mércores, 11 de febreiro de 2015

A Mesa pídelle ao novo conselleiro que se pronuncie sobre o galego

Destaca a “unidade” da manifestación a favor do idioma do pasado domingo coa presenza de “Xavier Vence, Francisco Caamaño ou Martiño Noriega”. 

Leva unhas horas no cargo, pero Román Rodríguez, o novo conselleiro de Cultura e Educación xa ten unha pataca quente entre as mans; a masiva manifestación do pasado domingo a favor do galego. Precisamente, sobre esta cuestión, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), Marcos Maceira, retouno xa a que se sitúe "xa" respecto ao idioma, porque "terá que demostrar se quere galego ou se tampouco quere galego".
 
Así, amosou o seu desexo de que sexa o titular de Educación quen, a partir de agora, estea "á fronte das políticas de impulso" ao idioma, xa que o seu predecesor non o fixo así. "A postura que mantivo non foi de non avanzar senón que foi de retroceder", sinalou sobre o xa exconselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, que sae do Executivo autonómico para ser candidato do PP á Alcaldía de Ourense.
 
Sobre a "multitudinaria" manifestación celebrada o pasado domingo en Santiago de Compostela, Maceira dixo que mostrou "unha gran unidade" en torno ao idioma, e iso "coa excepción" do Partido Popular, lembrou, xa que "reuniu a políticos de distintos signo, desde o líder do BNG, Xavier Vence, ao exministro socialista Francisco Caamaño ou o portavoz de Anova, Martiño Noriega".
 
Neste sentido, sinalou que a do domingo foi "a demostración clara" de que a sociedade tomou conciencia de que é "o momento" de reverter a "falta de saúde" da lingua galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario