación do sistema universitario coa que se pretende reducir os graos e ampliar o tempo dos mestrados, co obxectivo de desviar o alumnado ás universidades privadas e facer do acceso ás universidades públicas un ben exclusivo das familias de clase alta, xa que serán as únicas que terán posibilidade de pagala”.

Louzao denunciou tamén o desmantelamento progresivo do sistema universitario público nos últimos anos, concretado na redución e externalización do profesorado, que queda á marxe da investigación, e na redución do seu financiamento, que cada vez é menor. “Pártese de criterios mercantilistas, no sentido de que unicamente se fala da rendibilidade en termos económicos e non da rendibilidade en termos sociais”.

Fronte a isto, defendeu que o acceso á educación “é un ben que debe ser indiscutíbel e a súa rendibilidade é máis que segura se falamos en termos de dereitos e de investimento público e social”.

Denunciou xunto a isto que o ensino obrigatorio “está impartido con tales deficiencias que tamén afonda nas diferenzas entre clases sociais” facendo imposíbel a “cohesión social” cando debería ir na dirección inversa.

Modelo educativo economicista e neoliberal

Louzao tamén criticou duramente as declaracións da secretaria de Estado de Educación, FP e Universidades, Monserrat Gomendio que, a principios desta semana, asegurou que o sistema universitario non é sostíbel.

Neste sentido, o secretario nacional da CIG-Ensino salientou a coincidencia dos postulados entre  Monserrat Gomendio, secretaria de Estado de Educación, e a Consellaría de Educación e subliñou que desde o goberno da Xunta “o primeiro que fixeron foi recortar os investimentos  da Consellaría de Educación, que se viron minguados nun 33,5% desde o 2009 (680 millóns de euros menos) para o ensino público non universitario en Galiza”. A iso engadiu a redución, ano tras ano, dos orzamentos destinados ás universidades galegas, que só desde o ano pasado diminuíron en máis de un millón e medio de euros. “Primeiro afogan o sistema educativo e logo afirman que non é sostíbel”.

Concluíu que se está a “desmantelar e liquidar un servizo público indiscutíbel” e denunciou que “ao PP só o moven os criterios capitalistas” segundo os que “só poden acceder á cultura, á educación e aos bens e servizos aqueles e aquelas que os poidan pagar. Non conciben a educación como un dereito fundamental para calquera cidadán ou cidadá. Por iso o seu modelo é segregacionista e clasista”.
OUTRAS NOVA 
A CIG-Ensino apoia a convocatoria de folga convocada polas organizacións estudantís galegas para o día 26 de febreiro

O Salón do Libro ofrece máis de 300 actividades “Da ciencia á ficción”

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra vai a máis. Amplía a programación unha semana con máis espazos e as actividades superan as 300. “Da ciencia á ficción” é o tema da nova edición que se abre esta sexta feira. 

Un mes como capital da literatura infantil e xuvenil. O Salón do Libro Infantil e Xuvenil arrinca unha nova edición en Pontevedra co tema “Da ciencia á ficción”, máis de trescentas actividades que incorporan, nesta XVI edicións, colaboradores como  CSIC, o Muncyt, o Museo de la Ciencia de Valladolid, a Tecnópole e a Fundación Barrié, entre outros
O lobo Orbil, a mascota oficial do Salón, está de novo en acción, desta volta, ataviado con bata branca de científico, como corresponde ao tema da nova edición, “Da ciencia á ficción” que se prolongará desde o 27 de febreiro, data da inauguración, até o 28 de marzo.
 “O obxectivo do Salón do Libro segue a ser o mesmo co que naceu: a promoción da lectura, implicando a familias e docentes e contando con moitísimas entidades que adaptan os seus proxectos á temática de cada ano”, destaca a Concelleira de Cultura, Anxos Ribeiro facendo fincapé nos traballos desenvolvidos por corenta centros escolares da comarca que ficarán expostos no Pazo da Cultura, sede do evento. A previsión é que máis de 10.000 rapaces e rapazas participarán nas visitas, obradoiros e as máis de 300 actividades do programa do Salón do Libro deste ano.
Cinco semanas con teatro, música, danza, cine, contacontos, obradoiros, roteiros, charlas, presentacións de libros e exposicións para as que, por vez primeira, os espazos do Pazo da Cultura terán continuidade no Recinto Feiral, para albergar algunhas actividades, de maneira singular diante da forte demanda dos fins de semana.
De ciencia e de arte
O psicopedagogo Francesco Tonucci, o forense Ángel Carracedo ou o físico e divulgador Jorge Mira serán algúns dos convidados “científicos” dun Salón, no que, como todos os anos contará coa presenza de artistas como Paulo Lameiro, Pep Bou, Xoán Curiel, Raquel Queizás, Andrea Bayer, Itziar Ezquieta ou Miguel Vidal.
‘A pel da auga’, de Pep Bou; de ‘O circo atómico das irmáns Faynman’, de Chévere; ‘A guerra dos números’, de María Lado, Lucía Aldao e o SPJ Trío; ‘Godzilla’, da Banda de Música de Pontevedra; ‘Luppo’, de Baobab Teatro; ‘A gramola gominola’; ‘O ritmo do camiño’, da Tropa de Trapo; ‘Peter Pan’, da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra ou ‘A miña estrela’, da Orquestra de Cámara Lira son algúns dos múltiples espectáculos que ofrecerá o programa do Salón.
A exposición de ilustración da portuguesa Mafalda Milhões na Biblioteca Pública Antonio Odriozola ou a compilación de fotografías‘Cociñando contos. Búscate no salón’, de Miguel Vidal na Galería Sargadelos ademais das instaladas no Pazo da Cultura e no Recinto Feiral que xiran arredor da ciencia completan o programa do Salón que, como todos os anos, inclúe obradoiros, presentacións de libros e multitude de actividades singulares.
O horario será de segunda a sexta feira en horario de tarde: de 17:00 a 20:30 horas. As fins de semana e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.

A folga estudantil baleira as aulas e enche as rúas polo ensino público

A greve estudantil deixou as aulas baleiras nas universidades e nos centros de ensino medio. Miles de estudantes inundaron as rúas das principais cidades e vilas galegas na defensa dun "ensino público e galego". 

De Lugo a Vigo, da Coruña a Allariz pasando por Cedeira e Ourense. O estudantado galego saíu esta quinta feira (26 de febreiro) ás rúas na defensa dun ensino "popular, científico, antipatriarcal e galego".
As aulas das facultades e centros de ensino medio ficaron baleiras na súa maior parte e xa durante as primeiras horas da mañá, segundo informaron fontes estudantís a Sermos Galiza. Por volta das 11:00 horas e perto dunha hora antes de se iniciaren as manifestacións, en Vigo e Compostela a policía española despregou importantes dispositivos.

Na cidade olívica catro furgóns policiais --acompañados desde o ar por un helicóptero-- vixiaban as inmedicacións da Praza América de onde partiría a mobilización por volta das 12.00h. Os axentes procederon ao rexistro e identificación de divers@s estudantes, algunhas delas por estaren a repartir material informativo entre a veciñanza que paseaba polas rúas.
A policía rexistrou e identificou estudantes antes e despois das manifestacións en Vigo e Compostela
Tamén na capital galega, varias persoas foron identificadas á súa chegada á Porta Faxeira. De igual maneira que a ducia de estudantes concentrad@s en Cee perante a casa do Concello. Segundo as Forzas de Seguridade por non teren notificado á delegación do goberno a convocatoria da concentración.
En Vigo, algúns estudantes foron identificados nas inmediacións da Praza América "20 minutos despois de rematar a manifestación", explicaron fontes estudantís a Sermos Galiza.
A Estratexia Universidade 2015 no punto de mira do estudantado
Para alén destes incidentes a media mañá, por volta das 12.00 horas arrincaron as mobilizacións. Berros de "máis becas e menos hipotecas" ou "ensino público e de calidade", denunciaron a política de recortes dos gobernos español e galego mais tamén as sucesivas reformas educativas.
No cerne das reivindicacións a loita estudantil contra a Estratexia Universitaria 2015 que comezou coa aprobación do 'decreto 3+2'. A redución dos títulos de grao a 3 anos para incrementar até 2 os estudos de mestrado foi duramente criticado polo estudantado que ve nesta medida unha ferramenta máis na "privatización" do ensino superior. 
Defenderon un "ensino público e gratuíto" fronte ás políticas que deixan "este dereito cada vez en menos mans"
As mobilizacións remataron nas principais prazas das cidades e vilas galegas onde representantes das organizacións estudantís, colectivos e asociacións convocantes deron leitura ao manifesto lanzado en decembro.


Cunha "soa voz", din, berraron "contra os recortes na educación, contra a masificación das aulas, contra a precarización da situación laboral do profesorado e contra que a universidade sexa cada vez máis un servizo que moi poucas podemos pagar". Fronte a esta situación, defenderon, "un ensino público e gratuíto. Reivindicamos o común como algo a  defender de xeito colectivo por todas as estudantes e polos milleiros que xa non o son porque non tiveron a oportunidade de acceder a unha bolsa". 
A xornada de loita, que se prolongará durante todo o día, instaba o estudantado e a comunidade educativa a "construír desde as rúas" un "ensino en igualdade" e no que se use e defenda "a nosa lingua"; "a defender o que é noso, e impedir que quede cada vez en menos mans", concluíron.
Foto capa: GZ contrainfo
Fotos dentro: GZ Foto e GZ Nova

xoves, 26 de febreiro de 2015

Vázquez Pintor presenta mañá no museo de Lalín a súa novela ´Antípodas´

O museo municipal Ramón María Aller de Lalín acollerá mañá a presentación da novela "Antípodas", do escritor Xosé Vázquez Pintor. O acto público terá lugar a partir das 20.30 horas e no mesmo, ademais do autor, estará presente o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado. O traballo literario de Pintor, con vínculos coa comarca, narra as vivencias de Plinio; "un neno dá inclusa". Na brevidade dunha noite, acompañado do seu can, relata as circunstancias do seu mundo, a vida na cidade do mar, "cando vos abismos semellan ser historia. Medra ou silencio e as resistencias, que ou protagonista prende e abrasa nunha noite máxica".
Tamén dentro da programación cultural do Concello para este mes, o sábado presentarase unha singular proposta. "Pedro e ou Lobo" é o título do espectáculo que se presentará no Salón Teatro a partir das 20.00 horas. A compañía teatral Fantoches Baj e a Banda de Lalín son as protagonistas dunha peza dirixida polo lalinense Inacio Vilariño, que tamén forma parte do elenco de actores que se subirán á platea. Acompañaralle o tamén dezán Luís Igrexas Luchi, e Larraitz Urruzola. Os arranxos musicais son autoría do intérprete Benxamín Otero e a banda encargarase de tocar a música en directo do espectáculo, ao que se poderá acudir de forma gratuíta. Inacio Vilariño traballa nesta peza cun conto tradicional nunha contorna de maqueta de ferrocarril para contar aos pequenos unha historia de emocións humanas na que hai afán de superación ou tinguiduras amorosas, medos ou vinganzas.
O día 10 de abril chegará a Silleda a obra Ou Espantallo Amigo, representación da compañía Os Quinquilláns sobre o texto de Xosé Neira Vilas. A cita vén a Trasdeza organizada pola Concellería de Educación, que dirixe Pilar Peón, e co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A representación está dirixida a alumnos de primaria do tres centros do municipio para conmemorar o Día do Libro Infantil, que se celebra durante o mes de abril. Foron convidados os escolares de cuarto, quinto e sexto, e cada un deles recibirá como regalo un exemplar o libro Espantallo Amigo, editado por Galaxia.
O proxecto está baseado na obra homónima do autor de Gres, unha historia de xenerosidade escrita en 1971 que foi traducida xa a diversos idiomas. Constitúe un diálogo novo entre o teatro e a literatura, entre a narración e a representación, unha forma diferente de ver teatro e de ler un libro.

Os alumnos rebélanse contra Wert

 Os estudantes convocan este xoves 100 marchas pola reforma universitaria.

Alumnos de toda España maniféstanse este xoves contra a reforma universitaria do Ministerio de Educación. O Sindicato de Estudantes convocou a mediodía marchas nas principais capitais e en ata un centenar de localidades contra o decreto 3 +2, a normativa estatal que permite acurtar a duración das carreiras.
Consideran que desvalorizará os graos universitarios e supoñerá a expulsión das aulas de "miles de estudantes" que non poderán pagar as taxas universitarias. Se se xeneralizan os graos máis curtos, din, terán que cursar másteres de dous anos para ser competitivos no mercado de traballo. O prezo medio dun ano de máster é o dobre que o dun de grao.
O Sindicato de Estudantes considera que o mércores, primeiro día de folga, foi unha "xornada histórica" de paros en secundaria, bacharelato e universidades con entre "o 75 e o 90% " de respaldo. Esperan que hoxe haxa unha resposta maior coas "mobilizacións máis grandes en 20 anos", segundo Ana García, voceiro do sindicato.
A secretaria de Estado de Educación, Montserrat Gomendio, falou dun seguimento "insignificante" e deu as grazas aos alumnos que asistiron a clase. O ministerio defende que o decreto que flexibiliza a duración das carreiras opcional para as universidades e para o que a conferencia de reitores aprobou unha moratoria de dous anos, supoñerá un "aforro" para as familias.
A Xunta de Andalucía cifrou o respaldo do mércores no 70% en secundaria e cunha resposta "irregular" nas universidades. En Cataluña, hai encerros nos reitorados da Universidade de Barcelona e a Pompeu Fabra e a protesta coincide este xoves cunha folga docente contra a "precariedade" dos equipos, como na Comunidade Valenciana.
Sindicatos como CC OO ou UGT, Esquerda Unida, o círculo Podemos Educación Madrid e asociacións estudantís como a Federación de Asociacións de Estudantes (FAEST) ou a Confederación Estatal de Asociacións de Estudantes (CANAE) avalan os paros.

Información elaborada por PÁX. Álvarez (Madrid), C. S. Baquero (Barcelona), J. Xàtiva (Valencia) e Á. Lucas (Sevilla).

O conselleiro Román Rodríguez chama ao “consenso” polo galego

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, aproveitou a súa primeira intervención parlamentaria como titular desta carteira autonómica para chamar ao “consenso” e emprazar a oposición a buscar espazos de entendemento para potenciar o uso do galego, ao tempo que evitou a petición do BNG de retirar o decreto do plurilingüismo.
“Traballemos no que nos une e non no que nos separa”, sentenciou o conselleiro en resposta á nacionalista Ana Pontón, quen responsabilizou á política lingüística do PPdeG da “dramática” situación que vive o galego e do proceso de “substitución” polo castelán que a lingua está a sufrir na comunidade, como evidencia –sinalou– a enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE).
Pontón cuestionou que os populares impulsen as medidas do Plan de Normalización Lingüística e manifestou o seu desexo de que o relevo de Jesús Vázquez por parte de Román Rodríguez sexa “unha oportunidade” e “abra un cambio na política lingüística” da Xunta, de forma que esta acepte retirar o decreto do plurilingüismo no ensino como pide non só a oposición, senón outras institucións como a Real Academia Galega (RAG).
Rodríguez evitou contestar á petición de Pontón, se ben esgrimiu que o número de estudantes que reciben clases en galego aumentou. Con todo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa manifestara que o seu Goberno non derrogará o decreto do plurilingüismo no ensino salvo que le “obrigue” o Tribunal Supremo (TS), ante o que a RAG recorreu para pedir a súa anulación total.
En concreto, a RAG presentou un recurso de casación contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que afectaba só a dous puntos do decreto –o carácter vinculante aos pais sobre o uso do idioma e a libre elección na aula por parte dos alumnos–, co fin de lograr a “anulación total” da norma.
“Salvo que se nos obrigue, manteremos o decreto actual”, dixo o presidente un día despois de anunciar no Parlamento un plan para “dinamizar” o uso social e económico do galego e de pedir o “apoio” da oposición. Ao devandito plan tamén aludiu este mércores Rodríguez, quen chamou a traballar conxuntamente porque potenciar o uso do galego nos ámbitos comercial, universitario e tecnolóxico é “tarefa de todos”.

“SÓ NO ÁMBITO POLÍTICO”

Non en van, Rodríguez subliñou que, fronte ás “mensaxes pesimistas e de confrontación” que se escoitan, as diferenzas en torno á lingua “solo se dan no ámbito político”, mentres que na sociedade hai “unha normalidade e convivencia” entre as linguas oficiais de Galicia.
“O galego é a lingua de todos, dos que a temos de lingua materna e a usamos, e dos que a adquiren como propia. Debemos oír e aprender dos cidadáns”, proclamou o conselleiro, quen advertiu o BNG de que “intentar apropiarse” do galego politicamente fai “moito dano” ao idioma.
Dito isto, o conselleiro reafirmouse en que o IGE ratifica que o galego “segue sendo a lingua maioritaria de Galicia” e constata que, a día de hoxe, se dan as “xeracións de mozos mellor preparadas e con maior coñecemento oral e escrito do galego”. “Iso é o que din os datos”, remarcou.
Neste contexto, chamou a traballar para “reforzar” o seu uso e presencia na sociedade. “A lingua debe ser para unirnos como galegos”, proclamou, mentres Pontón lamentou que se manteña “nos mesmos tópicos” que o seu antecesor na Xunta e lle advertiu que “pode seguir botando sapos e cobras” contra o Bloque que, “a diferenza” do PP, fai “propostas”.
Por último, instouno a actuar contra a “discriminación” por utilizar o galego e recordou que dirixentes do PPdeG apoiaron manifestacións convocadas por Galicia Bilingüe, ao tempo que criticou que o conselleiro chame a ser “optimistas” malia a “dramática” situación do galego. “Si, morramos cun sorriso na boca”, resolveu.

Admitido a trámite o recurso de casación presentado pola CIG-Ensino perante o Supremo contra a sentenza ditada polo TSXG que declaraba legais os concertos educativos en centros que segregan o alumnado

Todo indica que, segundo a xurisprudencia existente, o Tribunal Supremo volverá a darnos a razón.

Despois da sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) declarando legais os concertos educativos que segregan o alumnado por razón de xénero, correspondentes aos anos 2013-2017, a CIG-Ensino preparou o recurso de casación perante a sala terceira do Tribunal Supremo (TS) en contra desa sentenza, que vén de ser admitido polo TSXG.

A sentenza que ditou o TSXG utilizou como única argumentación xurídica a Lei 17/2012 do 27 de decembro dos orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, normativa de rango xurídico inferior á LOE que era a lei vixente no momento en que se concederon os concertos no ano 2012. De feito, o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía ten presentado un recurso de inconstitucionalidade polo mesmo motivo contra esta lei de orzamentos por ser contraria á Lei orgánica de Educación (LOE), vixente nesa data.
Xa no ano 2009, a CIG-Ensino recorreu tamén os concertos outorgados a este tipo de centros entre os anos 2009-2013 que, do mesmo xeito, nun primeiro momento, foron declarados legais polo  TSXG. Diante desta sentenza, a CIG-Ensino presentou recurso de casación perante o TS que fallou ao noso favor e ditou sentenza firme contra este tipo de concertos.

Todo indica que, segundo a xurisprudencia existente, o Tribunal Supremo volverá a darnos a razón. Agardamos que, definitivamente, despois de que Tribunal Supremo declarase ilegais os concertos educativos do ano 2009 ao 2013 neste tipo de centros, tamén declare ilegais os do  período 2013-2017. Mais, o combate da CIG-Ensino contra estes concertos educativos retrógrados e contrarios a un ensino coeducativo non vai parar até que se derrogue a LOMCE que pretende darlle cobertura legal.
Neste sentido, demandámoslle ao novo Conselleiro o reintegro dos 12 millóns de euros que se lle entregaron ilegalmente a estes centros durante o período 2009-2013 e que retire definitivamente os concertos educativos a estes centros que perpetúan unha educación sexista e contraria á igualdade de xénero. Centros que reciben grandes cantidades de diñeiro público, mentres continúan desmantelando o ensino público coa redución do profesorado, desatenden as necesidades educativas específicas de apoio educativo, reducen as bolsas de estudo e exclúen do ensino postobrigatorio os fillos e as fillas das clases populares.

26F, por que máis unha folga

Este artigo é unha colaboración do Comité Aulario Medicina 26F. Se tu tamén tes algunha cousa que contar, ponte en contacto polo Facebook, o Twitter ou o correo-e contacto@asmireunhanoites.com.


(Máis info no Facebook do Comité Aulario Medicina)
Non é ningún segredo hoxe en día que a universidade pública cada vez é menos pública e máis un asunto pesado no que as poutas do intervencionismo privado estrangulan a calidade e o porvir dunha excelencia docente que se retorce baixo o dogma da presión económica. A universidade, a nosa universidade pública, maltrátase e anúlase a mercé dunha hexemonía política que ten pouco de discreta e moito de totalitaria que torna o dereito lexítimo da formación universitaria nun acto imposíbel, arduo e inintelixíbel.
É deste modo como chegamos á celebración dunha nova folga, na que baixo o lema de «por un ensino popular, científico, antipatriarcal e galego» se esixen medidas de cambio útiles para facer do ámbito universitario o que sempre debeu ser, un cambio no que a participación de todas as facultades é imprescindíbel, incluída a de medicina cos seus obxectivos idiosincrásicos que competen á calidade asistencial non xa durante a etapa de educación médica, senón á propia de formación de corpos especialistas: a troncalidade.
Así, entre a disparidade de motivos e razóns polas que é necesaria unha folga está o chamado proxecto do 3 + 2, que suporá o encarecemento progresivo das titulacións universitarias, obrigando o estudantado a cursar dous anos de máster para poder exercer a súa profesión co pretexto de achegar as titulacións do estado ao modelo europeo, reducindo de forma drástica máis se cabe os contidos dos estudos de grao. E fórzase, como acabamos de sinalar, a cursar dous anos de máster cos prezos desproporcionados que iso leva consigo. Esta situación leva a crear unha sociedade de estratos de acordo a razón económica do seu estudantado, de maneira que se construirán as bases da posterior precariedade laboral pola non posibilidade de cursar un determinado máster polo feito económico. Isto á súa vez forza no sistema a crear institucións de primeira e de segunda no contexto de libertinaxe socio-monetaria malentendida.
É tamén vox pópuli desde hai xa dous anos a notábel redución das bolsas de carácter xeral do estado, que en ningún caso garanten a viabilidade económica do alumnado para exercer o seu dereito a estudar no marco da universidade pública, e nótase como as institucións gobernamentais dan prioridade ao espazo privado co desenvolvemento de estratexias que facilitan a súa consolidación en contra da universalización e a garantía dos recursos públicos. Deste modo prímase a intervención da banca que converte a educación nun acto mercantilista.
O organigrama de recortes na universidade pública, a reestruturación orzamentaria pola débeda no contorno da USC e moitos puntos máis son indispensábeis para entender a folga na que queremos pór a voz e o empeño, pero é a TRONCALIDADE un tema especial polo que temos que loitar nós sós. Case (ou sen case) esquecido polos medios, o proxecto da troncalidade segue en marcha aínda detrás dunha sombra de incerteza baixo o título de Real Decreto 639/2014, de 25 de xullo. Pouco queda por dicir da troncalidade; un proxecto aprobado sen a participación dos responsábeis do ensino e a formación de especialistas e sen resposta cara as manifestacións que se levaron a cabo tanto polo alumnado da nosa carreira como polo persoal asociado á universidade e ás facultades de medicina do estado.
Por todo isto, animamos a participar na xornada de folga do xoves 26 de febreiro a todo o persoal da USC e ao seu estudantado, así como a calquera organismo que se solidarice coa causa. Haberá unha manifestación ese mesmo día que partirá do Parque da Alameda de Santiago de Compostela ás 11:30 horas e na que esperamos a participación sexa máxima.
Medicina dá un paso adiante! TOD@S Á #FOLGA26F

O editatón chega a Vigo para encher a Galipedia de contidos sobre cultura libre

Un editatón é unha reunión onde os participantes se xuntan para editar a Wikipedia, tanto de forma presencial coma virtual. Cada editatón adoita dedicarse a un tema concreto. O vindeiro 28 de febreiro o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) organiza o primeiro Editatón celebrado en Vigo, que terá lugar dentro do 3º ciclo dos Sábados Libres na Residencia Altamar.
O obxectivo é crear ou melloras as entradas existentes na Wikipedia en galego sobre cultura libre e software libre
Se o pasado mes de novembro o primeiro Editatón da Galipedia, celebrado en Lugo, centrouse na ciencia e nos seus profesionais, nesta ocasión o obxectivo é crear ou melloras as entradas existentes na Wikipedia en galego sobre cultura libre e software libre. Software privativo, Copiade, malditos!, MOOC, Cultura libre, Datos abertos, Licenzas Creative Commons, Hardware libre, Arquitectura aberta, Bitcoin, Educación aberta ou Impresora 3D son algúns dos artigos que se propón crear, mentres que se quere desenvolver ou corrixir a información existente sobre Arduino, Inkscape, GIMP, Creative Commons, Copyleft, Chamilo, MySQL ou Proxecto GNU.
Tamén sinalan como un obxectivo importante "a colaboración da xente do ensino para que achegue a creación de materiais que poidan ter uso nas aulas, ou calquera outra xanela aberta cara o coñecemento"
Pódese participar no editatón de xeito virtual, dende a casa, colaborando na creación ou mellora desta entradas, pero os seus organizadores instan á asistencia presencial, para incidir precisamente nesoutros obxectivos de construción e coñecemento da comunidade. De feito, para ese día 28 está programado un obradoiro de introdución á Galipedia e á edición co Editor visual. De igual xeito, ademais da creación e mellora de artigos relacionados coas tecnoloxías e a cultura libres, dende Galpon tamén sinalan como un obxectivo importante "a colaboración da xente do ensino para que achegue a creación de materiais que poidan ter uso nas aulas, ou calquera outra xanela aberta cara o coñecemento".
Os organizadores pídenlles aos posibles participantes que, asistan presencialmente ou non, se inscriban previamente, para facilitar a organización do traballo.

Língua, Literatura e Naçom, na Corunha graças ao Facho. Interven Xosé Vasques Pintor.

O vindouro dia 3 de Março, terça (martes), o professor e escritor, Xosé Vasques Pintor falará dentro do ciclo, Língua, Literatura e Naçom. Sua exposiçom terá como reflexom: “O lume manso dos viveres galegos”. O acto realizara-se em Portas Ártabras, Rua Sinagoga 22 – Cidade Velha.
 Vasques Pintor é licenciado em Filosofia e Ciências da Educaçom, e fundador dos grupos teatrais Ancoradouro e Casa da Bola, em Cangas, a sua localidade de residência.
Em canto a sua faceta como escritor, cultiva poesia (Gándaras, Terra e pan, O espertar tamén é noso, Ofidios de diario, Na vertical da noite, No corazón mancado, Rotazón violeta, Banzados), ensaio (de carácter antropológico: Os vellos oficios, A tribo sabe), narrativa (De ida e volta, Lume de biqueira, Quen faga voar, A memoria do boi) e teatro (A fraga encantada, A sombra da memoria e Teatro do patacón). Obtivo os prémios Eduardo Pondal, Cidade de Ourense, Esquio, Uxío Novoneyra, Carvalho Calero, Torrente Ballester ou o Prémio da Crítica Espanhola. Assim mesmo, colaborou como articulista nos jornais como El Ideal Gallego, A Nosa Terra, Faro de Vigo ou La Voz de Galicia, em rádios como SER-Galicia.
Dia: 3 de Março do 2015 - Hora: 8 do serám
Local: Portas Ártabras – Rua Sinagoga 22
Cidade Velha - Crunha 

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2015 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta axencia para o curso 2015/16.

Artigo 1. Obxecto
A presente resolución ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais para o curso 2015/16.
Artigo 2. Requisitos para ser adxudicatario/a
1. Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicatario ou adxudicataria de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais:
a) Que o neno ou a nena teña a súa residencia en Galicia e xa nacese no momento de presentación da solicitude.
b) Idade do neno ou da nena:
– Ter unha idade mínima de tres meses na data de ingreso.
– Non ter feitos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2015.
DOG Nº 36

O CPEIG convoca a sexta edición do seu Premio Proxecto Fin de Carreira

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de anunciar a convocatoria da sexta edición do Premio Proxecto Fin de Carreira, un recoñecemento encamiñado a salientar os traballos tecnolóxicos e de investigación dos nosos estudantes e titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría en Informática. O premio ascende a 1.000 euros. Segundo informa o CPEIG, poden concorrer as candidaturas que presentasen o proxecto de fin de carreira das ditas titulacións ou de calquera outra “que legalmente habilite ou vincule para o exercicio da profesión”. Os traballos deberon presentarse durante os anos 2013, 2014 ou 2015 nunha das universidades galegas.
Polo tanto, todos aqueles estudantes e licenciados que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) ata o día 10 de xuño ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal.
Segundo informa o colexio, unha comisión experta, integrada por docentes universitarios e representantes do CPEIG, valorará os traballos recibidos e seleccionará o gañador. Mediante o galardón, o ente colexial busca “achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes de colexiárense, ademais de estimular o traballo dos estudantes”.
Sinalar por último que o recoñecemento enmárcase nos Premios da Sétima Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o CPEIG entregará o vindeiro 26 de xuño, en Santiago de Compostela. “Este evento anual”, sinala a entidade que presidente Fernando Suárez, “representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.”

A CIG-Ensino apoia a convocatoria de folga convocada polas organizacións estudantís galegas para o día 26 de febreiro

Son numerosas e poderosas as razóns que xustifican que o estudantado convoque esta xornada de folga.

A CIG-Ensino quere facer público o apoio á folga convocada polas organizacións estudantís galegas no ensino secundario e universitario de Galiza para o día 26 de febreiro. Son numerosas e poderosas as razóns que xustifican que o estudantado convoque esta xornada de folga, pois, en lugar de cesar cos ataques ao ensino público, cada día fanse públicos máis recortes ou reformas que vulneran o dereito á educación, afondan na desigualdade social, mercantilizan, privatizan e deterioran o ensino público.
O Goberno central vén de aprobar unha nova ordenación das ensinanzas universitarias que reduce os estudos de Grao e incrementa os de mestrado, que empeora a calidade do ensino, favorece as universidades privadas e impide o acceso  da maioría social á universidade, ao encarecer aínda máis os estudos universitarios. Tanto o Goberno central como o galego están empeñados en fixar un sistema educativo máis selectivo, clasista e españolizador, fundamentos da propia LOMCE, cuxa aplicación está a amosar menos equidade do sistema educativo e redución dos orzamentos para o ensino público a cambio da potenciación do ensino privado concertado. A CIG-Ensino participará nas diferentes mobilizacións que ao longo do día 26 de febreiro se desenvolverán por este motivo por todo o país.  

 

21 días co galego... e todo o ano

Dende hai tres anos o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES da Pobra do Caramiñal pon en marcha o proxecto 21 Días co galego, unha iniciativa que busca conseguir unha maior competencia en galego e unha mellor conciencia lingüística a través de diferentes actividades que pretenden "levar a lingua alí onde nunca estivo na vida de moito do noso alumnado e profesorado". Este luns 23 de febreiro iniciouse a terceira edición do proxecto, centrado neste ano na presenza do galego na rede, e que se desenvolverá ata o vindeiro 15 de marzo.
O obxectivo é "levar a lingua alí onde nunca estivo na vida de moito do noso alumnado e profesorado"
Trátase de que durante tres semanas os alumnos e alumnas dos catro cursos de ESO e os dous de Bacharelato falen en galego. Por suposto nas clases de Lingua e Literatura galegas, pero tamén no resto das aulas, grazas á colaboración dos restantes departamentos, grazas á colaboración de 30 profesoras e profesores dos departamentos de Educación Física, Economía, Música, Inglés, Filosofía, Física e Química, Relixión, Orientación, Matemáticas, Lingua Castelá e Literatura, Ciencias Sociais, Sanitaria, Linguas Clásicas, Tecnoloxía, Ciencias Naturais e Francés. Na iniciativa tamén participan nais e pais de alumnos, unha serie de establecementos comerciais e o propio concello da Pobra do Caramiñal. O obxectivo: estender a experiencia de falar en galego durante 21 días, tamén fóra do centro de ensino.
Ademais, tamén colaboran na iniciativa persoas completamente alleas ao centro e á mesma Pobra, persoeiros do mundo da cultura, da literatura, da música ou do audiovisual, que tamén gravan un pequeno vídeo falando de diversos temas, uns vídeos que son vistos polos alumnos na clase e que cada día se van subindo á rede. Este ano Praza Pública participa a través dun vídeo remitido polo seu director, David Lombao, que destaca que "a lingua galega é a miña ferramenta de traballo; todos os días enfróntome á actualidade, a contar o que pasa en Galicia e no mundo e fágoo en galego". Lombao tamén subliña que "Praza parte da convicción de que o mundo se pode contar en galego sen ningún tipo de límite" e lembra a utilidade do galego para o acceso á lusofonía, para o acceso á cultura producida por moitos países ou para o acceso ao mercado de traballo. "Sería unha mágoa desprezar a ferramenta que temos máis preto", conclúe.
Este ano Praza participa a través dun vídeo remitido por David Lombao, que destaca que "a lingua galega é a miña ferramenta de traballo; todos os días enfróntome á actualidade, a contar o que pasa en Galicia e no mundo e fágoo en galego"
Praza é, ademais, a web do día (nos dous primeiros foron Disquecool e GZMúsica e nas vindeiras xornadas serán outras) e dende o Equipo de Dinamización propóñense unha serie de actividades para que as alumnas e alumnos participen e debatan. Neste caso, pídeselles que busquen "tres noticias recentes relacionadas co galego" e logo valoren "se son positivas ou negativas para o desenvolvemento da nosa lingua".
Pilar Ponte destacaba o positiva que fora a experiencia, pois mesmo o alumnado máis remiso "rachaba" a falar galego
O pasado ano Pilar Ponte, docente no centro e unha das promotoras da iniciativa, destacaba en entrevista con Praza o positiva que fora a experiencia, pois mesmo o alumnado máis remiso "rachaba" a falar galego. Sinalaba o proxecto como "moi necesario", pola "desgaleguización total que temos no ensino medio, polo menos na Pobra" e subliñaba que o éxito nacía do interese que espertaba nos alumnos e alumnas: "É unha actividade na que é imprescindible provocar o entusiasmo da descuberta, que os alumnos sintan que se lles ofrece unha aventura". "É fundamental moverse no terreo deles. Educativamente falando, creo que non se pode partir de que eles veñan a nós, somos nós os que temos que mover ficha e apropiarnos dos seus ámbitos de uso para educar. Hai que ir ao Tuenti e ao Twitter, hai que estar aí porque aí é onde se fala", concluía

21 días co galego: Praza

O estudantado vai á folga para conquistar un ensino "público e galego"

Esta quinta feira (26 de febreiro) o estudantado galego está chamado a unha greve contra os recortes e as reformas educativas. Queren, din, "construír desde as rúas un ensino verdadeiramente público e galego".

A convocatoria foi lanzada en decembro de 2014 e as organizacións, colectivos e asociacións estudantís que a impulsaron desenvolven desde hai dous meses unha campaña de axitación para baleirar esta quinta feiras as aulas de todo o país.
Agir, Comités e a Liga,Acción Universitaria, AEOP, ARDE, Asemblea Aberta de Lagoas, Asemblea Campus Histórico, Asemblea Campus Sur, Asemblea EcoAde, Asemblea de Estudantes de Burela, Asemblea Estudantil do Couto, Asemblea Filoloxía, Asemblea FP Politécnico e CEL, decidiron sumar as súas voces nunha convocatoria conxunta baixo o lema 'Por un ensino popular, científico, antipatriarcal e galego'.
As razóns que levaron aos distintos grupos a convocar esta xornada de loita radican na "política da tesoira" desenvolvida polos goberno do Partido Popular, desde Madrid até a Xunta. "Opoñémonos xuntas a que nos quiten as bolsas, a que endurezan os requisitos para obtelas mentres recortan e deixan a campus e institutos en situacións dramáticas, cunhas infraestruturas avellentadas e cun profesorado que cada vez é menos e cunhas condicións de traballo máis duras", din no manifesto difundido.
"Opoñémonos xuntas a que nos quiten as bolsas, a que endurezan os requisitos para obtelas mentres recortan e deixan a campus e institutos en situacións dramáticas", di o manifesto de convocatoria
No texto, salientan a súa defensa dun "ensino público e de calidade" que tire das aulas "o patriarcado" e promova unha educación "en igualdade". Cumprido protagonismo queren darlle nesta xornada de loita a situación lingüística que atinxe Galiza. O descenso do número de falantes, alertan, sitúa a lingua galega na "peor crise da historia" polo que exixen, din, "un ensino monolingüe" que sexa tamén "científico" e "popular".
A greve complétase coa convocatoria de manifestacións e concentracións en ducias de vilas e cidades galegas.
Manifestacións:
  • A Coruña: Praza de Vigo ás 12:00h
  • Burela: Praza do Concello ás 12:00h
  • Ferrol: Praza Camilo José Cela (Diante do edificio da Xunta) ás 12h
  • Lugo: Edificio Intercentros ás 12:30 e na Horta do Seminario ás 12:45h
  • Ourense: Diante da Subdelegación do Goberno ás 12h
  • Pontedeume: porta do IES Breamo ás 10h
  • Pontevedra: Praza da Peregrina ás 12:00h
  • Santiago de Compostela: Alameda ás 11:30h
  • Vigo: Praza América ás 11:30h

Concentracións:
  • Allariz: Diante do IES de Allariz ás 12h
  • Cee: Praza 8 de marzo ás 12h
  • Guitiriz: Diante do IES Díaz Castro
  • Melide: Diante do IES de Melide ás 12h
  • O Carballiño: Praza Maior d’O Carballiño ás 17:30h
  • Ponteareas: Desde a rúa Feliciano Barrera (diante dos IES) ás 12h
  • Ribadeo: Diante do IES Ribadeo ás 12h
  • Ribeira: Diante da Estación de autobuses ás 12h
  • Sarria: Praza da Vila ás 12h
  • Verín: Avenida de Portugal (Diante do IES Xesús Taboada Chivite) ás 12h
  • Vilagarcía: Praza da Galiza ás 12h
  • Vilalba: Praza da Constitución ás 12h

mércores, 25 de febreiro de 2015

25 e 26 de febreiro Folga Xeral de Estudantes

Non lles vale acabar coas bolsas, non lles vale coa LOMCE, non lles vale con subir brutalmente as taxas. Este goberno moribundo quere acabar co noso dereito a estudar na universidade, expulsar das súas aulas a todos os que non sexamos de familias podentes. Pero non o imos consentir. Todos xuntos, dende todas as facultades e institutos, ímoslle dar unha lección a Wert, un ministro desacreditado e toleado. Imos derrotar o seu decreto 3 +2 co que pretende a completa privatización da universidade pública, e que só teñan un titulo universitario os que poidan cursar dous anos de máster, gastándose miles de euros para maior beneficio dos empresarios das universidades privadas.
O novo decreto de Wert pretende expulsar da Universidade os fillos dos traballadores
Aproveitando as datas, en plenos exames na universidade, Wert aprobou a hurtadillas o famoso decreto 3 +2, un novo ataque que devolverá a Universidade aos tempos nos que só unha minoría privilexiada podía acceder a ela, pechándonos o paso á inmensa maioría, aos que provimos de familias traballadoras.

Con esta medida o Ministerio de Educación eliminará titulacións e fusionará graos. Reducirá a tres anos os títulos de grao na Universidade, que agora son de catro anos ou 240 créditos. A redución dos graos a 180 créditos ou tres cursos supoñerá a súa completa depreciación convertendo este título en papel mollado para o mercado laboral. Se queremos ter unha licenciatura real, de verdade, con este decreto 3 +2 verémonos obrigados a cursar dous anos de máster (actualmente un ano) con prezos impagables para a maioría. Ademais pretenden que o decreto entre en vigor este mesmo ano, en setembro, afectando tanto aos novos alumnos como aos que xa hoxe están matriculados na universidade.

Despois de recortar máis de 1.500 millóns de euros ás universidades públicas, e dun incremento brutal das taxas cos que xa expulsaron máis de 45.000 estudantes universitarios nos dous últimos anos, este decreto é unha volta de rosca decisiva cara á privatización. O custo dos másters dun ano na Universidade Complutense de Madrid, a primeira en número de alumnos, oscila entre 4.000 e 7.000 euros anuais. A partir da entrada en vigor do novo decreto, no curso 2015-2016, teriamos que afrontar o pagamento de dous anos de máster, ademais dos tres anos anteriores de grao, cunhas taxas desorbitadas. Quen poderá pagar os 20.000 euros que custará o título universitario? Mentres o PP segue mentindo ao dicir que esta reforma é para equipararnos con Europa, esquece mencionar que en 23 países europeos o acceso á Universidade é gratuíto ou a prezos baixos, como por exemplo en Francia, onde un ano de matrícula custa unha media de 181 euros.
É o ataque máis grave en décadas, que culmina todas as contrarreformas educativas que o PP estivo a aprobar para rematar co noso dereito ao estudo, para impoñer o seu modelo mercantilista e elitista para xúbilo das grandes universidades privadas que xa se están a fregar as mans con esta nova proposta. Aínda que as universidades privadas só matriculan en torno ao 10% dos estudantes de grao, a situación cambia nos másters, onde alcanzan o 38%. Con este decreto os petos das universidades privadas encheranse aínda máis. Dende o Sindicato de Estudantes defendemos que a Universidade Pública sexa gratuíta, como xa sucede en 11 países europeos do noso ámbito.
Para o PP sobran universitarios de familias traballadoras. Queren expulsarnos o mercado laboral o antes posible, sen cualificación, sen gastar un céntimo de euro na nosa educación, para someternos á explotación máis salvaxe, botarnos ás listas do paro crónico ou empurrarnos ao exilio económico.
Hai que poñer de pé todas as facultades, todos os institutos!
25 e 26 de febreiro folga xeral de estudantes
Todos ás manifestacións!
Dende o Sindicato de Estudantes chamamos a toda a xuventude, a todos os colectivos estudantís, aos nosos profesores e a todos os cidadáns, á loita, á mobilización máis contundente e extensa. Propoñemos celebrar miles de asembleas, encerros e concentracións e os días 25 e 26 de febreiro unha gran folga educativa, en secundaria e universidade, que baleire as aulas e encha as rúas. E se o goberno non retrocede inmediatamente, volver con forzas redobradas o 17 e 18 de marzo. O que está en xogo é moito para permanecer pasivos.

É unha situación de máxima emerxencia. Os estudantes imos demostrar que non nos dobregamos ante este goberno de corruptos e ladróns. Pero esta loita incúmbenos a todos, porque de aplicarse tamén haberá miles de despedimentos de profesores. Por iso, dende o Sindicato de Estudantes facemos un chamamento aos sindicatos do profesorado, ás organizacións de nais e pais, a estar ao noso lado e convocar estas mobilizacións connosco.
Defendamos a universidade pública, é patrimonio de todos!
Son uns desalmados, pero ímolos derrotar!
Fóra Wert, fose o decreto 3 +2!
25 e 26 de febreiro folga xeral de estudantes
Baleirar as clases e encher as rúas!

Non ao 3+2

O goberno do PP aprobou outra reforma do sistema universitario sen consenso coa comunidade universitaria, sen debate político ou social, sen unha avaliación da implantación da última modificación lexislativa e sen xustificación crible das súas propostas.

As mudanzas lexislativas que nos impoñen comezaron en 2012 cunha modificación de la Lei Orgánica de Universidades vía Decreto-Lei, que aumentou significativamente os prezos das matrículas para acercalas ao custo total dos estudos, subíndoos significativamente en moitas comunidades; estableceu unha nova regulación da dedicación docente do profesorado e incorporou varios mecanismos para que as comunidades autónomas limiten e controlen o gasto das universidades.

Continuando con esta política de agresión á Universidade Pública, foron fixados novos requisitos para a concesión de bolsas e axudas ao estudo e implantada unha fórmula de cálculo que na prática implica a redución destas contías. Ademáis, as sucesivas leis de orzamentos xerais do Estado e das comunidades autónomas estableceron novos recortes nos fundos destinados a bolsas e a transferencias correntes para as universidades e, coa imposición dunha ridícula taxa de reposición, impuxeron novas limitacións para a contratación de persoal producindo un envellecemento do plantel universitario.

O Goberno alterou tamén o sistema de acceso do alumnado á universidade e, nos últimos meses do seu mandato, ademáis de modificar a ordenación do ensino universitario, proponse fazer o mesmo (por decreto) cos requisitos para a creación de centros e universidades, así como co sistema de acreditación do profesorado universitario funcionario -fundamental para o acceso á profesión docente e investigadora- .

O STEG rexeita estas iniciativas, que só pretenden converter as Universidades en empresas de servizos educativos.

Non podemos aceptar unha reforma aprobada sen avaliar os novos graos, cuxa implementación comezou en 2007 no marco do Plan Boloña, o cal, lonxe de facilitar a internacionalización dos estudantes homoxeneizando a duración cos estudos dos países da nosa área, xerará novas disfuncións porque, como sinala o propio Consello de Estado no seu ditame, “parece difícil alcanzar tal homogeneización cuando dentro de nuestro propio país podría darse el caso, con la redacción del proyecto, de que un mismo título tuviera una duración diferente en una universidad y otra”. Isto podería aumentar aínda máis as desigualdades entre comunidades e entre universidades da mesma comunidade.

É máis, se tivermos en consideración os altísimos prezos dos estudios de posgrao e estas maiores dificultades para o acceso a bolsas e axudas, ditas transformacións van dificultar que ese alumnado con menos poder adquisitivo poida acceder á Educación Superior e, finalmente, ocasionará unha diminución significativa do número de estudantes universitarios. A nova estrutura de grao e máster reducirá nun 25% os títulos de grao, empeorará a calidade docente e abrirá as portas a novos recortes en profesorado e persoal de administración e servizos.

Por outra banda, a redución do número de créditos necesarios para finalizar os estudos de grao e a previsible perda de estudantes matriculados/as terá un impacto negativo no financiamento das universidades públicas, dando pé a unha reconversión das mesmas en beneficio das universidades privadas, que apostan polos posgraos como principal ámbito da súa actividade.

O STEG solidarízase coa Universidade Pública e rechaza frontalmente as medidas impostas polo Goberno.

NON AO 3+2, QUE ENCARECE OS ESTUDOS UNIVERSITARIOS E EXPULSA AO ALUMNADO CON MENOS PODER ADQUISITIVO
NON Á DESREGULACIÓN E FLEXIBILIZACIÓN NA CREACIÓN DE CENTROS E UNIVERSIDADES

NON A UN SISTEMA QUE PERMITE UNHA ACREDITACIÓN MENOS OBXECTIVA E SEN DEMOSTRAR EXPERIENCIA DOCENTE

O PP desdeña a lei de publicidade proposta polos medios en galego: "Non serve nin para emendar"

"Non serve nin para emendar". O pasado setembro a Asociación de Medios en Galego -da que forma parte este diario-, presentaba no Parlamento, co apoio dos grupos de AGE e BNG, unha proposta de lei de publicidade institucional con dous obxectivos principais: "cultivar, difundir e socializar o idioma galego" e que as axudas da Xunta ao sector "se repartan en convocatorias públicas e obxectivas ás que todos os medios poidan concorrer en igualdade de condicións". Este martes a proposta chegou ao pleno da Cámara a través do grupo do Bloque e obtivo o apoio de toda a oposición para a súa toma en consideración -primeiro paso da tramitación, tras a que os grupos poden presentar achegas- pero bateu non só co bloqueo, senón tamén co desdén e o menosprezo do grupo que sustenta o Goberno.
Galicia, argumentou Montse Prado no nome do BNG, "precisa unha normativa nesta materia" para garantir que as axudas e o reparto publicitario non está condicionado polos "intereses partidistas de cada momento". A formación, di, asume as reclamacións da AMEGA e avoga por condicionar as actuacións da Xunta neste ámbito ao "principio de respecto dos valores democráticos" e mais da "lingua e da cultura galega". A asociación, pero tamén outros colectivos como o Colexio Profesional de Xornalistas ou o Sindicato de Xornalistas veñen pedindo dende hai anos "criterios obxectivos" nas axudas, condicionalas ao uso do galego e á creación de emprego "estable e de calidade" e, en definitiva, á "defensa activa do ámbito informativo galego con medios non sometidos aos ámbitos políticos e económicos.
A iniciativa da AMEGA foi presentada polo BNG e apoiada por toda a oposición
A iniciativa obtivo o aval tanto do PSdeG e de AGE como do Grupo Mixto, quen lembran que o Goberno de Feijóo leva presentando a lei de publicidade institucional como unha norma de "inminente" aprobación e chaman a "ilegalizar o autobombo do goberno de quenda" e a "liberar os medios do secuestro partidista". Pero o PP, representado por Paula Prado, oponse que a norma nin sequera comece a tramitarse nunha irada intervención na que combinou as dúbidas sobre os medios impulsores da proposta e as críticas ao "desbalde" en publicidade institucional nos anos do Goberno de coalición de PSdeG e BNG.

O desdén do PP

Segundo Prado esta lei non permitiría un "reparto equilibrado", xa que garante unha achega mínima da publicidade institucional a un "grupo de medios -os da asociación- que non achegan datos de audiencia", afirma, obviando fontes de información como Google Analytics, entre outras. "Os medios que empregan exclusivamente o galego deben cumprir cos mesmos requisitos que lles esixen ao resto", evidencia, ao tempo que acusa a oposición de pretender "darlles cartos aos medios que difunden en galego sen ter en conta o número de lectores". "Iso -acusa- si que é discrecionalidade".
Paula Prado: "Non atoparán ningunha campaña da Xunta destinada a destacar logros de xestión do Goberno"
Aínda que asegura que aínda hai tempo para que o Goberno impulse unha lei de seu, toda vez que "queda a metade da lexislatura", Prado vén afirmar que parte da regulamentación que esixe a AMEGA xa está vixente na lei estatal e, no caso concreto de Galicia, "o reparto de diñeiro público non o deciden os políticos, quen o decide é a sociedade", que "decide a través de que medios quere" informarse. O PP, afirma, é "máis de feitos que de discursos" e por iso, na actualidade, "non atoparán ningunha campaña" da Xunta destinada a "destacar logros de xestión do Goberno galego". "Nunca -proclama- houbo tanta obxectividade como co actual Goberno" á hora de repartir axudas e publicidade institucional á prensa. "Non ten vergoña", retrucoulle Montse Prado.

O contido da lei

Pero, alén das críticas, que era o que dicía a lei desbotada? Entre outros aspectos, sinalaba que a adxudicación de fondos públicos aos medios debería estar presidido polos principios de "publicidade, concorrencia e non discriminación" e que a Xunta, anualmente, debería elabora run "plan de publicidade e comunicación" que incluíse "todas as campañas de publicidade que prevea realizar", agás imprevistos, co seu custe e características básicas. Para "promover a lingua galega" a lei propuña contratar a publiciade "por separado entre os medios (...) que só empreguen a lingua galega" e os demais, "debendo garantirse que ningún dos dous grupos recibirá máis do 60% do orzamento". Asemade, engadía, "non se destinará con carácter xeral máis do 10% do total do orzamento" de cada campaña "a un mesmo medio".
A proposta incluía "promover a lingua galega" e condicionar as axudas á xeración de emprego estable
Estes criterios, e outros como a "estabilidade laboral debidamente acreditada, con datos de creación e permanencia de emprego estable e de calidade" ou a prohibición da compra de espazos na prensa para o "tratamento informativo de logros ou accións de goberno" estarían controlados por unha Comisión de Publicidade Institucional presidida pola Xunta e na que sentarían representantes do Parlamento, do Colexio de Xornalistas e da propia AMEGA. Ademais, cada ano a Xunta tería que informar por escrito ao Parlamento da súa xestión neste ámbito.
Tanto o bipartito como Feijóo prometeron aprobar unha lei de publicidade institucional
Pero, cando menos polo momento, nada disto acontecerá. Deste xeito, Galicia continuará sen lei de publicidade institucional malia ser unha promesa reiterada por, cando menos, os últimos tres Gobernos. A ocasión en que máis preto estivo de ser aprobada foi en tempos do bipartito, que chegou a iniciar un trámite parlamentario que ficou truncado co adianto electoral de 2009. Feijóo, pola súa banda, levou a promesa no programa co que accedeu á Xunta e considerou "urxente" aprobar a norma de inmediato. O propio presidente anunciouna en diversas ocasións -a última, hai un ano- sen que houbese movemento ningún ao respecto.
Esas promesas reiteradas foron, precisamente, as que lembrou a AMEGA despois de que o PP "rexeitase a posibilidade de debater o asunto". O PP, di a Asociación de Medios en Galego, "votou en contra da transparencia nas axudas aos medios de comunicación" e faino aínda que o propio presdiente prometeu "nove veces nos último seis anos a inmediata presentación da lei de publicidade institucional" sen que "en ningunha das ocasións cumprise a súa promesa".

     Asociación de Medios en Galego

Documentos relacionados

O estudantado sae á rúa contra o decreto 3+2 e a "privatización" do ensino

Desde mañá, o estudantado responderá á proposta do Goberno central de poñer en marcha os graos de tres anos de duración. Será unha protesta contra o famoso decreto 3+2, adiada xa e criticada polos reitores, e que suporá a eliminación de titulacións e a fusión de graos, que se reducirán a tres anos e a 180 créditos desde os catro anos e os 240 actuais, unha medida que para os seus críticos suporá a súa devaluación e a obrigatoriedade de cursar dous anos de máster -que agora dura un- e asumir prezos elevados para unha maioría dos alumnos. Un novo modelo que facilitará a competencia das universidades privadas, que non poden competir nin en calidade nin en prezo coa oferta pública de graos, pero si o poden facer na de máster.
O Sindicato de Estudantes convoca dous días de folga no ensino; as organizacións galegas van á folga e saen á rúa o xoves 26
O Sindicato de Estudantes convocou para mañá mércores e o vindeiro xoves unha folga xeral estudantil en Secundaria e ensino universitario, que irá acompañado das manifestacións do xoves 26, xornada na que as organizacións estudantís galegas teñen convocada a folga e tamén mobilizacións e concentracións en todas as cidades e varias vilas galegas. Protestas que non se limitan a esta nova proposta do ministro Wert, senón aos recortes nunha política educativa que cualifican de "elitista e discriminatoria" e que cren que vai destinada a "privatización".
Así, Comités, Liga Estudantil Galega, Agir e outras organizacións estudantís galegas animan a protestar "cunha soa voz" contra os recortes, a masificación das aulas, a precarización do profesorado e contra unha universidade que "sexa cada vez máis un servizo que moi poucas podemos pagar". No comunicado conxunto, as entidades galegas opóñense a que lles "quiten as bolsas, a que endurezan os requisitos para obtelas mentres recortan e deixan a campus e institutos en situacións dramáticas". E animan a saír á rúa "contra un ensino que cada vez custa máis pagar ás clases populares e cunha calidade cada vez menor".
Comités e Liga Estudantil maniféstanse "contra un ensino que cada vez custa máis pagar ás clases populares e cunha calidade cada vez menor"
Será unha reivindicación dun "ensino público e gratuíto", tamén dun Sindicato de Estudantes que ve no decreto 3+2 unha novo golpe "decisivo cara á privatización" despois de que no Estado se recortasen "máis de 1.500 millóns de euros ás universidades públicas e dun incremento brutal das taxas, cos que xa se expulsou máis de 45.000 estudantes universitarios nos dous últimos anos". "Quen poderá pagar os 20.000 euros que custará o título universitario?", pregúntase a organización, que desmente que a medida pretenda equiparar o sistema con Europa, xa que "en 23 países da UE o acceso á Universidade é gratuíto ou a prezos baixos".
Pero hai moito máis. Comités e Liga Estudantil apostan tamén por "liscar das aulas o patriarcado" e censuran un goberno que "fomenta con sumas indecentes de cartos aos colexios que segregan por sexos". "Mentres eles impoñen relixión, negación do corpo e de nós mesmas e perpetuación de vellos valores, nós loitamos por unha educación en igualdade que nos axude a construír novas relacións", reivindican, ao tempo que advirten do "perigo" no que se atopa a lingua galega, "tanto no ensino como na sociedade".
O decreto 3+2 é para as organizacións estudantís a medida que culmina "todas as contrarreformas educativas do PP para acabar co dereito ao estudo"
Para todas as organizacións, este último decreto supón un ataque máis "e o máis grave en décadas" que vén culminar "todas as contrarreformas educativas do PP para acabar co derito ao estudo" das clases populares. "Queren impoñer o seu modelo mercantilista e elitista en beneficio das grandes universidades privadas", censura o Sindicato de Estudantes, que cre que para o PP "sobran universitarios de familias traballadoras".
Así, o Sindicato de Estudantes convoca folga xeral no ensino para os dous vindeiros mércores e xoves, mentres que Comités, Liga Estudantil e o resto de organizacións galegas apostan polo xoves para o paro e as mobilizacións na rúa "contra os recortes no ensino, por unha educación popular, non patriarcal, galega, científica e de calidade".

Hora e lugar das manifestacións do xoves 26

Comités, Liga Estudantil e Agir:
  • A Coruña: Praza de Vigo ás 12:00h
  • Burela: Praza do Concello ás 12:00h
  • Ferrol: Praza Camilo José Cela (Diante do edificio da Xunta) ás 12h
  • Lugo: Edificio Intercentros ás 12:30 e na Horta do Seminario ás 12:45h
  • Ourense: Diante da Subdelegación do Goberno ás 12h
  • Pontedeume: porta do IES Breamo ás 10h
  • Pontevedra: Praza da Peregrina ás 12:00h
  • Santiago de Compostela: Alameda ás 11:30h
  • Vigo: Praza América ás 11:30h
  • Allariz: Diante do IES de Allariz ás 12h
  • Cee: Praza 8 de marzo ás 12h
  • Guitiriz: Diante do IES Díaz Castro
  • Melide: Diante do IES de Melide ás 12h
  • O Carballiño: Praza Maior d’O Carballiño ás 17:30h
  • Ponteareas: Desde a rúa Feliciano Barrera (diante dos IES) ás 12h
  • Ribadeo: Diante do IES Ribadeo ás 12h
  • Ribeira: Diante da Estación de autobuses ás 12h
  • Sarria: Praza da Vila ás 12h
  • Verín: Avenida de Portugal (Diante do IES Xesús Taboada Chivite) ás 12h
  • Vilagarcía: Praza da Galiza ás 12h
  • Vilalba: Praza da Constitución ás 12h
Sindicato de Estudantes:
  • Ferrol: Edificio da Xunta, praza de España ás 12h
  • Compostela: Alameda, 11,30h
  • Vigo: praza América, 11,30h
  • A Coruña: praza da Palloza, 12h
  • Lugo: Avenida Ramón Ferreiro, fronte ao IES, 12,30h

Paso adiante para unha nova ilegalización dos concertos en centros que segregan por sexo

O Tribunal Supremo vén de admitir a trámite o recurso de casación presentado pola CIG-Ensino contra a sentenza do TSXG que declaraba legais os concertos educativos da Xunta en centros que segregan o alumnado por sexo. Esixen do novo conselleiro a devolución dos 12 millóns entregados “ilegalmente” e a definitiva retirada dos concertos. 

O Tribunal Supremo abre as portas a unha nova ilegalización dos concertos educativos con centros que segregan por xénero ao admitir a trámite o recurso de casación presentado pola CIG-Ensino contra a sentenza do TSXG.
Como precedente fan constar o fallo do Tribunal Supremo a favor do recurso presentado pola CIG Ensino contra os concertos outorgados a este tipo de centros entre os anos 2009-2013 polo que agora agardan que, coa xurisprudencia existente, volvan darlle a razón e declare ilegais os concertos do ano 2013 ao 2017. “Mais, o combate da CIG-Ensino contra estes concertos educativos retrógrados e contrarios a un ensino coeducativo non vai parar até que se derogue a LOMCE que pretende darlle cobertura legal”, explican.
Devolución dos cartos e retirada definitiva
“A sentenza que ditou o TSXG utilizou como única argumentación xurídica a Lei 17/2012 do 27 de decembro dos orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, normativa de rango xurídico inferior á LOE que era a lei vixente no momento en que se concederon os concertos no ano 2012”, explican desde a CIG-Ensino da argumentación coa que prepararon o recurso de casación agora admitido.

Reclaman tamén do novo Conselleiro de Educación que se reintegren os 12 millóns entregados “ilegalmente” a estes centros no período 2009-2013 e que se retiren definitivamente os concertos que, segundo o sindicato nacionalista, “perpetúan unha educación sexista e contraria á igualdade de xénero”. 
Despois da sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) declarando legais os concertos educativos que segregan o alumnado por razón de xénero, correspondentes aos anos 2013-2017, a CIG-Ensino preparou o recurso de casación perante a sala terceira do Tribunal Supremo (TS) en contra desa sentenza, que vén de ser admitido polo TSXG.

A sentenza que ditou o TSXG utilizou como única argumentación xurídica a Lei 17/2012 do 27 de decembro dos orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, normativa de rango xurídico inferior á LOE que era a lei vixente no momento en que se concederon os concertos no ano 2012. De feito, o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía ten presentado un recurso de inconstitucionalidade polo mesmo motivo contra esta lei de orzamentos por ser contraria á Lei orgánica de Educación (LOE), vixente nesa data.
Xa no ano 2009, a CIG-Ensino recorreu tamén os concertos outorgados a este tipo de centros entre os anos 2009-2013 que, do mesmo xeito, nun primeiro momento, foron declarados legais polo  TSXG. Diante desta sentenza, a CIG-Ensino presentou recurso de casación perante o TS que fallou ao noso favor e ditou sentenza firme contra este tipo de concertos.


Todo indica que, segundo a xurisprudencia existente, o Tribunal Supremo volverá a darnos a razón. Agardamos que, definitivamente, despois de que Tribunal Supremo declarase ilegais os concertos educativos do ano 2009 ao 2013 neste tipo de centros, tamén declare ilegais os do  período 2013-2017. Mais, o combate da CIG-Ensino contra estes concertos educativos retrógrados e contrarios a un ensino coeducativo non vai parar até que se derrogue a LOMCE que pretende darlle cobertura legal.
Neste sentido, demandámoslle ao novo Conselleiro o reintegro dos 12 millóns de euros que se lle entregaron ilegalmente a estes centros durante o período 2009-2013 e que retire definitivamente os concertos educativos a estes centros que perpetúan unha educación sexista e contraria á igualdade de xénero. Centros que reciben grandes cantidades de diñeiro público, mentres continúan desmantelando o ensino público coa redución do profesorado, desatenden as necesidades educativas específicas de apoio educativo, reducen as bolsas de estudo e exclúen do ensino postobrigatorio os fillos e as fillas das clases populares.

Unha xornada con Rosalía como protagonista de centos de actos e iniciativas

Ao longo de todo o país, Rosalía é protagonista de centos de actos en centros de ensino, concellos, asociacións, iniciativas privadas ou homenaxes particulares nas redes sociais. Sermos Galiza ofrece na súa loxa un especial dedicado a Rosalía. 

Cando se fai o 178 aniversario do seu nacemento, as homenaxes á escritora toman forza social aínda que sen o apoio institucional da Xunta.Concellos, asociacións ou centros escolares convértense en organizadores do amplo programa do 24 de febreiro no que Rosalía é a protagonista absoluta e o nome que máis actos concentra nun mesmo día, fóra do institucionalizado Día das Letras Galegas. Contra o que acontece o 17 de maio, o 24 de febreiro cobra forza social sen o apoio institucional, en especial, da Consellaría de Cultura, que aínda non lle deu respaldo necesario para afortalar as conmemoracións nos centros de ensino. Neste sentido, a CIG-Ensino promove unha proposta que está a ser difundida e apoiada nos centros de ensino para que o Día de Rosalía forme parte do calendario escolar ademais da apertura pública do Panteón de Galegos Ilustres  xa que, segundo defenden, “a obra de Rosalía é o punto de arranque da dignificación do noso idioma e a valoración e difusión da súa obra é unha actividade normalizadora, útil e necesaria”. 
Sermos Galiza, con Rosalía
Sermos Galiza ofrece na súa loxa un especial dedicado a Rosalía. Trátase dunha das primeiras compilacións dixitais dunha sección que foi publicada no semanario en papel. O coleccionábel afonda na figura da escritora desde múltiples perspectivas por medio de especialistas en cada un dos ámbitos de análise. A proposta responde á vontade do xornal de promocionar e divulgar a figura de Rosalía tanto a través do semanario como no xornal dixital. 
“De Cantares Hoxe” na súa casa 
Pola súa banda, a Fundación Rosalía, presentará o libro-CD, “De Cantares Hoxe” para conmemorar o día de nacemento da poeta. Esta terza feira, 24 de febreiro, coincidindo co 178 aniversario do nacemento da poeta organiza tamén a tradicional ofrenda floral en Santiago ademais do acto de presentación do libro-CD que terá lugar á tarde en colaboración coa Radio Galega. O Diario Cultural de Ana Romaní realizará un programa especial arredor da figura de Rosalía na Matanza de Padrón.
“De Cantares hoxe” reúne poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos escritos por Rosalía para “Cantares Gallegos”.  No acto intervirán  Manuel Forcadela, Antía Otero, Arturo Casas,

Carmen Blanco, Luís González Tosar, Olalla Cociña e Xosé María Álvarez Cáccamo ademais das críticas Ana Salgado e María Xesús Nogueira. Pechará a actuación musical de Najla Shami  interpretando temas do seu disco dedicado a Rosalía.
A AELG, centraliza actividades
A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega centraliza através da súa páxina web a multitude de actos que se desenvolven arredor da xornada en diversas localidades e centros, tanto os organizados pola propia asociación como polas outras entidades. A AELG defende a institucionalización deste Día de Rosalía de Castro como unha “xornada de celebración da nosa literatura, animando á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día”.
Co lema "Eu son Rosalía" centros escolares, institucións, movemento asociativo, e persoas a nivel individual están promovendo na rede a figura da poeta cun exercicio de identificación coa propia obra. Os vídeos que están a publicarse na rede están tamén recollidos na web da Asociación. Lecturas colectivas, actividades teatrais ou iniciativas singulares como a das bolechas de Rosalía do IES Castro Alobre de Vilagarcía (na foto) expándense por multitude de centros de ensino.
Actos en Lugo, Ourense, Vigo, Madrid, a Rúa de Valdeorras, Bueu ou Ferrol acollen actos promovidos directamente pola AELG, entidade que recolle tamén as iniciativas que parten de entidades como as do Grupo Rosalauria en Ourense ou o Colectivo Cultural Buril entre outras asociacións e concellos.
Os actos continuarán en días vindeiros, como no Concello de Carballo que propón para a cuarta feira 25 de febreiro a proxección do documental “I ante aquel silencio mudo” ou para a sexta feira o concerto de Narf baseado en poemas de Rosalía “A lingua viaxeira”.

martes, 24 de febreiro de 2015

Google dedica o seu “doodle” a Rosalía no seu aniversario

Millóns de ordenadores abren neste 24 de febreiro lembrando Rosalía no seu aniversario.

Rosalía de Castro (1837-1885) está nas pantallas de millóns de ordenadores a través do buscador Google que esta terza feira dedica o seu “doodle” á escritora galega no 178 aniversario do seu nacemento. A aparición de Rosalía na capa do buscador supón unha inmensa promoción a través da rede da autora de Follas Novas. Con anterioridade, Google xa dedicara o seu codiciado “doodle” á escritora Concepción Arenal no 195 aniversario do seu nacemento. Daquela a imaxe da visitadora de cárceres, escritora, pensadora e avogada aparecía canda a célebre frase “Abride escolas e pecharanse cárceres”.
Desta volta, ás 00 horas, como é habitual que muden a portada en Google, foi pendurada a imaxe de Rosalía no inicio do día no que se fai 178 anos do seu nacemento. O poema "Adiós ríos, adiós fontes" foi o escollido de fondo nunha imaxe no que o logotipo de Google apareceu cun escudo de Galiza no primeiro O, detrás da imaxe de Rosalía. Desta volta, foi iniciativa propia dedicarlle o doodle á escritora galega aínda que se puxeron en contacto e pediron colaboración á Fundación Rosalía.
Os “doodles” son os cambios do logotipo de Google que aparecen maiormente en determinadas conmemoracións, festividades e efemérides diversas. Centos de propostas recíbense diariamente a través do correo proposals@google.com mais só unhas poucas pasan ao gabinete dos enxeñeiros e deseñadores dedicados con exclusividade ao deseño dos populares doodles.

Galiza Nova anima aos alumnos de Deza e Tabeirós a secundar a folga do xoves

Galiza Nova acaba de desenvolver nos centros educativos das comarcas unha campaña para difundir a folga estudantil deste xoves contra o decreto que permite ás universidades crear graos de tres anos e dous máis de máster. A medida, que se aprobou o pasado 30 de xaneiro, permitirá que "só as elites poidan estudar", polo encarecemento dos máster, segundo o delegado de Galiza Nova na zona, Alberte Mera.
Galiza Nova ten claro que a reforma do sistema educativo universitario -só cinco anos despois da entrada en vigor, en 2010, do Plan Bolonia- "é un ataque brutal contra o ensino público, co que se pechan as portas da universidade á maioría dos estudantes". A organización xuvenil do BNG repartiu material e mantivéronse encontros cos estudantes de diversos centros educativos da comunidade galega. Alberte Mera sinala que a campaña "solicitou o apoio doutros sectores como o profesorado ou os pais, afectados tamén por esta política de recortes". Ademais da xornada de folga, haberá unha manifestación na Alameda de Santiago de Compostela, a partir das 11.30 horas.
Asemblea da CIG
Por outra banda, o sindicato CIG-Ensino convoca unha asemblea mañá, ás 18.00 xiras no seu local de cálea Capitán Bernal, na Estrada, para abordar as oposicións que acaba de convocar a Xunta. Hai 432 prazas para as especialidades de Primaria, excepto Francés.

Entrevista en Cuartopoder.es coa Secretaria Xeneral do Sindicato de Estudantes

"As universidades privadas están a fregar as mans con este decreto, porque van ver como as súas arcas se enchen de diñeiro dunhas familias que fan o imposible para que os seus fillos continúen estudando,"

"Anxo Gabilondo foi o ministro que se destacou polo 'plan Bolonia' e iniciou o camiño que logo seguiu o PP. quen defende esas ideas afástase do que debe ser o PSOE se quere representar os traballadores"

As condicións sociolaborais do profesorado galego continúan á cola respecto ás do resto do Estado

Aínda que o Goberno galego tentou "venderlle a moto" á cidadanía galega coa lei 11/2014 de orzamentos xerais de Galiza para o 2015 incluíndo nela unha disposición que o obriga á devolución ao funcionariado da famosa paga extra de decembro de 2012 e aínda que se presenta esa obriga de devolución como proba palpábel da presunta recuperación económica que está a experimentar o país, o fondo desa disposición adicional décimo sétima é ben diferente e deixa ver unha realidade diametralmente oposta á que pretende mostrar Feijóo.

Non é certo que o Goberno galego vaia devolver a extra de 2012. Nin tan sequera é certo que estea a cumprir as sentenzas xudiciais que determinan que ten a obriga de devolver, si ou si, 44 días devengados desa paga extra. O Goberno do Partido Popular o que fai é devolver tan só 22 días do total da paga extra substraída en 2012. É probable que nun futuro próximo, seguramente moi preto xa das próximas eleccións (sexan estas municipais, estatais ou galegas) faga o anuncio de que devolve o que resta de paga extra de 2012 para, de novo, dar a sensación de ser un goberno cumpridor co seu funcionariado. Nada máis lonxe da realidade.

A situación empeora se nos comparamos co resto de territorios do Estado español (véxase táboa ao final do texto). Tan só outras 5 comunidades autónomas están nunha situación tan negativa como a nosa, isto é, na que o funcionariado docente segue sen percibir integramente unha retribución cuxo dereito a cobrala foi xa gañado e recoñecido nos tribunais.

O colmo do esperpento é que o Goberno de Feijóo, como quen non quere a cousa, continúa quitando ano tras ano unha paga extra ao funcionariado docente galego. Dende 2013, efectivamente, a Consellería de Educación determinou que nas pagas extras de xuño e decembro íanse deixar de cobrar os complementos específicos (docente, sexenios, singular e cargos) de forma que todas as pagas extras dende 2013 ata hoxe seguen estando recurtadas entre un 40% e un 50%. En definitiva, do 2013 a hoxe o colectivo docente galego perdeu practicamente unha paga extra enteira cada ano transcorrido.

De novo, a comparativa co resto do Estado (véxase táboa ao final do texto) é tan reveladora como desoladora, pois tan só outras 5 comunidades autónomas están nesa mesma situación.

Non insiste o Goberno Popular en que a situación económica en Galiza virou para ben durante o ano 2014?. Por que mantén, entón, estes recortes retributivos para o funcionariado docente galego? Acaso non merece o profesorado que depende da Consellería de Educación da Xunta de Galicia un trato, como mínimo, equiparable ao profesorado do resto do Estado? Ou é que a cacarexada recuperación só serve para dar grandes titulares pero non para retribuír dignamente aos traballadores e traballadoras do ensino galego?