Miles de estudantes de secundaria e da universidade toman as rúas galegas contra as agresións ao ensino público.
Miles de estudantes de ensino medio e
superior percorreron as rúas de toda Galiza para manifestar a súa
oposición ás políticas educativas do PP. O detonante destas
mobilizacións, convocadas polas organizacións estudantís galegas (Liga
Estudantil Galega, AGIR e Comités) foi, desta volta, o decreto 3+2, polo
que se reduce a 3 anos a duración dos graos universitarios e se
incrementan en 1 os mestrados, que serán imprescindíbeis para completar a
formación e que encarecerán substancialmente o custo total dos estudos
universitarios.
“É unha reforma clasista e pensada para dinamitar a universidade pública, alentar o ensino privado e limitar o acceso aos estudos superiores ás clases sociais que teñan poder adquisitivo abondo para pagalo”. Así o explicou Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, ao comezo da manifestación convocada en Compostela, onde subliñou que a LOMCE, “unha lei xerárquica, privatizadora e españolizadora”, foi a antesala das reformas que agora chegan ao sistema universitario. Reformas coas que, denunciou, se afonda no desmantelamento da universidade pública para favorecer a súa privatización e que xa se albiscaban cando o PP decidiu incrementar as taxas e reducir a contía das bolsas.
Ao entender de Louzao, “hoxe está máis que en cuestión o dereito á educación” e o que se vai provocar é un “incremento da desigualdade, ao lles negar ás clases populares o dereito a ter igualdade de oportunidades”.
O secretario nacional da CIG-Ensino advertiu que todas estas reformas camiñan cara á “liquidación” da educación pública e están fundamentadas nos principios do neoliberalismo. “Estamos ante unha proposta de ordenación do sistema universitario coa que se pretende reducir os graos e ampliar o tempo dos mestrados, co obxectivo de desviar o alumnado ás universidades privadas e facer do acceso ás universidades públicas un ben exclusivo das familias de clase alta, xa que serán as únicas que terán posibilidade de pagala”.
Louzao denunciou tamén o desmantelamento progresivo do sistema universitario público nos últimos anos, concretado na redución e externalización do profesorado, que queda á marxe da investigación, e na redución do seu financiamento, que cada vez é menor. “Pártese de criterios mercantilistas, no sentido de que unicamente se fala da rendibilidade en termos económicos e non da rendibilidade en termos sociais”.
Fronte a isto, defendeu que o acceso á educación “é un ben que debe ser indiscutíbel e a súa rendibilidade é máis que segura se falamos en termos de dereitos e de investimento público e social”.
Denunciou xunto a isto que o ensino obrigatorio “está impartido con tales deficiencias que tamén afonda nas diferenzas entre clases sociais” facendo imposíbel a “cohesión social” cando debería ir na dirección inversa.
Modelo educativo economicista e neoliberal
Louzao tamén criticou duramente as declaracións da secretaria de Estado de Educación, FP e Universidades, Monserrat Gomendio que, a principios desta semana, asegurou que o sistema universitario non é sostíbel.
Neste sentido, o secretario nacional da CIG-Ensino salientou a coincidencia dos postulados entre Monserrat Gomendio, secretaria de Estado de Educación, e a Consellaría de Educación e subliñou que desde o goberno da Xunta “o primeiro que fixeron foi recortar os investimentos da Consellaría de Educación, que se viron minguados nun 33,5% desde o 2009 (680 millóns de euros menos) para o ensino público non universitario en Galiza”. A iso engadiu a redución, ano tras ano, dos orzamentos destinados ás universidades galegas, que só desde o ano pasado diminuíron en máis de un millón e medio de euros. “Primeiro afogan o sistema educativo e logo afirman que non é sostíbel”.
Concluíu que se está a “desmantelar e liquidar un servizo público indiscutíbel” e denunciou que “ao PP só o moven os criterios capitalistas” segundo os que “só poden acceder á cultura, á educación e aos bens e servizos aqueles e aquelas que os poidan pagar. Non conciben a educación como un dereito fundamental para calquera cidadán ou cidadá. Por iso o seu modelo é segregacionista e clasista”.
OUTRAS NOVA
A CIG-Ensino apoia a convocatoria de folga convocada polas organizacións estudantís galegas para o día 26 de febreiro
Ningún comentario:
Publicar un comentario