venres, 27 de febreiro de 2015

Deza e Tabeirós secundan a folga

A maioría dos institutos rexistra un notable seguimento.

O alumnado dos institutos de Deza e Tabeirós secundou en gran medida a folga estudantil convocada para as xornadas de onte e antonte a nivel nacional. A incidencia na zona moveuse entre o 50 e o 80%, o que deixou aulas baleiras na maioría dos centros. O paro buscaba esixir ao ministro de Educación que derrogue o decreto de ordenación dos estudos universitarios que permitirá ás universidades crear graos de tres anos.
En Deza, os dous institutos de Lalín rexistraron un gran apoio. No caso do IES Ramón María Aller Ulloa a incidencia foi similar nos dous días e situouse nun 80% do alumnado. Pola súa banda no IES Laxeiro, o seguimento nos ciclos formativos foi case do 100%, nas aulas de bacharelato roldou o 70% e nos cursos de 3º e 4º de ESO foi do 50%.
Mentres que, no IES Marco do Camballón, de Vila de Cruces, o seguimento foi dun 65% do alumnado convocado e en Silleda, no IES Pintor Colmeiro, na xornada do mércores contabilizouse un 47,07% e onte un 50,97%.
En Tabeirós-Montes, o seguimento roldou o 90% nos institutos da comarca. Así as cousas, desde o IES Manuel García Barros da Estrada indicaron que a folga se notou máis durante o mércores, cando foi secundada por un 80%. Onte, a falta de alumnos foi menor, cun 70% de seguimento. Pola súa banda, o IES Antón Losada rexistrou onte un seguimento do 90%, máis que o mércores. Neste centro, a folga fixérona alumnos de bacharel, 3º e 4º da ESO e dos ciclos de FP. No IES Número 1 a folga foi seguida onte nun 90%, un 75% o mércores.
Por último, o IES Chano Piñeiro de Forcarei rexistrou tan só un 50% de faltas.
Escasa incidencia
En Deza o único centro no que a folga pasou de longo, sen apenas incidencia, foi o Colexio Plurilingüe María Inmaculada de Silleda. En ningún centro da zona levaron a cabo manifestacións nin actos reivindicativos.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario