mércores, 11 de febreiro de 2015

A CIG-ENSINO considera que marcha o Conselleiro máis nefasto da historia da Consellaría de Educación

A CIG-Ensino manifesta que a única mudanza necesaria para o ensino é un xiro de 180º na política educativa e lingüística do PP.

Desde a CIG-Ensino emprazamos o novo Conselleiro a que lea de vagar as propostas contidas na Iniciativa lexislativa popular promovida pola CIG-Ensino en defensa do ensino público e para a restitución dos dereitos laborais e salariais do profesorado, ILP que lle foi presentada persoalmente ao Grupo do PP no Parlamento, dentro da rolda de presentacións realizadas. Esta ILP contén as demandas fundamentais do profesorado e da comunidade educativa e que están avaladas por case 23.000 sinaturas recollidas nun breve período de tempo, e que “el mesmo recoñeceu que era unha emenda á totalidade da política educativa da Consellaría de Educación”.
Hoxe foi presentado ante os medios de comunicación o novo Conselleiro de Educación que vén substituír a Jesús Vázquez, quen deixa o cargo co negro balance de ter sido o peor conselleiro da historia da Consellaría de Educación.
Quen agora deixa a Consellaría foi un Conselleiro que tivo como liña de actuación o desmantelamento do ensino público en beneficio do ensino privado concertado, a persecución do noso idioma coa promulgación do Decreto de Plurilingüismo, a destrución de emprego coa supresión de máis de 3000 postos de traballo docentes, o menosprezo ao profesorado cunha batería de medidas que supuxeron máis precarización, menos profesorado nos centros, incremento do horario lectivo e reducións salariais. Un conselleiro insubmiso ás resolucións xudiciais e que conta no seu haber con numerosas sentenzas en contra da súa actuación, tanto en política laboral, como educativa. Un Conselleiro autoritario e antidemocrático que non dubidou mesmo en utilizar o portal web institucional para atacar o profesorado e os seus representantes. Un Conselleiro españolista, totalmente submiso e vasalo perfecto dos mandatos de Madrid que non dubidou en usar a Consellaría como laboratorio experimental da política máis represiva do Partido Popular e fiel entusiasta da LOMCE. En definitiva, tratouse dun conselleiro inimigo do ensino público e do ensino en galego e ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da que segrega o alumnado por razón de xénero, un Conselleiro ao servizo da ideoloxía máis reaccionaria do Partido Popular e en contra do Ensino Público Galego.
Para a CIG-Ensino o nomeamento do novo conselleiro na persoa do anterior portavoz de Educación no Parlamento lévanos a pensar que o Partido Popular quere dar continuidade á política educativa que até hoxe guiou o Conselleiro saínte, enviando unha mensaxe de continuidade nas nefastas políticas de educación.
Mais, en todo caso, desde a CIG-Ensino emprazamos o novo Conselleiro a que lea de vagar as propostas contidas na Iniciativa lexislativa popular promovida pola CIG-Ensino en defensa do ensino público e para a restitución dos dereitos laborais e salariais do profesorado, ILP que lle foi presentada persoalmente ao Grupo do PP no Parlamento, dentro da rolda de presentacións realizadas. Esta ILP contén as demandas fundamentais do profesorado e da comunidade educativa e que están avaladas por case 23.000 sinaturas recollidas nun breve período de tempo, e que “el mesmo recoñeceu que era unha emenda á totalidade da política educativa da Consellaría de Educación”, declara o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, “mais xa as primeiras declaracións de Román Rodríguez poñen en evidencia a aposta do PP por unha política continuísta”.
Anxo Louzao considera que “non temos postas esperanzas neste nomeamento, xa que sen un cambio de rumbo total na política educativa e lingüística do PP nada se pode agardar de quen sexan os seus executores. Por tanto, só cabe unha revisión total da política educativa e lingüística realizada desde o ano 2009 e pór as bases dunha política de apoio e fortalecemento do ensino público que mellore a súa calidade e restitúa os dereitos dos seus traballadores e traballadoras, así como a derrogación do Decreto de Plurilingüismo e a aplicación do Plan Xeral de Normalización de 2004, que asente os alicerces para unha plena normalización lingüística e o ensino en galego”.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario