martes, 24 de febreiro de 2015

Unha folga na defensa do ensino público

Organizacións, asociacións e colectivos estudantís chaman a secundar a greve perante o desmantelamento do servizo público após máis dun lustro de recortes e reformas.

A data está marcada no almanaque desde decembro de 2014. Organizacións, colectivos e asociacións estudantís de todo o país sumáronse nunha convocatoria conxunta de folga na defensa do ensino público. A xornada de loita terá lugar este 26 de febreiro e coincide coa última reforma anunciada polo goberno español. A aprobación do 'decreto 3+2' engádese a unha longa restra de modificacións lexislativas que atinxiron o ensino medio e universitario --12 reformas educativas desde 1970.
Nos últimos anos os sucesivos executivos españois implementaron a adaptación do ensino superior ao espazo europeo. Neste senso, foi aprobado o Plan Boloña (2007-2009) e o devandito 'decreto 3+2'. Doutra banda, a Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) supuxo unha volta de porca ao ensino medio que viña rexéndose pola Lei Orgánica de Educación (LOE) desde 2006.
Desde o remate da ditadura franquista, os cambios de cor nos sucesivos gobernos españois resultaron na aprobación de novas leis educativas. Desde o estudantado critican a falta de estabilidade no ensino e as súas consecuencias. Aliás, denuncian que nos últimos anos se está a "desmantelar o público para favorecer o ensino privado".
"Temos menos profesores e algúns deles están a impartir materias nas que non están especializados"
Así o subliña en conversa con Sermos Galiza Noela Rial, estudante de 3º da ESO en Camariñas. Esta moza secundará a greve convocada para o 26 de febreiro porque, di, "vou a todas". As súas razóns, "quero estudar" e cos plans de recortes a perda de calidade do servizo público estase a facer notar. "Temos menos profesores e algúns deles están a impartir materias nas que non están especializados", explica. Un feito ao que se lle engade a merma nas axudas. "Cada vez son máis extremas as condicións que exixen para obter as bolsas", afirma Tamila Alem, estudante de Formación Profesional en Compostela e veciña de Ourense.
"Hai semanas que me chegou a bolsa denegada por vir de cursar estudos universitarios" con anterioridade ao curso formativo no que se matriculou este ano. Alem abandonou a universidade porque quedara sen axudas. A realidade do ensino universitario, di, é "denigrante".
"Non temos equipamentos para todos e temos que partillar computadora ou levala nós da casa"
Falta de profesionais e axudas, mais tamén de recursos materiais e mesmo de tempo para garantir unha aprendizaxe de calidade. "Este ano quitaron varios profesores e aumentou o número de estudantes por grupo", recoñece Alfredo Gómez, estudante dun ciclo de informática en Lugo. Cunha trintena de compañeir@s na súa aula "ás veces temos que quedar fóra de horario para que se nos explique a práctica", aliás, acrecenta, "non temos equipamentos para todos e temos que partillar computadora ou levala nós da casa".
"É unha incoherencia o que están a facer", denuncia Ramón Nocesa, estudante de 1º curso de Económicas. "Son milleiros de persoas as que poden quedar fóra da universidade", sentenza.
Perante esta realidade, asegura Daniel Barral, estudante de 2º de BAC en Vigo, de cara á folga do 26F "non temos que pensar só en nós senón nas persoas que veñen detrás". Razón pola que el tampouco dubida en secundar o paro.
Xunto coa convocatoria para baleiraren as aulas, as organizacións, colectivos e asociacións convocantes lanzan unha chamada ao estudantado para que faga parte das mobilizacións que terán lugar nas principais vilas e cidades do país.
Hora e emprazamento das mobilizacións esta quinta feira 26-F:

Manifestacións:
  • A Coruña: Praza de Vigo ás 12:00h
  • Burela: Praza do Concello ás 12:00h
  • Ferrol: Praza Camilo José Cela (Diante do edificio da Xunta) ás 12h
  • Lugo: Edificio Intercentros ás 12:30 e na Horta do Seminario ás 12:45h
  • Ourense: Diante da Subdelegación do Goberno ás 12h
  • Pontedeume: porta do IES Breamo ás 10h
  • Pontevedra: Praza da Peregrina ás 12:00h
  • Santiago de Compostela: Alameda ás 11:30h
  • Vigo: Praza América ás 11:30h
     
Concentracións:
  • Allariz: Diante do IES de Allariz ás 12h
  • Cee: Praza 8 de marzo ás 12h
  • Guitiriz: Diante do IES Díaz Castro
  • Melide: Diante do IES de Melide ás 12h
  • O Carballiño: Praza Maior d’O Carballiño ás 17:30h
  • Ponteareas: Desde a rúa Feliciano Barrera (diante dos IES) ás 12h
  • Ribadeo: Diante do IES Ribadeo ás 12h
  • Ribeira: Diante da Estación de autobuses ás 12h
  • Sarria: Praza da Vila ás 12h
  • Verín: Avenida de Portugal (Diante do IES Xesús Taboada Chivite) ás 12h
  • Vilagarcía: Praza da Galiza ás 12h
  • Vilalba: Praza da Constitución ás 12h

Ningún comentario:

Publicar un comentario