luns, 23 de febreiro de 2015

YouTube estreará unha aplicación para cativos a semana que vén

Que unha das cousas que máis fan os cativos cando lle poñen unha tableta diante é usar YouTube é algo que non se lle escapa a ninguén, e precisamente por iso están a preparar unha nova aplicación para dispositivos Android, YouTube Kids, que verá a luz o vindeiro luns, e que incluiría contidos aptos para menores, para tranquilidade dos pais.
Dende YouTube aseguran que mentres o crecemento interanual de tempo de visualización de vídeos en YouTube medra de media un 50%, no caso de contidos familiares o crecemento está no contorno do 200%, de aí que teñan iso moi en conta á hora de facer de YouTube un lugar o máis familiar posible.
A aplicación contará cunha interface minimalista, que faga que os pequenos non se distraian con elementos como os comentarios dos usuarios, á vez que tamén integrará sistemas de control parental que permitan, por exemplo, que a aplicación deixe de funcionar tras certa cantidade de tempo.
YouTube Kids presentará en portada programas televisivos para os máis pequenos, temas musicais, vídeos educativos e outros contidos populares, guiando aos pequenos a través dun amplo catálogo de contidos, para o que contan cunha interface con elementos de grande tamaño para facilitar o seu uso cos dedos e incluso a posibilidade de realizar buscas mediante ordes de voz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario