O Clúster
TIC Galicia vén de amosar os principais resultados dunha enquisa
interna desenvolvida entre as súas empresas socias para tomarlle o
pulso a situación do emprego TIC na nosa terra e albiscar, a
maiores, os prognósticos que as firmas teñen para este ano 2015.
Entre as informacións xeradas figura a seguinte: nestes intres un
67% de empresas mantén procesos abertos de selección de persoal. Os
perfís máis demandados son programación en Java; programación en
diferentes plataformas para comercio electrónico; desenvolvedores de
aplicacións para móbiles; virtualización; e consultores e
comerciais TIC.
A gran maioría das
prazas que se ofertan, o 90%, son para Galicia e en maior medida para
as cidades de Santiago, A Coruña e Vigo. Fóra da nosa terra, o
informe salienta Madrid e os países latinoamericanos. Ademais, dise
na investigación, o 81% prevé aumentar o equipo de traballo durante
o ano 2015, cunhas porcentaxes medias de incremento dun 30%. En canto
aos factores que provocan estas necesidades de persoal destaca a
diversificación do negocio, cun 30%; o medre do mercado local, nun
26%; e a procura de novos mercados cun 19%.
“As empresas TIC”,
sinala o Clúster, “detectan unha mellora da situación económica
nos distintos sectores produtivos galegos así como unha importante
recuperación en investimentos de I+D”. A maiores, decátanse de
que sector tecnolóxico-dixital está máis especializado a día de
hoxe, “polo que a competencia é menor e as posibilidades de
colaboración moito maiores”.
Polo demais, explícase,
todas as empresas localizan atrancos para acadar os perfís
requiridos e achacan este problema “á alta cualificación que se
precisa neste sector”. Como medida para contrarrestar o dato,
apuntan a posibilidade de adaptar outros perfís para cubrir a
demanda, como pode ser o caso de determinadas especialidades da
formación regrada de grao medio e profesionais nas labores de
consultoría e comercialización.
Ningún comentario:
Publicar un comentario