Se hai tres anos deixaba neste blogue unha foto dun tal marra
que para min representaba o retrato dun home dono da súa lingua e farto
dos que a atacan. A foto era da manifestación do 18 de outubro de 2009.
Xa que logo, van alá máis de cinco anos.
Onte, na manifestación de Queremos Galego, chegando á Praza da Quintana,
a súa estampa resaltou nos meus ollos como unha estrela relucente. A
súa figura destacaba na marea de milleiros de almas que ateigaban o
lugar. Nun impulso roubeille esta foto mentres entraba na praza. Era
este mesmo home, cheo de dignidade. Era o mesmo lema: "contra os que
odian o galego", nunha montura simple que revelaba o sentimento que lle
saía da alma. A el non lle cómpren adobíos nin técnicas de markéting
para mostrar a súa afouteza coa defensa do galego. Un pau e unha bandexa
de cartón. Nunca un material tan pobre alcanzou tan alto valor.
Por suposto que non sei quen é, pero agradézolle que estivera alí, dando
exemplo nesa mañán fría de febreiro. El é a dignidade dun pobo, o
galego, desprezado polos seus gobernantes.
Sei que Feijóo, Jesús Vázquez ou Valentín García non son quen de lle
mirar directamente aos ollos do home que levaba a lingua nunha bandexa
de cartón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario