mércores, 25 de febreiro de 2015

Paso adiante para unha nova ilegalización dos concertos en centros que segregan por sexo

O Tribunal Supremo vén de admitir a trámite o recurso de casación presentado pola CIG-Ensino contra a sentenza do TSXG que declaraba legais os concertos educativos da Xunta en centros que segregan o alumnado por sexo. Esixen do novo conselleiro a devolución dos 12 millóns entregados “ilegalmente” e a definitiva retirada dos concertos. 

O Tribunal Supremo abre as portas a unha nova ilegalización dos concertos educativos con centros que segregan por xénero ao admitir a trámite o recurso de casación presentado pola CIG-Ensino contra a sentenza do TSXG.
Como precedente fan constar o fallo do Tribunal Supremo a favor do recurso presentado pola CIG Ensino contra os concertos outorgados a este tipo de centros entre os anos 2009-2013 polo que agora agardan que, coa xurisprudencia existente, volvan darlle a razón e declare ilegais os concertos do ano 2013 ao 2017. “Mais, o combate da CIG-Ensino contra estes concertos educativos retrógrados e contrarios a un ensino coeducativo non vai parar até que se derogue a LOMCE que pretende darlle cobertura legal”, explican.
Devolución dos cartos e retirada definitiva
“A sentenza que ditou o TSXG utilizou como única argumentación xurídica a Lei 17/2012 do 27 de decembro dos orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, normativa de rango xurídico inferior á LOE que era a lei vixente no momento en que se concederon os concertos no ano 2012”, explican desde a CIG-Ensino da argumentación coa que prepararon o recurso de casación agora admitido.

Reclaman tamén do novo Conselleiro de Educación que se reintegren os 12 millóns entregados “ilegalmente” a estes centros no período 2009-2013 e que se retiren definitivamente os concertos que, segundo o sindicato nacionalista, “perpetúan unha educación sexista e contraria á igualdade de xénero”. 
Despois da sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) declarando legais os concertos educativos que segregan o alumnado por razón de xénero, correspondentes aos anos 2013-2017, a CIG-Ensino preparou o recurso de casación perante a sala terceira do Tribunal Supremo (TS) en contra desa sentenza, que vén de ser admitido polo TSXG.

A sentenza que ditou o TSXG utilizou como única argumentación xurídica a Lei 17/2012 do 27 de decembro dos orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, normativa de rango xurídico inferior á LOE que era a lei vixente no momento en que se concederon os concertos no ano 2012. De feito, o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía ten presentado un recurso de inconstitucionalidade polo mesmo motivo contra esta lei de orzamentos por ser contraria á Lei orgánica de Educación (LOE), vixente nesa data.
Xa no ano 2009, a CIG-Ensino recorreu tamén os concertos outorgados a este tipo de centros entre os anos 2009-2013 que, do mesmo xeito, nun primeiro momento, foron declarados legais polo  TSXG. Diante desta sentenza, a CIG-Ensino presentou recurso de casación perante o TS que fallou ao noso favor e ditou sentenza firme contra este tipo de concertos.


Todo indica que, segundo a xurisprudencia existente, o Tribunal Supremo volverá a darnos a razón. Agardamos que, definitivamente, despois de que Tribunal Supremo declarase ilegais os concertos educativos do ano 2009 ao 2013 neste tipo de centros, tamén declare ilegais os do  período 2013-2017. Mais, o combate da CIG-Ensino contra estes concertos educativos retrógrados e contrarios a un ensino coeducativo non vai parar até que se derrogue a LOMCE que pretende darlle cobertura legal.
Neste sentido, demandámoslle ao novo Conselleiro o reintegro dos 12 millóns de euros que se lle entregaron ilegalmente a estes centros durante o período 2009-2013 e que retire definitivamente os concertos educativos a estes centros que perpetúan unha educación sexista e contraria á igualdade de xénero. Centros que reciben grandes cantidades de diñeiro público, mentres continúan desmantelando o ensino público coa redución do profesorado, desatenden as necesidades educativas específicas de apoio educativo, reducen as bolsas de estudo e exclúen do ensino postobrigatorio os fillos e as fillas das clases populares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario