O PSOE rexistrou onte no Parlamento unha pregunta na que interpela á
Xunta sobre o estado en que se atopa tanto o CEIP de Silleda como o da
Bandeira. O primeiro sofre desde hai anos problemas de filtración de
humidades, pero nos últimos meses agraváronse os danos, pese tanto ás
reformas que se fixeron recentemente como a que o inverno non está a ser
moi chuvioso.
A edil de Educación, Pilar Peón, compareceu onte
xunto ao parlamentario socialista Pablo García, e a presidenta e
secretaria da ANPA; Rebeca Vivas e Marta Agra. A concelleira apuntou que
houbo que trasladar a situación ao Parlamento despois de realizar
trámites infrutuosos ante a Consellería de Educación: tras solicitar en
decembro unha reunión co xefe territorial, César Pérez, en xaneiro
contéstaselle que haberá un encontro a finais dese mes ou no presente
febreiro. "Pero non me contestan, así que devolvo a chamada e
respóndenme que todos os casos son urxentes".
Para Pablo García é
moi alarmante o pensar que hai casos máis extremos que o do CEIP de
Silleda. No colexio trasdezano as filtracións de auga están oxidando as
xanelas e obrigaron a retirar as lámpadas nalgunhas aulas para evitar
cortes de luz. Por iso, moitos nenos teñen que usar estas dependencias
case ás escuras "e convivindo co moho", lembra Pilar Peón. O CEIP ten
356 nenos, que agora ademais teñen que turnarse para usar o comedor "ou
ben comer hacinados", despois de que houbese que inutilizar unha mesa,
tamén polas humidades. A cuberta do comedor é de madeira e xa se cambiou
en 2012, pero a humidade afecta de tal forma que xa hai risco de que se
desprenda algún panel. A presenza de pingueiras de auga chega mesmo ao
corredor interior que une as dúas ás do edificio. O chan está mollado de
forma constante, co que é máis que probable que os nenos escorreguen
nel. Por encima, a caldeira de calefacción, con máis de 23 anos, non
achega a calor suficiente para todo o edificio.
O CEIP trasdezano,
como calquera outro centro, dispón de dúas contas, unha para
funcionamento e outra para o comedor. Na segunda existe un remanente de
120.000 euros. Unha opción para afrontar as reformar é derivar parte da
contía a estes arranxos "e a un seguimento correcto dos mesmos", apunta
Rebeca Vivas. Proponse que Educación tome parte desta contía para
realizar as reformas, sempre reintegrando o diñeiro para a conta á que
foi asignada nun principio e garantindo así que os nenos sempre van
comer ben.
Ningún comentario:
Publicar un comentario