A derradeira sesión audiovisual consistíu nunha gravación sobre a conservación do medio natural na propia fraga. As e os participantes xa realizaran diversas reportaxes sobre protección animal, cooperativismo ou comercio xusto e consumo responsable, que se unirán nun programa final. As rapazas e rapaces interveñen na toma de decisións en todas as fases, pois trátase de empoderalos para lanzaren as súas propias mensaxes e fomentar así a participación social.
Ao longo do obradoiro, que se prolongou durante doce semanas, o alumnado aprendeu sobre os xéneros xornalísticos, o guión ou a montaxe, sempre con exemplos de temática social e solidaria, pero tamén adquiriu pautas respecto da linguaxe inclusiva, o tratamento de colectivos en risco de exclusión ou a análise do discurso mediático. Contribúese así a formar unha cidadanía con espírito crítico e construtivo. Os seus avances pódense seguir a través dun blog.
Esta actividade de educación e comunicación para o desenvolvemento encádrase no movemento europeo Escolas sen Racismo, que engloba a máis de 500 centros educativosO centro está a acoller outras actividades do programa Escolas sen Racismo, como é a exposición Mira Ti, coa que se traballa contra os prexuízos e a discriminación, ou o teatrofórum, no que se presenta algún conflito cotiá cuxa solución terá que representar o alumnado, favorecendo así a empatía e autoestima. Para valorar a interiorización dos contidos de todas estas propostas empregarase o chamado Test de Tolerancia, unha enquisa na que se expoñen situacións de discriminación con varias respostas alternativas.
A iniciativa Escolas sen Racismo, que conta co apoio da Xunta de Galicia, desenvólvese neste curso en doce centros educativos nos que se traballa con variadas metodoloxías para fomentar a solidariedade e a igualdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario