Este mércores, 11 de febreiro, o auditorio da Biblioteca Rego da
Balsa de Carballo acolle a presentación da canción e do videoclip Parabéns para ti,
impulsado conxuntamente pola Mesa pola Normalización Lingüística e o
Concello de Carballo coa finalidade de promover que se celebren os
aniversarios en galego.
Para facilitar que nenas e nenos, e tamén maiores, celebren e
feliciten os aniversarios en galego, impulsouse desde Carballo a
gravación dunha canción co seu correspondente videoclip. Trátase dunha
proposta da Mesa pola Normalización Lingüística promovida conxuntamente
co concello carballés a través do seu Servizo de Normalización
Lingüística, e que contou coa colaboración do Coro Vagalume.
A partir da presentación, o videoclip será publicado en Youtube para
que a el poida ter acceso todo o mundo e poida utilizarse para aprender a
canción; usalo para felicitar os aniversarios a través das redes
sociais; utilizar o vídeo en centros de ensino, ludotecas, festas, etc.
Ademais, o Concello de Carballo distribuirao nas escolas infantís,
centros de ensino e ludotecas do municipio.
A canción e o vídeo foron totalmente producidas en Carballo e por xente do municipio. A adaptación musical da popular canción Parabéns para ti
é obra de Nanny Mouro. De poñerlle voz ao tema encargáronse Paula
Fraga, como voz principal, e Carla Serrano, Julia Antelo, Noah Abelenda e
Sara Pose nos coros. A canción gravouse nos estudios da Escola da Rúa.
Da posta en escena para o videoclip encargouse o Coro Vagalume, coa
participación de arredor de 40 nenos e nenas. A gravación e produción do
vídeo é obra de Mamá Lola estudios. O videoclip gravouse na Biblioteca
Rego da Balsa.
A presentación desta canción e do videoclip é aberta ao público e ten
lugar este mércores 11 de febreiro, ás 19.00 h, na Biblioteca Rego da
Balsa. A ela asistirán Marcos Maceira, presidente da Mesa pola
Normalización Lingüística; Xosé Regueira, concelleiro de Normalización
Lingüística do Concello de Carballo; e representantes do Coro Vagalume e
de Mamá Lola estudios, ademais de nenos e nenas participantes no vídeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario