Como dixemos
os días pasados en Código Cero, a firma Tegnix
vén de impulsar un ambicioso proxecto de administración de sistemas
baseado en GNU/Linux e encamiñado a centros educativos e PEME, o
proxecto Control Suprimir,
xa operativo e habilitado en galego e máis en castelán. Control
Suprimir é un feixe de ferramentas que abrangue todo o que poidamos
requirir en materia de mantemento para os ámbitos empresarial e
docente. Cousas como o intercambio de ficheiros con permisos
individuais ou por grupos, a xestión, as copias de seguridade
automatizadas ou unha navegación por Internet máis rápida. Segundo
nos conta Carlos Rodríguez, director executivo de Tegnix, Control
Suprimir constitúe a prolongación do proxecto Abalar, “a través
do que 75.000 equipos dos nosos centros educativos xa levan o sistema
automatizado que deseñamos para a Consellería de Educación da
Xunta de Galicia”.
Polo tanto, Control
Suprimir é o servizo aplicado a centros educativos e empresas que
precisen de mantemento integral de sistemas con GNU/Linux.
Na opinión de Tegnix,
tanto uns (centros de ensino) coma outras (firmas do noso tecido
produtivo) precisan a día de hoxe, máis que nunca, de servizos como
Control Suprimir. Por que motivo? “Pois”, conta Carlos Rodríguez,
“porque as novas tecnoloxías estanse empregando cada vez máis no
ámbito docente e nas empresas, polo que a carga de horas do persoal
de mantemento vai en aumento e faise preciso externalizar este
servizo nunha empresa especializada como Tegnix”.
A principal
particularidade do novo servizo da empresa que dirixe Carlos
Rodríguez baséase na bagaxe e experiencia previamente xeradas. É
dicir, Control Suprimir non sae da nada, e de feito estamos a falar
dun servizo xa implantando nos 75.000 equipos de Abalar “cun
resultado excelente”. Agora chega a un novo estado de evolución
ofrecéndose ás entidades públicas ou privadas que o precisen.
Como dixemos, está
baseado en software libre e código aberto. Isto, engade a empresa,
empraza ao cliente nunha situación de “total liberdade” de
escoller o mellor fornecedor, “malia que a oferta que achega
Tegnix é a que mellor relación calidade/prezo amosa para o
mantemento dos nosos equipos informáticos”, explican os
responsábeis da firma, que salientan como unha das vantaxes
principais do servizo a liberación de tempo do persoal TIC do propio
centro adicado “ás complexas tarefas de mantemento onde a
infraestrutura pode chegar a máis de 100 computadores”. Ademais,
grazas a Control Suprimir pódese integrar o servizo co sistema de
Xestión Administrativa (Xade) co que cada persoal do profesorado e
mesmo do alumnado do centro ten a súa conta individual e
independente do equipo onde traballe. Ademais, inclúese o servizo de
“proxy caché”, co que a velocidade de navegación por Internet
mellora substancialmente.
Polo que respecta ás
empresas, diríxese a cubrir unha demanda específica das mesmas: a
demanda de soporte técnico especializado en software libre e código
aberto. Polo tanto, Control Suprimir ofrécelles, en palabras de
Tegnix, “a solución axeitada para o mantemento da súa
infraestrutura e despregue de servizos como compartir ficheiros,
xestión de contas e permisos centralizados, proxy, redes privadas
virtuais (VPN), teletraballo, etc...”.
Por certo que a web de
Control Suprimir está xa plenamente operativa,
www.controlsuprimir.com,
ao igual que o teléfono da empresa onde recadarmos información, 986
12 40 40, e a conta de correo info@controlsuprimir.com.
Ningún comentario:
Publicar un comentario